Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2018 Páx. 26222

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2018, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2017/506-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36000 Vigo.

Denominación: LMT, CTC San Correa.

Situación: Vigo.

Características técnicas: LMT subterránea a 15 kV con condutor RHZ de 68 metros de lonxitude, con orixe e final na arqueta proxectada na LMT SDM701 Gándara Beade, no tramo SDM7012290, unha vez entre e saia do centro de transformación proxectado San Correa. Centro de transformación de 250 kVA, RT 15 kV/400-230 V, situado en Camiño Facho, Beade, Vigo.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 24 de outubro de 2017, no BOP do 26 de outubro de 2017, no xornal Faro de Vigo do 16 de febreiro de 2018 e no taboleiro de anuncios do Concello de Vigo. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación, segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Con data do 2 de novembro de 2017, Manuel Fernández Rodríguez, presenta escrito de alegacións nesta xefatura territorial en relación co expediente IN407A 2017/504-4 LMTS, CT San Correa, solicitando a expropiación total do predio da súa propiedade xa que a dita parcela se cualifica como urbana no PXOM de Vigo e que a instalación do centro de transformación deixa todo o suelo existente sin a expectativa de que o dito solo urbano teña o desenvolvemento previsto no ordenamento municipal, que recolle posibilidades reais de edificación nos ditos terreos, orixinando a dita instalación un prexuízo que se proxecta a toda a parcela.

Con data do 1 de decembro de 2017, Fernando López Val en representación da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., remite escrito de contestación ás alegacións, mostrando a súa oposición á petición de Manuel Fernández Rodríguez de expropiación total do predio xa que soamente se ven afectados pola instalación 17,76 metros cadrados.

Unha vez examinados ambos os escritos polos servizos técnicos da xefatura territorial conclúese que:

– No relativo á petición de expropiación total do predio na cal o reclamante considera que «deixa todo o solo existente sen a expectativa de que o dito solo urbano teña o desenvolvemento previsto no ordenamento municipal, que recolle posibilidades reais de edificación nos ditos terreos, orixinando a dita instalación un prexuízo que se proxecta a toda a parcela», cabe indicar que non se pode valorar esta petición ata que se obteña resposta do Concello de Vigo, mediante informe sobre a edificabilidade da parcela en cuestión, polo que se pedirá desde esta xefatura territorial o dito informe ao Concello de Vigo, para poder ditaminar durante a tramitación do procedemento expropiatorio se é procedente ou non a solicitude de expropiación total do predio servente.

– Segundo o indicado no artigo 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e ao non ter proposto o reclamante ningunha alternativa ao trazado da instalación proxectada, procede a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Resolución da Consellería de Economia e Industria do 19 de febreiro de 2014 pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, DOG nº 54, do 19 de marzo, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 25 de abril de 2018

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra