Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2018 Páx. 24889

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de maio de 2018 pola que se deixa sen efecto a Orde do 5 de febreiro de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida a partir do día 7 de febreiro de 2018 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

As organizacións sindicais SPJ-USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO. convocaron folga indefinida, desde o día 7 de febreiro de 2018, durante toda a xornada laboral, en todos os centros de traballo da Administración de xustiza en Galicia, que afectaba o persoal funcionario dos corpos ao seu servizo.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Mediante os reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración xeral do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe a este departamento o exercicio das competencias que corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

Por outra parte, o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación tras oír o comité de folga.

Co fin de facer posible a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais por parte da Administración autonómica galega, determináronse os servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais prestados pola Administración de xustiza en Galicia que permitisen compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público mediante a Orde do 5 de febreiro de 2018, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida a partir do día 7 de febreiro de 2018 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia (DOG núm. 26, do 6 de febreiro).

Pois ben, algunhas organizacións sindicais comunicaron o seu abandono do comité de folga, ou o feito de que deixaban de acudir ás súas reunións e que lles recomendaban aos seus afiliados reincorporarse ao traballo.

Pola súa banda, o comité de folga, tras a súa reunión do día 8 de maio de 2018 á cal acudiron os sindicatos SPJ-USO, CUT, STAJ e CIG, difundiu publicamente un comunicado en que indicaba que nela se resolvera acordar por maioría dos presentes a «interrupción» da folga co fin de buscar novas formas de presión para a resolución do conflito.

En particular, polas declaracións públicas dos sindicatos presentes na reunión do comité, esta «interrupción» é interpretada por varios dos sindicatos como o reinicio da actividade laboral.

Pola súa banda, a evolución actual do seguimento da folga por parte dos funcionarios de xustiza pasou de 1.266 traballadores en folga, o pasado 7 de febreiro, que representaban un 46 %, a 107 traballadores, actualmente, que representan un 3,84 %, o que evidencia unha reincorporación masiva ao traballo dos traballadores (cabe recordar que o artigo 8.2 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece o dereito dos traballadores de dar por rematada a folga en calquera momento).

Así mesmo, no día de hoxe, as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., participantes no seu día na convocatoria de folga, deron traslado á Administración da súa conformidade coa proposta desta presentada na Mesa Sectorial de Xustiza, consistente na aprobación das medidas de mellora retributivas e laborais contidas no principio de acordo do 26 de abril de 2018, resultado do curso das negociacións realizadas, e entendendo solucionado, polo tanto, o conflito no seu día formulado.

Como se expresou anteriormente, o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación. Na situación actual, tendo en conta a interrupción da folga indefinida anunciada polo comité de folga e o masivo reinicio da actividade laboral por parte dos traballadores, non se considera precisa a fixación dun mínimo de actividade para asegurar o mantemento dos servizos esenciais nin, polo tanto, fixar un mínimo de persoal necesario para a súa prestación.

Así, cómpre deixar sen efecto os servizos mínimos establecidos pola Orde do 5 de febreiro de 2018.

En virtude do exposto, de conformidade coa facultade atribuída polo artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo único

Deixar sen efecto os servizos mínimos determinados mediante a Orde do 5 de febreiro de 2018, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 26, do 6 de febreiro), dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida a partir do día 7 de febreiro de 2018 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza