Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2018 Páx. 24887

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 24 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR809A).

BDNS (Identif.): 398854.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas serán persoas tituladas universitarias e con veciñanza administrativa en Galicia.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (en diante, Dirección Xeral) ou no exterior, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 24 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR809A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 98.000 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 41.000 € para o ano 2018 e 57.000 € para o ano 2019.

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal e a cota obreira que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

As persoas bolseiras destinadas no exterior recibirán en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros, desprazamentos internos ou calquera outro necesario no desenvolvemento da bolsa unha contía máxima de 3.000 € para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018

Beatriz Cuíña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza