Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2018 Páx. 31396

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2018 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo (Lugo), aprobada mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de xuño de 2018.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de xuño de 2018, da modificación puntual nº 2 do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo (Lugo).

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, fanse públicas as disposicións normativas modificadas, para a súa entrada en vigor. Os artigos modificados son os seguintes:

Artigo 3.2. Condicións da edificación (comúns a todas as zonas)

Normativa xeral.

No caso de edificios independentes dentro dunha parcela, a separación mínima entre eles será de 3 m.

Permítense patios abertos ou pechados. A dimensión mínima destes patios fíxase coa condición de que, en planta, se poida inscribir un círculo de diámetro igual á altura da máis alta das edificacións, se estas teñen locais susceptibles de que se faga estadía habitual de persoas; ou á metade do diámetro se os ocos ao patio pertencen a zona de paso, almacéns ou outras que non reúnan as condicións para a estadía habitual das persoas.

Permítense semisotos cando se xustifiquen debidamente, de acordo coas necesidades. Poderanse dedicar a locais de traballo cando os ocos de ventilación teñan unha superficie non menor de 1/8 da superficie útil do local.

Permítense sotos cando se xustifique debidamente.

Queda prohibido utilizar os sotos como locais de traballo.

Permítese que as construcións e elementos accesorios necesarios para o adecuado funcionamento dos almacéns e das industrias, tales como depósitos elevados, silos, torres de refrixeración, chemineas, etc., excedan a altura máxima permitida nas edificacións.

Para determinar a superficie de ocupación en planta e a superficie construída, terase en conta o exposto no número 1.2 destas ordenanzas.

Peches de parcela.

O límite da parcelas nas aliñacións a vías e nas liñas medianeiras, obxecto de recuamentos, materializarase cun cerramento tipo que se fixe para o parque ou, se for o caso, resolverase respectando un deseño adecuado que deberá someterse a aprobación municipal. O peche reflectirase no proxecto construtivo.

Dado que o parque está incluído dentro da delimitación do territorio histórico asociado ao Camiño de Santiago, terase en conta o disposto na Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago, no que respecta a materiais e cores dos cerramentos, así como das especies vexetais que se planten. Así, os materiais non previstos para quedaren á vista, deberán revestirse con masa ou con outros materiais adecuados e pintarse. No que respecta á cor dos materiais de acabamento, deben evitarse as cores puras ou intensas, en especial as ocres amarelas, ocres vermellas, laranxas e granates, e optar máis ben polos tons claros e neutros. As cores brancas e grises poden ser adecuadas.

Os peches das aliñacións a espazos públicos (non a vías) realizaranse cunha banda opaca de 0,60 m de altura máxima e poderase chegar ata 1,80 m con sebes vexetais ou proteccións diáfanas.

No caso dos peches traseiros das parcelas que lindan coa estrada N-634, poderase eliminar a banda opaca e substituíla por un peche diáfano con sebes vexetais, de maneira que se formen pantallas que oculten as edificacións desde determinados puntos de vista ou para romper o seu perfil, de forma que o seu impacto se vexa atenuado.

As sebes vexetais realizaranse con especies autóctonas, preferentemente especies xa existentes na zona.

A construción do cerramento común a dúas parcelas correrá a cargo da industria que primeiro se estableza e a segunda deberá aboar o custo que correspondería á metade do cerramento tipo antes citado, e aboalos antes do comezo da construción.

No suposto de parcelas estremeiras con grandes diferenzas entre as cotas de terreo, construiranse muros seguindo o límite das parcelas, para a contención de terras, que se sufragarán a partes iguais entre os propietarios das dúas parcelas. Así mesmo, no caso de que se establecese unha delas en primeiro lugar e realizase á súa custa o muro de contención, a segunda que se estableza deberá realizar o aboamento correspondente a esta.

Artigo 3.7. Condicións estéticas

Xeneralidade.

Permítense as recebas sempre que estean ben terminadas. As empresas beneficiarias quedarán obrigadas ao seu bo mantemento e conservación.

Tanto as paredes medianeiras como os paramentos susceptibles de posterior ampliación deberá tratarse como unha fachada e ofrecer calidade de obra terminada.

Os rótulos empregados axustaranse ás normas dun correcto deseño canto á composición e cores utilizadas e realizaranse a base de materiais inalterables aos axentes atmosféricos. A empresa beneficiaria é a responsable, en todo momento, do seu bo estado de mantemento e conservación.

As edificacións en parcelas con fronte a máis dunha rúa e, en xeral, a calquera sistema de espazos libres de dominio e uso público (xardíns, vías, aparcadoiros), quedarán obrigadas a que todos os seus paramentos de fachada teñan a mesma calidade de deseño e acabamento.

Terán consideración de fachada aqueles paramentos que, aínda que non teñan fronte a unha rúa ou espazo público, sexan visibles por cuestións de topografía ou criterios de medición de rasantes.

As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán ofrecer un acabamento digno e que non desmereza da estética do conxunto, para o cal os devanditos elementos deberán tratarse con idéntico nivel de calidade ao da edificación principal.

Dado que o parque está incluído dentro da delimitación do territorio histórico asociado ao Camiño de Santiago, terase en conta o disposto na Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago, no que respecta a materiais e cores. Así, os materiais non previstos para quedaren á vista, deberán revestirse con masa ou con outros materiais adecuados e pintarse. No que respecta á cor dos materiais de acabamento, deben evitarse as cores puras ou intensas, en especial as ocres amarelas, ocres vermellas, laranxas e granates, e optar máis ben polos tons claros e neutros. As cores brancas e grises poden ser adecuadas.

Permítese a utilización de cerramentos de paneis de formigón prefabricado ou paneis de chapa metálica con acabamentos e cores acordes co establecido na presente normativa, sempre que o seu acabamento sexa mate.

Non se permite o uso de bloques de formigón para deixar á vista.

Artigo 4.1. Solo industrial

Ámbito de aplicación:

Comprende as áreas delimitadas e grafadas no plano de zonificación.

Condicións de edificación:

Tipoloxía: acaroada (entre medianís agrupada e pareada illada).

Superficie mínima de parcela: 400 m2.

Fronte mínima de parcela: 10 m.

Altura máxima de edificación: 9 m.

Altura máxima de planta: a definida segundo o número 1.2.

Altura libre de planta: 3 m.

Número de plantas: 2.

Recuamentos mínimos a aliñacións: os establecidos no plano de aliñacións e implantación.

Recuamentos mínimos a estremas: permítese edificar acaroado; no caso de que non se chegue coa edificación á estrema, o recuamento mínimo será de 3 m.

Ocupación máxima de parcela: a establecida polos propios recuamentos da parcela.

Edificabilidade: 1 m2/m2.

Condicións de uso:

Calquera actividade industrial, así como os seus usos compatibles, que cumpran coa lexislación vixente.

O uso industrial é o correspondente aos establecementos destinados á obtención de materias primas ou derivadas destas, incluíndo a almacenaxe, envasamento, reparación, transporte e distribución deses ditos produtos, ou a exposición, reparación e garda de maquinaria, así como ás funcións que complementan a actividade industrial propiamente dita.

Considéranse usos compatibles co industrial aquelas actividades non especificamente industriais, como oficinas, laboratorios, centros informáticos, empresas de servizos, garaxe-aparcadoiro e talleres de automóbil.

En tipoloxía illada considéranse tamén usos compatibles os hipermercados e os establecementos de hostalaría.

A admisibilidade destes usos compatibles queda supeditada á existencia ou implantación simultánea do uso industrial principal na parcela considerada, polo que, previa ou simultaneamente á solicitude de usos compatibles, será obrigatoria a autorización da actividade industrial principal.

Non obstante o anterior, nas parcelas industriais lucrativas estremeiras ao sur da chamada vía principal de distribución (toda a banda de parcelas que vai desde a S-1 ata a S-14, con vista directa á estrada N-634), así como nas situadas ao norte da vía e estremeiras co equipamento comercial lucrativo (parcelas S-19 e S-20), os usos previstos como compatibles tamén poderán ser considerados como uso principal, sen que a súa autorización estea vinculada á implantación dunha actividade industrial.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo