Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2018 Páx. 24892

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 48/2018, do 9 de maio, polo que se declara a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar a primeira fase do proxecto integrador da nova estación intermodal de Ourense (estación de autobuses e aparcadoiro subterráneo), aprobado como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

A raíz da sinatura do Convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e a entidade pública empresarial ADIF - Alta Velocidad, para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Ourense e a súa contorna urbana; o 22 de xuño de 2016, en Ourense, acordouse executar as medidas oportunas que permitan acadar a intermodalidade entre o transporte público de viaxeiros en autobús e o transporte público de viaxeiros en ferrocarril.

Con este obxectivo preténdese dotar a Ourense dunhas instalacións que conten coa capacidade e condicións necesarias para a chegada da alta velocidade, o que estableceu a necesidade de construír unha estación de autobuses e un aparcamento subterráneo próximos á actual estación de tren.

O 13 de febreiro de 2017, acordouse tramitar o proxecto global e integrador da futura estación intermodal de Ourense consonte a Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

Logo de acordar o inicio da tramitación do proxecto integrador polo procedemento previsto na Lei 3/2016 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Concello de Ourense someteu a información pública o proxecto mediante anuncio no Boletín Oficial da provincia de Ourense o 16 de maio de 2017. Posteriormente, o Concello de Ourense, como administración expropiante, someteu a información pública a relación de bens e dereitos afectados na primeira fase do proxecto integrador da estación intermodal de Ourense (estación de autobuses e aparcamento subterráneo), mediante anuncio no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 4 de outubro de 2017.

O 7 de decembro de 2017, e tras considerar os informes emitidos e as observacións presentadas nos distintos trámites de información pública realizados, o Consello da Xunta de Galicia acordou aprobar a primeira fase do proxecto integrador da nova estación intermodal de Ourense (estación de autobuses e aparcadoiro subterráneo) como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

O 26 de abril de 2018, o Concello de Ourense solicita que o Consello da Xunta de Galicia acorde a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar a primeira fase do proxecto integrador da nova estación intermodal de Ourense, aprobado como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

Considérase urxente a ocupación dos bens e dereitos necesarios para realizar o proxecto integrador da nova estación intermodal de Ourense (estación de autobuses e aparcadoiro subterráneo), polo seu carácter de proxecto de urxencia ou excepcional interese, polos seus especiais beneficios sociais e económicos, o que permitirá a transformación da actual estación de ferrocarril de Ourense nunha estación intermodal que acolla tanto servizos de alta velocidade como a nova estación de autobuses para o transporte público por estrada, e garantir, deste xeito, a viabilidade da obra nun prazo que posibilite o seu financiamento con cargo ao programa operativo Feder 2014-2020.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de maio de dous mil dezaoito.

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a urxente ocupación para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente da primeira fase do proxecto integrador da nova estación intermodal de Ourense (estación de autobuses e aparcadoiro subterráneo), aprobado como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

Santiago de Compostela, nove de maio de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda