Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 1 de xuño de 2018 Páx. 26958

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 56/2018, do 9 de maio, de reorganización de centros docentes públicos en determinadas localidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; e o artigo 27.1.b) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, atribúe a competencia para elaborar propostas de creación de centros escolares á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

A racional distribución das ensinanzas impartidas nos centros docentes de educación infantil e primaria do Concello de Culleredo (A Coruña) e a mellora da atención das necesidades educativas existentes fai precisa a creación dun novo colexio de educación infantil e primaria (CEIP), pois trátase dunha zona con moi alta demanda de prazas escolares. Esta actuación mellora as condicións de escolarización na localidade e permite que tanto o alumnado do novo centro como o dos xa existentes dispoñan de máis espazo para as actividades docentes.

A consecución destes mesmos obxectivos persegue a actuación no Concello de Soutomaior (Pontevedra), consistente na creación dun novo instituto de educación secundaria (IES), en que se escolarizará o alumnado de educación secundaria obrigatoria do centro público integrado (CPI) Manuel Padín Truiteiro, do mesmo concello; así mesmo, o novo IES ofertará ensinanzas de bacharelato nas modalidades de ciencias e humanidades e ciencias sociais. Como consecuencia desta actuación, o CPI transfórmase nun CEIP.

Desta transformación derivan efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de educación infantil e primaria, xa que o traslado do alumnado de educación secundaria obrigatoria ao centro de nova creación permitirá dispoñer de máis espazo para actividades docentes, e tamén facilitará que o profesorado poida centrarse en proxectos educativos máis acordes coa tipoloxía do alumnado, o que suporá unha mellora das relacións entre os membros da comunidade educativa.

E, evidentemente, da creación do IES tamén derivan efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de educación secundaria obrigatoria, pois participará dun contorno socioeducativo máis afín nun centro instalado nun edificio de nova construción, en que poderá continuar estudando a etapa de bacharelato.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día nove de maio de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación dun colexio de educación infantil e primaria

Créase o colexio de educación infantil e primaria (CEIP) de Culleredo (código 15033149), con capacidade para 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

Artigo 2. Creación dun instituto de educación secundaria

Créase o instituto de educación secundaria (IES) de Soutomaior (código 36024987) en que se impartirán as ensinanzas de:

– Educación secundaria obrigatoria: 12 unidades.

– Bacharelato, modalidades de ciencias e humanidades e ciencias sociais: 4 unidades.

Artigo 3. Transformación dun centro público integrado en colexio de educación infantil e primaria

O centro público integrado (CPI) Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior (código 36009172), transfórmase nun CEIP con capacidade para 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

De conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el (DOG núm. 169, do 1 de setembro) e demais normativa de aplicación:

a) O persoal docente do corpo de mestres adscrito a prazas de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria e o profesorado de ensino secundario que estea adscrito con carácter definitivo a postos de traballo docentes de educación secundaria obrigatoria no CPI Manuel Padín Truiteiro quedará adscrito definitivamente ao novo IES de Soutomaior.

b) O persoal docente do corpo de mestres adscrito con carácter definitivo ao CPI Manuel Padín Truiteiro en postos de educación infantil e primaria quedará adscrito definitivamente ao CEIP Manuel Padín Truiteiro.

c) O persoal funcionario docente que se adscriba aos centros manterá, para todos os efectos, a antigüidade que posuía no centro de orixe.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para executar e desenvolver este decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria