Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 23 de maio de 2018 Páx. 25612

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Santiago de Compostela

EDICTO (PO 266/2015).

ORD Procedemento ordinario 266/2015

Procedemento orixe: /

Sobre outras materias

Demandante: María Cristina López Martín

Procurador: Alberto Míguez Gómez

Avogado: Víctor Manuel Rodríguez Guardado

Demandado: Claudio García Luces

No procedemento de referencia ditouse a resolución do teor literal seguinte:

Sentenza: 144/2016

Xuízo ordinario nº 266/2015

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2016

Sentenza.

Vistos por min, Ana Belén López Otero, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Santiago de Compostela, as presentes actuacións de xuízo ordinario tramitadas co número 266/2015, en que interviñeron como demandante María Cristina López Martín, representada polo procurador dos tribunais Sr. Míguez Gómez e asistida polo letrado Sr. Rodríguez Guardado, e como demandado Claudio García Luces, en situación de rebeldía procesual, en virtude das seguintes consideracións,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Remitiuse a este xulgado demanda de xuízo ordinario presentada polo procurador dos tribunais Sr. Míguez Gómez, en nome e representación da Sra. López Martín, en que se manifesta ter verificado entrega de sumas ao demandado polo importe de 120.000 euros, en virtude das diversas operacións mencionadas no seu escrito inicial, sen que lle fosen devoltas polo que, e recoñecendo fronte a este unha débeda por importe de 12.200 euros, solicita que se dite sentenza pola cal se condene o demandado ao pagamento de 107.800 euros máis os xuros legais, todo iso con imposición de custas á parte demandada. Admitida a trámite a demanda e conferido traslado á contraparte, este deixou transcorrer o prazo legalmente previsto sen formular contestación, polo que foi declarado en situación de rebeldía procesual.

Segundo. Posteriormente emprazáronse as partes para a audiencia previa, que tivo lugar o 24 de maio de 2016; no día e na hora sinalados. A representación da demandante propuxo como proba documental, interrogatorio e testifical, foi admitida a proposta e púxose fin ao acto sinalando data para a celebración do xuízo.

Terceiro. O acto do xuízo tivo lugar o día 3 de outubro de 2016, practicouse a proba no seu día admitida e, tras a emisión das oportunas conclusións, quedaron os autos vistos para sentenza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Exércese neste procedemento unha acción de reclamación de cantidade con base na entrega de diversas cantidades que a demandante afirma que entregou ao Sr. García Luces, con quen mantiña unha relación sentimental, co obxecto de prestarlle axuda económica por mor da situación de crise das empresas das que era socio. Afirma que iso se verificou mediante unha transferencia por importe de 30.000 euros levada a cabo polo demandado, que era autorizado na súa conta, a favor da entidade Inmobiliaria Galicia 93, S.L., así como mediante a subscrición dun contrato de préstamo por importe de 60.000 euros e unha liña de crédito por importe de 30.000 euros, sumas que foron transferidas a contas da mesma entidade antes mencionada, polo que, recoñecendo a demandante deber ao demandado a suma de 12.000 euros, solicita que lle sexa imposta a devolución de 107.800 euros (artigos 1091, 1255, 1258, 1157 e 1753 do CC).

Exposto o anterior e para a resolución da controversia formulada e a valoración da proba que consta en autos, debemos partir dun dato procesual que cómpre ter en conta, como é a situación de rebeldía do demandado. Como é sabido, no noso ordenamento xurídico a rebeldía non supón (salvo nos supostos legalmente previstos, como é o caso do desafiuzamento no artigo 440 da LAC) conformidade coas pretensións da demandante nin recoñecemento dos feitos alegados de contrario (artigo 496 da LAC), senón simplemente perda das posibilidades de alegación e proba que no procedemento lle corresponden, de maneira que segue recaendo sobre o demandante a obriga de acreditar os feitos en que basee a súa pretensión. Se o exposto é certo, non o é menos que iso tampouco se pode traducir nun aumento da exixencia probatoria da demandante, pois a propia rebeldía do demandado se traduce en ocasións nun aumento da dificultade probatoria, de maneira que, no caso contrario, se favorecería a quen voluntariamente asume a posición de inactividade procesual. Tendo en conta todo o exposto, débese valorar a proba que consta en autos.

Segundo. Achegouse coa demanda diversa documental; así, póliza de préstamo do 1 de agosto de 2007, subscrita pola demandante coa entidade Banco Gallego por importe de 60.000 euros, póliza de crédito subscrita na mesma data e coa mesma entidade pola demandante cun límite de 30.000 euros. Consta, así mesmo, documental emitida pola entidade bancaria, como consecuencia de reclamación interposta pola demandante, na cal, entre outras circunstancias, se indica que en relación coa suma correspondente ao préstamo antes mencionado, esta foi aboada na conta corrente da demandante, que se traspasou o mesmo día en dúas partidas de 30.000 euros á conta núm. 74860 de Inmobiliaria Galicia 93, S.L., estando asinadas ambas as dúas ordes polo demandado, así como que, en relación coa liña de crédito tamén antes mencionada, se traspasou a suma de 29.500 á mesma conta da inmobiliaria en concepto de entrega á conta, mediante unha orde asinada pola demandante. Na mesma documentación faise referencia a unha conta da demandante, nº 75002, en que figura como apoderado o Sr. García Luces en virtude de documento de autorización do 10 de maio de 2006, que así mesmo consta en autos, refírese a existencia dun débito de 30.000 euros con data do 30 de maio de 2006 e que foi traspasado á conta 74860 de Inmobiliaria Galicia 93, S.L., sendo a orde asinada polo Sr. García Luces.

Así mesmo, consta en autos un documento do 11 de xullo de 2009, en que se fan constar como intervenientes as partes deste litixio, e no cal se fai constar que o Sr. García Luces lle debe á Sra. López Martín a cantidade de 77.800 euros que lle foron prestados para o desenvolvemento do seu negocio de construción Galicia 93 e Fontes Claudio, en que se engade que o importe da contía desta débeda se produciu como consecuencia da asunción pola Sra. López Martín dun préstamo e dunha liña de crédito co Banco Gallego que suma o importe da débeda mencionada. Despois de a demandante interpoñer denuncia en vía penal, achegouse declaración prestada na devandita sede polo aquí demandado na cal indica, entre outras cuestións, que estaba autorizado nunha conta para facer os pagamentos, para realizar movementos e xestionar algúns pagamentos da residencia “Santa Andrea”, así como que é representante da empresa Inmobiliaria Galicia 93, S.L. e que concertou coa denunciante unha operación para adquirir unha vivenda sen que chegase a facerse efectiva, e que o que fixo foi un recoñecemento de débeda por un valor de 77.800 euros e o restante ata 90.000 quedou en compensación de débeda que a denunciante tiña con aquel.

Exposta a proba con que contamos, e valorándoa no seu conxunto, debe concluírse que a demandante acreditou os feitos en que basea a súa pretensión e a obriga de devolución que ao demandado corresponde. Así, e en canto á suma de 90.000 euros correspondentes ás dúas operacións mercantís antes mencionadas, a realidade da entrega en concepto de préstamo de tales sumas resulta do documento de recoñecemento de débeda que consta en autos, documento que ademais resulta ratificado pola declaración prestada en sede penal polo demandado, declaración que, valorada conxuntamente co documento de recoñecemento de débeda, determina que se deba entender que o é da suma total de 90.000 euros, en canto recoñece que a diferenza o é pola débeda que fronte a este ten a demandante e que esta recoñece na súa demanda, o que debe implicar obriga da súa devolución ex articulos 1753 e seguintes do CC.

Sobre a base dos mesmos preceptos, enténdese que se lle ten que impoñer á parte demandada a devolución da suma de 30.000 euros que, así mesmo, son obxecto de reclamación. Para tal efecto, débese indicar que da documental antes exposta resulta a realidade da disposición de tal numerario polo demandado a favor dunha conta da entidade da cal era socio, sen que conste causa diversa á dun préstamo e á que non debe obstar a condición de autorizado que ao Sr. García Luces correspondía en relación con ela. Así, é reiterada a doutrina legal que a mera condición de autorizado nunha conta non atribúe a titularidade ou propiedade do diñeiro depositado nela. Ao respecto, a STS do 19 de decembro de 1995 manifesta que “É inaceptable o criterio de que o diñeiro depositado nas contas indistintas pasou a ser propiedade da recorrente, polo único feito de figurar como titular indistinto, non propietario, porque, segundo doutrina desta Sala, no contrato de depósito, a relación xurídica se establece entre o depositante, dono da cousa depositada e o depositario que a recibe, e a situación legal daquel, en canto ao depositado, non se modifica pola designación da persoa que a poida retirar; os depósitos indistintos non presupoñen comunidade de dominio sobre os obxectos depositados, polo que haberá que aterse ao que resolvan os tribunais sobre a propiedade deles; incumbe á habente causa do depositante acción para reivindicar da persoa designada no depósito indistinto os efectos que tivese retirado deste, sen título para apropiarse del. Partindo diso, nada se acreditou ou indicou acerca da titularidade que ao demandado puidese corresponder das sumas depositadas na conta da demandante e na cal era autorizado, sen que nada conste na documental achegada, pois limitouse a afirmar na súa declaración no procedemento penal que era autorizado para facer pagamentos e xestións en relación coa residencia da cal a demandante era propietaria, manifestacións que, así mesmo, exclúen ou das que nada se infire acerca da concorrencia dunha causa diversa ou distinta que a sinalada na demanda para levar a cabo tal disposición que, lembremos, o foi novamente a favor de Inmobiliaria Galicia 93, S.L. En todo caso, resulta que é doutrina xurisprudencial a que establece o principio de que un negocio tan só é gratuíto se consta a causa de liberalidade e se proba o animus donandi (STS do 13 de xullo de 2000), de modo que a falta de tal animus donandi impide manter a tese da doazón (STS do 27 de marzo de 1992 con cita das do 30 de novembro de 1987, 28 de abril de 1975, 2 de xaneiro e 7 de xullo de 1978 e 31 de maio de 1982), sen que no presente caso tal circunstancia resulte acreditada e sequera alegada, o que supón ter por acreditada a finalidade ou causa de tal disposición que é apuntada no escrito reitor deste procedemento e a conseguinte obriga de devolución que ao demandado alcanza.

Por todo iso, con estimación da demanda, o demandado debe ser condenado a aboar á demandante a suma de 107.800 euros, ao ter xa deducido a demandante a suma que recoñece que lle debía ao Sr. García Luces.

Terceiro. De igual xeito, ex articulos 1100 e 1108 do CC, e de acordo co solicitado, debe ser condenado a aboar os xuros legais desde a data de interposición da demanda.

Cuarto. Ao ter sido admitida a demanda, ex articulo 394 da LAC, deben ser impostas as custas á parte demandada.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Estimar a demanda interposta por María Cristina López Martín e, en consecuencia, condénase a Claudio García Luces a pagar á demandante a suma de 107.800 euros máis os xuros legais desde a data de interposición da demanda, todo iso con expresa imposición de custas á demandada.

Notifíquese esta resolución a todos os interesados e fágaselles saber que contra ela cabe interpoñer recurso de apelación, que deberá interpoñerse no prazo de vinte días desde a súa notificación, para a súa posterior resolución pola Audiencia Provincial, logo de depósito da suma de 50 euros.

Así o acordo, mando e asino.

E como consecuencia do ignorado paradoiro de Claudio García Luces, expídese a presente para que sirva de cédula de notificación.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018

A letrada da Administración de xustiza