Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2018 Páx. 24894

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 49/2018, do 26 de abril, polo que se declara ben de interese cultural o arquipélago de Sálvora coa categoría de paisaxe cultural.

O arquipélago de Sálvora atópase na parte occidental da ría de Arousa é pertence ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, declarado pola Lei 15/2002, do 1 de xullo, situado na costa coñecida coa denominación de Rías Baixas. Comprende unha superficie de 2.309 hectáreas marítimas e 248 hectáreas terrestres e constitúe un exemplo senlleiro e case único en Galicia da evolución singular dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas do contorno, con escasos recursos dispoñibles, que desenvolve as premisas da construción tradicional do territorio nun contexto de inmediatez, illamento e extremas condicións climáticas e xeográficas, e da lugar ao recoñecemento dunha paisaxe lixeiramente antropizada, pero fundamentalmente influenciada pola súa presenza.

O arquipélago está dotado dunhas características singulares grazas ao conxunto de todos os seus elementos e que se decantan en manifestacións con valor histórico e etnolóxico, e que, ademais, se complementan con aspectos de interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico e mesmo científico e técnico, que caracterizan unha realidade complexa e rica que só pode ser comprendida de forma global e interrelacionada. A paisaxe de Sálvora acubilla valores históricos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnolóxicos e científico-técnicos que, así mesmo, se complementan co interese desde o punto de vista dos valores do patrimonio natural xa protexido.

A acción humana transformadora do territorio concéntrase na illa de Sálvora, na cal se edifican a aldea, o faro, a telleira, a taberna e a salgadura, elementos estes últimos que darían paso ao almacén de formas palatinas e a unha austera capela; ou as fontes, camiños e outros recursos construtivos para xestionar o lugar. Son elementos característicos e representativos da arquitectura tradicional, vinculada a unha época e a un xeito de vida, que manifestan tanto a explotación do medio e a estrutura social como a satisfacción das necesidades físicas e sociais das persoas.

Por todo isto, atendendo á clasificación establecida na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o arquipélago de Sálvora debe ser considerado como unha paisaxe cultural, ao poder encadrarse na súa definición: «lugar identificable por un conxunto de cualidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade».

O arquipélago de Sálvora resulta, por tanto, un lugar identificable polo conxunto de cualidades culturais senlleiras, tanto materiais como inmateriais, no cal se combina a obra singular da natureza e o desenvolvemento do enxeño humano, resultando un complexo destacable da interacción e interpretación dunha comunidade agrogandeira e mariñeira nun medio natural xeneroso pero exixente, que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade: en definitiva, unha paisaxe cultural senlleira. Os valores do conxunto do arquipélago de Sálvora e os seus bens integrantes, a súa propia identidade, –definida a través da combinación dos seus valores naturais, históricos, patrimoniais, urbanísticos, paisaxísticos..., ademais da propia herdanza cultural, xurdida das prácticas históricas exercidas polos seus habitantes sobre este territorio– xustifican a súa declaración como ben de interese cultural.

O 31 de xaneiro de 2017 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu a resolución pola que se incoou o expediente para declarar como ben de interese cultural o arquipélago de Sálvora, coa categoría de paisaxe cultural. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia, núm. 36, do 21 de febreiro de 2017, e abriuse un período de exposición pública dun mes, ademais de notificarse aos interesados. Posteriormente, requiríronse os informes dos órganos consultivos, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes e Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, que emitiron informe positivo de tal declaración e fixeron algunhas indicacións de interese para a tramitación do expediente. Durante o trámite de información pública, no cal se notificou ao Concello de Ribeira e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, foi presentada unha alegación que foi contestada en tempo e prazo e da cal se conclúe a necesidade de explicitar en maior grao a referencia á vida e actividade das persoas vinculadas aos faros no texto definitivo.

Á vista das consideracións devanditas, e despois de rematar a instrución do expediente administrativo, cómpre resolver o expediente segundo a proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do vinte e seis de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, coa categoría de paisaxe cultural, o arquipélago de Sálvora, no termo municipal de Ribeira (A Coruña), conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta no anexo II.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e notificala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Establecer un réxime de protección específico, condicionado pola súa condición de especial de máxima protección tamén desde a perspectiva dos seus valores naturais, segundo o recollido no anexo III desta resolución.

Cuarto. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificar este decreto ao Concello de Ribeira e á Dirección Xeral do Patrimonio Natural, para os efectos do coñecemento da consideración de protección referida á natureza do ben.

Santiago de Compostela, vinte e seis de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: paisaxe cultural do arquipélago de Sálvora.

2. Descrición:

O arquipélago de Sálvora atópase na parte occidental da ría de Arousa e pertence ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, declarado pola Lei 15/2002, do 1 de xullo, situado na costa coñecida coa denominación de Rías Baixas. Comprende unha superficie de 2.309 hectáreas marítimas e 248 hectáreas terrestres.

O arquipélago está formado por tres conxuntos de illas cos seus respectivos illotes e cons: o primeiro conxunto, denominado de Sálvora, ademais da illa que lle dá nome, conta coas illas de Asadoiros, illa Meda, con de Zafra, con de Pernaprada, laxes de Brisán, con de Lapegar, Laxe Negra, cons de Pirlos e laxe de Sentencián; o segundo designado conxunto das illas de Vionta e Noro, componse da illa Vionta, illa Noro, illa Pedra Vella, illa Insua Bela, illa Cornella, illa Chapeu, illa Gavioteira, illa Herbosa, illa Curviña, illote Cabeceiro Chico e illote Cabeceiro Grande; e o terceiro grupo é o conxunto das illas de Sagres, constituído polas illas de Sagres de Terra, Sagres de Fóra, illote Torán, illa do Mallador, illas dos Fornos e As Forcadiñas (Pedras de Barlovento e Medio Cabal).

O arquipélago de Sálvora constitúe un exemplo senlleiro e case único en Galicia da evolución singular dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas de contorno, con escasos recursos dispoñibles, que desenvolve as premisas da construción tradicional do territorio nun contexto de inmediatez, illamento e extremas condicións climáticas e xeográficas, e dá lugar ao recoñecemento dunha paisaxe lixeiramente antropizada, pero fundamentalmente influenciada pola súa presenza.

O arquipélago está dotado dunhas características singulares grazas ao conxunto de todos os seus elementos e que se decantan en manifestacións con valor histórico e etnolóxico, e que, ademais, se complementan con aspectos de interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico e mesmo científico e técnico, que caracterizan unha realidade complexa e rica que só pode ser comprendida de forma global e interrelacionada.

Desde o punto de vista histórico o arquipélago e a súa illa principal teñen un topónimo recoñecido desde hai máis de mil anos e, xunto coa maior parte das illas da costa atlántica, formaban parte das propiedades concedidas ao Cabido de Compostela para o seu sustento. Pola súa posición próxima á costa, resultaba tanto de interese como refuxio ou defensa, ben que co tempo a súa superficie foi empregada polos habitantes da terra para ampliar os seus cultivos e recursos.

Tamén Sálvora foi referencia e escenario privilexiado de conflitos entre mariñeiros e industriais, posición estratéxica e último recurso de subsistencia, escenario de tensión social e de poder entre a xestión pública e a concesión privada, entre o capital industrial e a man de obra da colonia e, finalmente, entre o investimento inmobiliario e a posta á disposición para o uso público e a conservación xa en pleno século XXI.

A acción humana transformadora do territorio concéntrase na illa de Sálvora, na cal se edifican a aldea, o faro, a telleira, a taberna e a salgadura, elementos estes últimos que darían paso ao almacén de formas palatinas e a unha austera capela, ou as fontes, camiños e outros recursos construtivos para xestionar o lugar.

Son elementos característicos e representativos da arquitectura tradicional, vinculada a unha época e a un xeito de vida, que manifestan tanto a explotación do medio e a estrutura social coma a satisfacción das necesidades físicas e sociais das persoas.

A aldea resulta un caso de interese tanto pola súa localización como pola súa disposición sobre o terreo, por ser un modelo senlleiro, un ensaio único a pequena escala dun conxunto proxectado e construído dunha vez como unha soa vivenda complexa para moitas familias, como un prototipo dos poboados industrias ou as infraestruturas de colonización máis recentes. Por estas condicións, resulta unha manifestación relevante de interese arquitectónico, tanto polas técnicas como pola tipoloxía empregada. A vivenda unifamiliar con cortes para o gando, os hórreos de pedra con cubertas a dúas augas, as sebes e peches de pedra en seco para a delimitación e protección dos cultivos, executados como en calquera outro contexto do complexo agrario, pero en condicións de insularidade, de precarias comunicacións e limitadas en medios técnicos, humanos e materiais.

Por mor do seu réxime de propiedade, e ao proxectarse e construírse como unha unidade, foi posible un exercicio de racionalidade e coherencia diferente ás lóxicas máis orgánicas e casuais do habitual da arquitectura tradicional.

Por outra banda, cómpre destacar tamén os edificios singulares que completan o conxunto agrogandeiro, o edificio do faro, –instalación especializada para o tráfico marítimo, con planta en U e torre octogonal–, así como o complexo de seca e salgadura, industria mariñeira que foi transformada por medio de complementos arquitectónicos nun xeito de pazo almacén e unha capela, á vontade dos seus propietarios.

Aínda que non foron obxecto dunha análise propia, cómpre destacar que os valores inmateriais asociados a esta paisaxe, desde a toponimia como primeiro exercicio de apropiación e que é rica na identificación dos baixos, dos cons, dos illotes e da illas, pero tamén das casas e dos camiños; ata a memoria e medios de traballo no mar e co peixe, ata unha particular forma de vida e relacións que son as creadoras finais da paisaxe en si.

Non existen datos, polo de agora, que permitan asegurar, que a illa de Sálvora contase co poboación máis ou menos estable con anterioridade á Alta Idade Media, xa que nesa época se produce a doazón da illa á igrexa compostelá por parte de Alfonso II, doazón confirmada no século X polo monarca Ordoño II ao bispo Sisnando.

Posteriormente, normandos, piratas, corsarios... utilizaríana como base estratéxica nas súas incursións, pero será no século XVI cando se cree o vínculo e morgado de Goyanes sobre esta illa, o que puido provocar xa nese momento a chegada dos primeiros colonos. En 1770 o comerciante coruñés Jerónimo de Hijosa instalou unha fábrica de seca e salgadura de peixe e, poucos anos despois, Vicente Caamaño obtivo unha real cédula para establecer unha almadraba de atúns.

Na Idade Moderna e Contemporánea a difícil situación económica propiciou a ocupación da illa e a súa explotación agrícola e gandeira por veciños de terra. Na primeira metade do século XX a illa estaba ocupada por sete familias que conformaban unha poboación de preto de 50 persoas asentada arredor da aldea. Pedro, Prudencia, Saturno, Cordás, Caneda, Xorda e Benito eran os nomes daquelas familias e da casa onde vivían. O seu sustento proviña na súa maior parte do peixe e marisco que vendían aos mariñeiros do continente. Esta venda proporcionáballes uns ingresos adicionais que, aínda sen seren substanciosos, permitían sobrevivir, xa que os podían vender libremente, sen estaren gravados, caso que non ocorría co que os colonos producían na terra, que estaban suxeitos á taxa chamada «medias», é dicir, a metade das colleitas e do gando eran para o dono da illa, a familia Otero Goyanes.

O 26 de outubro de 1904 o Estado acordou a expropiación forzosa da illa de Sálvora, en razón da súa utilidade pública, para establecer un asentamento militar. Mais, co tempo, as autoridades militares desistiron da idea ao non resultar un lugar axeitado para a estratexia militar vixente e, por tanto, acordaron abandonar as instalacións.

Ante o abandono militar, Joaquín Otero Bárcenas reclamou o dereito de reversión e, logo do pagamento de máis dun millón de pesetas, recobrou as súas antigas propiedades. A pesar de todo, a permanencia na illa era moi dura e os seus habitantes tan pronto atopaban un traballo no continente abandonaban a illa.

O desenvolvemento económico do desenvolvementismo dos anos 60 trouxo canda si o abandono, que foi total en 1997, momento en que automatizou o faro.

Neste momento cabe destacar a vinculación especial das fareiras e fareiros coa illa e o arquipélago de Sálvora, a súa relevancia na navegación marítima e as especiais condicións en que desenvolvían a súa vida profesional e familiar, condicionadas por unhas limitacións e dificultades que, no contexto dunha valoración cultural da paisaxe e os seus elementos, debe ser recoñecida e difundida.

En 2007, a familia Goyanes vende a illa a Caixa Galicia, mais o Estado exerce o dereito de retracto e pasa a propiedade pública. Un ano despois as illas de Sálvora, Noro e Vionta pasan a ser xestionadas pola Xunta de Galicia no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e son os seus traballadores e responsables os que a habitan de forma ocasional e os que dirixen e coordinan múltiples actividades relacionadas coa natureza e a singularidade da illa de Sálvora.

a) Inmobles obxecto da declaración.

Conforman a paisaxe cultural todos os terreos incluídos no ámbito da delimitación. Porén, para os efectos de determinar o alcance da xestión da protección, cómpre enumerar o máis exhaustivamente posible os elementos inmobles que forman parte da declaración, en especial na illa de Sálvora, onde foi máis intenso o poboamento e as súas consecuencias construtivas:

1. O sistema viario: ampla rede de camiños creados cunha finalidade concreta, como a calzada que leva ao faro ou os camiños que comunican o pazo e a aldea. Tamén se identifican outros xurdidos como consecuencia do tránsito de persoas e animais, que resulta aconsellable conservar coas axeitadas medidas de integración ambiental para o seu mantemento e para o uso sustentable.

2. O conxunto arquitectónico do pazo-almacén: o pazo almacén, que ten orixe nunha factoría de seca e salgadura de peixe e foi transformado para acadar un aspecto de residencia palatina, destaca no acceso á illa de Sálvora. Poden destacarse como elementos deste inmoble principal:

• A antiga fábrica de salgadura.

• O anexo á mencionada fábrica, sobre a cal se construíu a atalaia norte.

• As atalaias sur e norte, encostadas á antiga fábrica.

• A fabrica de salgadura de Jerómino de Hijosa.

Xunto a el aparecen outros inmobles: a taberna mariñeira, hoxe capela; un cruceiro con cruz que representa Cristo e a Virxe; a escultura da serea; un pozo; a mesa de granito denominada «da marquesa»; unha cruz metálica en homenaxe ás vítimas do naufraxio do vapor correo Santa Isabel, ocorrido en 1921, e o muíño de auga do pazo.

3. O conxunto arquitectónico do faro: a illa de Sálvora contaba no pasado cun pequeno faro situado na punta coñecida como punta Besuqueiros que, probablemente, foi proxectado por Celedonio de Uribe sobre unha robusta torre de catro metros de lado e sete de alto. Este faro, inaugurado o 29 de xullo de 1853, permaneceu en funcionamento ata principios do século XX, cando se decidiu cambialo por outro dotado de máis potencia e luz. Esta circunstancia supuxo realizar grandes reformas tanto na forma da torre como na súa lanterna e cúpula.

As obras encargáronse, nun principio, ao enxeñeiro Ramón Martínez de Campos, ben que o deseño definitivo foi redactado por Mauro Serret.

O proxecto contiña un edificio con planta en forma de U e torre octogonal encostada á fachada posterior, aínda que, por cima da cornixa, a torre adopta unha forma cilíndrica ata a base da lanterna. No interior, o oco octogonal da torre tería unhas escaleiras de fundición, que deixaban oco libre para a baixada dos cables do motor.

A esvelta torre tronco-piramidal realizaríase en cantaría vista e cun dobre balcón superior. Igual que noutros faros dos anos vinte, o edificio dos torreiros tería cuberta plana e azotea á catalá, con placa de formigón, mentres que a fábrica interior se resolvería con cachotaría reforzada con cantaría e tabiques interiores de ladrillo.

Os traballos comezaron en abril de 1912 pero, debido ao contexto da Primeira Guerra Mundial, a recepción definitiva do edificio non tivo lugar ata abril de 1917. Tampouco se instalou o aparello de iluminación e lanterna ata finais de 1921, pouco despois do naufraxio do vapor correo Santa Isabel. En 1930 revístese a súa fachada de baldosa e en 1954 realízanse novas obras de ampliación.

Preto do faro sitúanse varios elementos salientables. Así, no lado norte da denominada punta Besuqueiros érguense os restos dunha cruz de mármore branco que presenta unha dedicatoria a unha vítima do naufraxio do citado vapor correo, mentres que ao oeste do faro aparecen uns lavadoiros de pedra, un pozo e unha zona de estabulación de gando denominada Curro das Cabras.

Tamén dentro deste conxunto destaca o peirao, único da illa e que, orixinalmente, se utilizou para dar servizo á fábrica de salgadura e posteriormente foi ampliado.

No referido ao faro, cómpre sinalar que este elemento da enxeñaría civil cun indubidable valor histórico, arquitectónico ou científico tamén ten un grande valor antropolóxico polo traballo e vida de mulleres e homes que dedicaron a súa vida profesional ao seu funcionamento e que do seu traballo formaron unha vida condicionada por unhas singulares limitacións, en especial de illamento. Eran os faros un lugar de traballo imprescindible para a navegación marítima pero tamén un lugar onde se realizaba unha vida familiar. Ao ficaren obsoletas as tecnoloxías que xustificaban os faros, a súa valoración cultural, ademais das súas específicas cuestións técnicas, debe completarse co recoñecemento e difusión das persoas que os manexaban e habitaban.

4. O conxunto arquitectónico da telleira: ao redor do que no seu día foi unha telleira, –da que hoxe soamente quedan restos entre os cales destaca o forno de cocer o barro– xorde un conxunto de elementos como a fonte de Santa Catalina, situada no camiño que une o almacén e a aldea, construída en pedra cun deseño e calidade moi elaborados; a ponte de laxes e o muíño de auga da telleira.

5. Conxunto arquitectónico da aldea: a aldea de Sálvora foi construída e ocupada por colonos desde o século XVIII ata o seu abandono definitivo nos anos 70 do pasado século. Atópase situada ao nordeste da illa e na actualidade identifícanse oito vivendas coas súas cortes e a escola co seu patio de recreo, que conforma un espazo libre central a xeito de praza. Tratase dun prototipo de aldea rural costeira, formada por unha serie de vivendas familiares planificadas ao redor dun espazo único que facía a función de cociña, comedor e sala de estar, ademais de posuír dormitorios, aseo e pendellos ao seu redor.

Algunhas das casas dispuñan dun espazo aberto, rodeado dun muro baixo de cachotaría en seco, para o gando.

Todas as casas tiñan un acceso principal a través do espazo público central, que configura a praza de uso común como centro espacial e social do conxunto. O sistema construtivo empregado foi o tradicional neste tipo de construcións: muros pétreos en seco con estruturas de madeira para as cubertas de tella a dúas augas e carpintaría de madeira para portas e fiestras.

O conxunto complétase co camiño tradicional que discorre polo lado oriental da illa de Sálvora, que unía a calzada do faro coa aldea, así como algunhas outras corredoiras sinxelas cara aos terreos de cultivo. Na súa construción empregouse pedra de granito, con cantaría ben traballada nos laterais e cachotaría máis simple na soleira, ben que existen zonas onde o pavimento se realizou con piso de terra compactada. Dentro do conxunto da aldea destacan outros elementos significativos, como o lavadoiro, construído en 1960, con planta rectangular e perpiaños de granito, dividido en dous píos; sete hórreos de cantaría de granito, rectangulares, de diversos tamaños e estados de conservación, pero boa factura xeral; e a fonte, acondicionada con grandes cachotes de pedra.

6. Muros, peches e valos: o tipo de vida e a diversidade das actividades realizadas con especial intensidade na illa de Sálvora, propiciada pola accesibilidade aos materiais pétreos que na propia illa existen, facilitou a construción de grande cantidade de muros e peches, que coutan e dividen o territorio, marcando e delimitando as diversas propiedades, e protexen os cultivos dos ventos e do acceso de animais.

Case todos os muros tradicionais da illa están construídos coa técnica tradicional da pedra en seco, con cachote e pedra sen apenas labra e sen masa de unión ou asentamento na súa execución.

b) Partes integrantes.

1. Camiño do pazo: camiño natural na calzada do faro. O primeiro tramo está acondicionado cunha pasarela de madeira, que se eleva sobre as dunas e remata fronte á capela, co obxecto de protexer o medio natural. Continúa na zona de area existente entre os edificios e remata co carreiro natural que vai do pazo ao camiño da aldea.

2. Pazo. Antiga fábrica de salgadura: moi próxima ao mar, consta dun espazo único, dentro do cal no seu día se almacenaba, salgaba e prensaba o peixe e o marisco. Nos anos 2009 e 2010 levouse a cabo unha reforma que consistiu na redistribución e acondicionamento interior das atalaias e da parte norte, así como a construción das cubertas de todo o conxunto. O inmoble está composto por tres naves, dúas delas constitúen un único espazo e a terceira disponse perpendicularmente a elas na zona norte. Sobre esta terceira nave álzase unha das atalaias, no extremo noroeste, e xunto á esquina leste da fachada sur a segunda atalaia do conxunto do pazo.

3. Capela. Antiga taberna: orixinariamente foi a taberna mariñeira da illa pero en 1960 alterou o seu uso para dedicarse ao culto relixioso baixo a advocación de Santa Catalina, ao mesmo tempo que a fábrica de salga se transformaba en pazo. Este cambio produciu unha modificación na súa arquitectura, xa que se lle engadiron na súa fachada principal unha espadana e un escudo coa cruz de Malta.

4. Cruceiro: localizado nunha elevación pétrea próxima á capela e inmediata ao camiño da aldea, levántase o cruceiro, formado por un pedestal cúbico de granito con rebaixe para axustar o varal. Este é de sección cadrada coas esquinas labradas cara ao interior e se remata cun capitel cadrado. Serve este capitel de soporte para unha cruz que representa un Cristo crucificado e unha Virxe orando.

5. Monumento á serea: escultura de granito con forma de serea sedente, realizada en tres pezas e asentada directamente sobre un pedestal, realizado con cachotaría sobre penedos existentes na beira da praia, próxima ao peirao. Presenta dúas inscricións, unha no extremo traseiro que identifica a peza como «Sirena de Sálvora» e a segunda, no lado dereito, que refire, ademais da lenda da serea, o autor, Ismael Ortega Martín e o ano de realización, 1968.

6. Pozo do pazo: estrutura realizada para abastecer de auga ao antigo almacén, realizouse en sección circular mediante pezas de formigón prefabricado.

7. Mesa da marquesa: conxunto de mesa e bancos de pedra composto por unha lousa de granito, labrada e biselada, e dous bancos con lousas do mesmo material, xunto a dúas pedras monolíticas que fan de asento individual, e localizados nun recuncho cunha vista directa da enseada.

8. Muíño do pazo: muíño de auga situado ao sur da illa, dunha soa moa, de planta rectangular e tellado a dúas augas. Realizouse con cachotaría de granito e, actualmente, o seu estado de conservación é de ruína. Conserva a canle que subministraba a auga ao rodicio situado na parte inferior ou inferno. Está fóra de uso, mais son identificables os seus elementos.

9. Camiño do faro: o peirao da illa e o faro comunícanse a través dunha calzada ou camiño formado, na súa maior parte, por terra e grava compacta, delimitado con bordos de madeira, segundo a adecuación realizada para o seu uso en época recente, conforme as necesidades de protección do medio.

10. Peirao: o único peirao da illa atópase na parte máis antiga. A partir do orixinal, que daba servizo á fábrica de salgadura e feito con muros de cachotaría, foise ampliando con formigón.

11. Faro: consta dun volume de corpo baixo con forma de U ao redor dun patio orientado ao norte e dunha torre octogonal. O patrio central, que dá acceso ás distintas partes que conforman o inmoble, posúe unha balaustrada de pedra no seu extremo norte, sobre a cal se instalou a escaleira exterior e outra interior que facilita a entrada desde esta fachada. A entrada ao patio atópase na fachada leste, entre os dous corpos que compoñen e que se unen mediante un portón metálico. Sobre esta apertura atópase un paso que comunica no nivel de cuberta os dous volumes. Na parte central (fachadas sur, leste e oeste do patio) disponse un corpo baixo e estreito que configura un corredor de acceso aos dous conxuntos de tres vivendas cada un dispostos simetricamente. O corpo baixo do faro divídese en dous volumes, separados polo acceso ao patio.

No flanco leste sitúase un volume ao norte, dividido en dous espazos interiores destinados a almacén. No costado sur, ocupando un terzo de cada unha das alas leste e oeste, desenvólvense, con distribucións simétricas, dous conxuntos de tres vivendas cada un. O centro do flanco oeste atópase ocupado polas instalacións que dan servizo ao edificio, separadas do resto de estancias por muros de gran espesor. No extremo norte da ala oeste sitúase unha vivenda con acceso independente desde o patio central.

12. Restos do faro provisorio: trátase dos restos da antiga campá de servizo do faro primitivo, xunto coa escaleira que daba acceso á lanterna e a unha porción do corredor que comunicaba co faro antigo.

13. Elemento conmemorativo a Carlos Verdier Escobar: sobre unha roca érguense os restos dunha cruz de mármore branco, destruída por un temporal, en memoria de Carlos Verdier Escobar, vítima do naufraxio do vapor correo Santa Isabel, ocorrido o 1 de xaneiro de 1921.

14. Lavadoiros do faro: situado ao oeste do faro, atópanse os restos dos lavadoiros formados a partir de pedras existentes no lugar e outras engadidas co obxecto de crear pías onde acumular a auga.

15. Pozo do faro: situado entre os lavadoiros e o curro das cabras aparece o pozo que subministraba auga ao faro.

16. Curro das cabras: trátase dun espazo natural utilizado tradicionalmente como lugar de estabulación de gando, conservando na actualidade a zona o topónimo Curro das Cabras. A zona aparece ben protexida no seu contorno por unha serie de afloramentos e localízanse unicamente dous pasos naturais, ao sur e norte da zona.

17. Fonte de Santa Catalina: aproximadamente a medio camiño entre o almacén e a aldea e inmediata á pista que os comunica, atópase unha fonte de augas especiais (di unha inscrición labrada no cubo que soporta os canos: «Auga Virtuosa, dá Saúde e Forza»), construída toda ela en pedra.

18. Ponte da telleira: é unha pequena pontella construída en granito que permite pasar sobre un regato. Bo estado de conservación.

19. Telleira: restos do que foi unha instalación dedicada á elaboración de tellas, ladrillos... Hoxe soamente queda visible o forno de cocer o barro.

20. Muíño da telleira: situado na metade do camiño que une o pazo coa aldea sitúase un muíño hidráulico de planta rectangular e unha soa moa, construído en cachotaría de granito e actualmente en ruínas. Usábase para moer os cereais e obter fariña. Só conserva restos das estruturas murarias do edificio do muíño.

21. Camiño da aldea: este vieiro une a calzada do faro coa aldea. Construíuse utilizando granito, dispoñendo cantaría nos laterais e cachotería na soleira, ademais de usar terra compactada nalgúns dos seus tramos. Estado de conservación bo.

22. Lavadoiro da aldea: ao pé do camiño tradicional, que une o pazo coa aldea de Sálvora, construíse en 1960, aproveitando os restos do faro vello, un lavadoiro de planta rectangular sen cubrición, fabricado en perpiaño de granito, dividido en dous píos. Estado de conservación bo.

23. Ponte da aldea: trátase dunha pontella formada por varios corpos de granito cuxas laxes do piso aparecen de forma linear sobre o camiño. Ten aproximadamente catro metros de lonxitude e tres de largura.

24. Hórreo núm. 1. Cipriana Crujeiras: hórreo de planta rectangular sustentado en oito pés de pedra sobre unha base irregular, con tornarratos circulares, soleiras de pedra labradas á man. Tellado a dúas augas con tellas curvas. Presenta pináculos de pedra sobre un dos penais e no outro penal aparece o oco de apoio dun adorno hoxe inexistente.

25. Conxunto de eira e hórreo núm. 2. Luís Cebreiro: na parte suroeste da aldea de Sálvora atópase este conxunto formado por unha eira de perpiaños irregulares de granito. O hórreo erguese sobre un celeiro de perpiaños con portas de acceso na fachada sur que linda coa eira. Fabricado en granito de planta rectangular, con perpiaños de peche con aperturas horizontais en todos os seus laterais, os pinches son triangulares e cegos dotados con ocos no penal leste e un oco e dúas aberturas lonxitudinais no penal oeste. Tellado a dúas augas con tella curva, adorno tipo pináculo, porta de madeira no penal leste e dúas no celeiro na fachada sur. No corpo inferior do lateral sur presenta un cartel onde aparece a inscrición «Luís Cebreiro».

26. Hórreo núm. 3. Restos: restos dun hórreo de granito de planta rectangular do cal só se conservan os pés, os tornarratos e un pequeno celeiro situado no centro das dúas cepas intermedias.

27. Hórreo núm. 4. María Fernández: situado no lado oeste da aldea, fabricouse en cantaría de granito, planta rectangular, catro cepas monolíticas que sustentan lousas de pedra que conforman o tornarratos. Peches laterais realizados con madeira, porta do mesmo material e escada de man. Tellado a dúas augas con tella curva. Non presenta elementos ornamentais. Cartel de madeira «María Fernández». Restaurado.

28. Hórreo núm. 5. Cipriana Oujo: fabricado en cantaría de granito, planta rectangular, sustentado en cinco cepas monolíticas con muro de cachotaría que pecha un dos laterais inferiores, entre dúas das tres cepas centrais. Sobre elas érguese o tornarratos estilo mesa. Peches laterais realizados mediante tres pezas de madeira, porta do mesmo material. Tellado a dúas augas con tella curva sobre estrutura de madeira, sen elementos ornamentais. Presenta un cartel onde aparece «Cipriana Oujo». Restaurado.

29. Hórreo núm. 6: situado no lado oeste da aldea aparece este hórreo fabricado en cantaría de granito de planta rectangular e teitume a dúas augas de tella curva sen elementos ornamentais. Presenta tres intercolumnios con pasaventos de madeira e alzado penal en granito. Baixo corpo disponse o tornarratos corrido de sección piramidal, sobre apoios de sección cuadrangular. Restaurado.

30. Hórreo núm. 7. Restos: deste hórreo só quedan catro cepas de sustentación e o tornarratos estilo mesa, feito de lousas.

31. Fonte da aldea: manancial de auga a flor de chan e ao descuberto, acondicionado con grandes cachotes de pedra granítica para evitar o destrución da boca e facilitar a captación de auga para uso doméstico.

32. Conxunto edificado núm. 1: vivenda constituída por un único espazo interior conformado por muros de cachotaría basta en tres das súas fachadas e con dous ocos abertos na fachada norte mediante columnas graníticas, de sección cadrada e linteis monolíticos de pedra irregular labrada á man. No interior do volume conformado polos muros de cachotaría, aparece un muro de ladrillo visto sen rematar. No extremo da fachada oeste levántase un muro baixo de cachotaría basta en forma de L que delimita o ámbito da leira que corresponde á vivenda. Dentro do ámbito da leira dispóñense dous muros máis e unha pequena construción rectangular, realizados en ladrillo.

33. Conxunto edificado núm. 2: conxunto de vivenda da mestra e lugar de escola con patio aberto de acceso á vivenda orientado ao norte, moi probablemente lugar usado para o recreo dos nenos. O patio caracterízase polos penedos de granito que emerxen do terreo e que conforman así distintos ámbitos, pola árbore na esquina sueste e polas súas pequenas construcións anexas. O volume da vivenda escola conserva todos os seus muros en relativo bo estado, mesmo as recebas exteriores e interiores.

34. Conxunto edificado núm. 3: conxunto de vivenda e cortes constituído por un espazo aberto de acceso á vivenda de forma trapezoidal, sobre cuxo muro de peche se asenta un gran penedo de granito. A vivenda, en forma de L, organízase en dous espazos, un con acceso desde o patio e o outro comunicado coas leiras situadas ao oeste. Forman conxunto cun cortello de grandes dimensións encostado á vivenda e outras tres de menor dimensión. As cubertas do resto de cortes xa non existen e os muros están a derrubarse.

35. Conxunto edificado núm. 4: conxunto edificado en que se poden distinguir catro volumes: o primeiro deles, encostado ao patio da casa da mestra, ten planta en forma de L. O segundo volume, de planta sensiblemente rectangular, está dividido en cinco espazos delimitados por muros de cachotaría basta. O segundo dos devanditos espazos é a vivenda e o resto eran as cortes. Un terceiro volume, de planta rectangular, encostado perpendicularmente ao anterior, está conformado por un único espazo cun pequeno muro intermedio de moi pouca altura. O volume está aberto tanto na fachada norte como na sur, onde esteos de formigón substitúen o peche. O cuarto dos volumes é un engadido de ladrillo que desvirtúa o conxunto e carece de todo o interese.

36. Conxunto edificado núm. 5: conxunto edificado constituído por catro vivendas e un engadido no extremo norte do conxunto onde se gardaba o tractor. Un gran socalco a que se accede por escaleiras nivela os accesos ás vivendas. Todas estas vivendas son rectangulares e están divididas en estancias con corredores centrais. As vivendas conservan elementos singulares como o forno e vertedoiro de pedra.

37. Conxunto edificado núm. 6: conxunto edificado composto de tres volumes: vivenda, corte e silo. Os muros de peche son de cachotaría e atópanse en bo estado de conservación. As cubertas, de estrutura de madeira e acabamento en tella, están en moi mal estado. O silo é unha pequena construción de muros e alicerces de ladrillo que cobren un par de fosos rectangulares. Este conxunto foi restaurado.

38. Corte illada: pequeno conxunto edificado composto por dous volumes de diferente profundidade e tamaño. O maior dos volumes é de planta rectangular e cuberta de madeira con acabamento en tella mentres que o pequeno, de planta cadrada, ten a cuberta de laxes de granito. Tanto os muros de cachotaría como a cubrición de laxes de pedra se atopan en bo estado de conservación, non así a cuberta de madeira con tella, que se atopa moi deteriorada. Presenta un bo estado de conservación.

39. Restos de hórreo desmontado: conxunto de pezas de hórreo que podería estar situado na zona este da aldea xa que nunha foto de 1921 aparece un hórreo actualmente inexistente. As pezas están na zona norte entre o conxunto de edificacións e o depósito.

40. Corredoira da aldea: un pouco antes de chegar ás edificacións da aldea e pasado o lavadoiro atópanse unha serie de camiños, con carácter de corredoira, que conducen cara aos hórreos situados ao oeste do conxunto. Estes camiños están delimitados por muros de gran valor patrimonial, de cachotes de diferentes tamaños. Estado de conservación regular.

41. Praza da aldea: praza de uso común, centro xeográfico e social do conxunto, de forma rectangular, cuxo eixo lonxitudinal se atopa orientado de sueste a noroeste. Atópase delimitado perimetralmente polos conxuntos edificatorios que compoñen a aldea e no seu eixo central aparece a traza do camiño da aldea. Fronte ao conxunto edificatorio número 4 aparece un gran penedo de granito mentres que o resto da superficie libre entre muros de fachada, atópase con terreo natural que ascende suavemente desde o sur cara ao norte. O estado de conservación é bo.

42. Valos, peches e muros: o tipo de vida e a diversidade de actividades levadas a cabo no territorio insular de Sálvora, así como a accesibilidade aos materiais pétreos que na propia illa existen, facilitou a construción de gran cantidade de muros ou valados que marcan, coutan e dividen o territorio, protexen certos cultivos dos ventos e impiden o acceso de animais ou marcan e delimitan as diversas propiedades. Case todos os valos tradicionais da illa están construídos con pedras de cachotería ou anacos de pedra ou cachotes de diversos tamaños asentados en seco. Estado de conservación regular.

43. Conxunto de cons, illotes e elementos da paisaxe.

c) Contexto arqueolóxico do arquipélago.

Dentro do ámbito delimitado para a paisaxe cultural do arquipélago de Sálvora realizáronse, ata o día de hoxe, unha prospección subacuática e dúas terrestres. A primeira afectou o fondeadoiro da praia de Castelo e as terrestres desenvolvéronse na illa de Sálvora e na de Vionta.

O resultado das mencionadas prospeccións evidencia que os indicios máis antigos existentes na illa de Sálvora se remontan á prehistoria, probablemente ao Calcolítico ou comezos da Idade do Bronce. Son os materiais cerámicos feitos a man con decoración incisa que se recolleron na praia de Zafra e o fragmento illado do mesmo tipo de Figueira dos Mortos, nos extremos norte e sur da illa. É posible que existise un gravado rupestre, a Pedra das Letras pero, aínda que a noticia sobre a presenza dun petróglifo parece crible, non se pode asegurar que se tratase dun gravado da época prehistórica.

A ocupación romana está amplamente documentada coa presenza dun xacemento case con seguridade habitacional (a Area dos Bois), ademais da aparición de diverso material na metade leste da illa: abrigo de punta Figueirido, alto de Milreu, praia do Almacén, Figueira dos Mortos e praia de Zafra.

O indicio máis antigo da época medieval é un concheiro que parece remontarse aos séculos X-XI, concheiro do Almacén, que denota, como mínimo, unha ocupación temporal nesta época para o aproveitamento marisqueiro ou pesqueiro. Situado no extremo da praia sur da illa, fronte ao mellor fondeadoiro que existe na súa costa, onde varios séculos despois un portulano veneciano de c. 1400 indica que había un núcleo con cabanas.

Para a Baixa Idade Media, finais do século XIII, consta que a illa estaba aforada, polo que se deduce a existencia dalgún tipo de ocupación. Desde o punto de vista arqueolóxico aparecen restos desta época na praia de Zafra, no alto de Milreu e na Area dos Bois.

A partir de 1636 todo indica que a illa estivo deshabitada logo das incursións dos piratas ingleses, ben que parece que se usaba como explotación de gando. A finais do século XVIII a illa converteuse nunha factoría pesqueira, primeiro, coa presenza dunha fabrica de salga de peixe e, posteriormente, a partir de 1789, cunha pesqueira de atún.

Ao parecer, a actual aldea de Sálvora orixinouse no século XIX cando habitantes de San Paio de Carreira se asentaron como usufrutuarios nun único núcleo desde o cal explotaban todo o territorio. Un século despois semella que existen dous supostos enterramentos de náufragos nas proximidades da praia do Castelo e nas inmediacións dun deles, coñecido como Figueira dos Mortos, localizáronse materiais arqueolóxicos de época prehistórica e romana.

En resumo, e desde o punto de vista tipolóxico, só parece existir, con seguridade, un xacemento habitacional á parte da propia aldea de Sálvora: o xacemento romano da Area dos Bois. Ademais, dous deles, abrigo de Punta Filgueirido e alto de Milreu, parecen responder a posible abrigos en que refuxiarse, o primeiro polos materiais, de época romana, e o segundo tanto de época romana como medieval-moderna.

Outro, o concheiro do Almacén, é un vertedoiro de lixo altomedieval, que indica, con case toda seguridade, a existencia dalgún tipo de asentamento. Outros dous son enterramentos contemporáneos; polo de agora non se coñecen sepulturas doutras épocas.

Para os restantes sitios, que se sitúan en areais, praia de Zafra, praia do Almacén ou mesmo parte dos achados da Area dos Bois, resulta difícil discernir se se tratan de asentamentos ou de materiais acumulados por mor do uso da zona como fondeadoiros para desembarcar.

Polo que respecto á illa de Vionta, coñecese un único xacemento arqueolóxico situado na zona centro-sur do areal, onde se localizaron materiais de época romana e outros que van do século XIV ao XVIII, case todos moi fragmentados e rodados polo que non seria de desbotar que procedan dalgunha creba ou do uso continuado do illote como fondeadoiro.

Desde o punto de vista do patrimonio subacuático, cómpre ter en conta que debeu ser frecuente que varasen embarcacións de todo tipo. Os lugares máis axeitados poderían corresponderse ben no illote Noro, apto para embarcacións menores, onde apareceu un elemento lítico dunha áncora do tipo poutada. O fondeadoiro principal é o que se sitúa fronte á praia do Castelo, na illa de Sálvora, onde se coñece unha áncora lítica triangular de tres orificios e onde se localizaron numerosos elementos de fondeo de pequenas embarcacións, así como algún material cerámico de idade contemporánea.

3. Estado de conservación.

A documentación que se achega co expediente, e que ten por obxecto identificar e xustificar os seus valores culturais, foi promovida pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, centrada no coñecemento in situ das construcións e infraestruturas da illa de Sálvora. Este traballo foi coordinado no contexto da execución de traballos de mantemento promovidos pola xestión do Parque Natural das Illas Atlántica e a Dirección Xeral do Patrimonio Natural. Así mesmo, cómpre destacar que tamén esta información é a base dun estudo piloto sobre a arquitectura tradicional e a paisaxe cultural promovidos no seo dos correspondentes plans nacionais que promove o IPCE (Instituto Español de Patrimonio Histórico), todo o cal confirma a perspectiva multidisciplinar que ten que empregarse para enfocar a apreciación e protección deste ámbito.

O estado xeral de conservación en que se atopan os bens integrantes do conxunto arquitectónico do arquipélago de Sálvora non é bo. Aínda que estables, moitas das edificacións están en ruína como resultado do abandono prolongado, que derivou nun proceso de degradación material e estrutural e, nalgúns casos, no colapso dos mais febles, dos que tiñan unha construción más precaria e menor capacidade de uso. Porén, moito do material e as trazas principais dos seus elementos construtivos permanecen pouco alterados, xa que non foi froito nin de espolio xeneralizado nin de reconstrucións ou aproveitamentos que deturpasen a súa lectura orixinal.

Os conxuntos edificatorios presentan un estado de conservación en xeral de ruína, con ausencia da cubrición, falla das carpintarías, colapso dalgúns muros... Outros bens, por exemplo, os muíños do faro e da telleira, e os hórreos 3 e 7, están en ruína mentres que esta última, a telleira, está abandonada.

Outros, pola contra, están en bo estado froito de actividades de restauración: mesa da marquesa, monumento á serea, lavadoiro do faro, curro das cabras, ponte da telleira, hórreos número 1, 2, 4, 5 e 6, fonte e camiño da aldea...

Os traballos recentes de documentación e consolidación permitiron frear esta deterioración e establecer as bases para unha posible restauración con fins didácticos e outros complementarios que, en calquera caso, deben estar suxeitos á compatibilidade coa xestión do parque nacional e as medidas de protección da natureza.

A existencia dun plan de ordenación de recursos naturais das Illas Atlánticas (PORN), así como a elaboración dun plan director da paisaxe cultural, teñen como obxectivo tanto protexer a integridade ambiental como promover a conservación do patrimonio cultural. Este último documento establecerá, entre outros parámetros, ás condicións para lograr o coñecemento integral do territorio insular e a súa arquitectura tradicional, co fin de comprender a esencia da illa, da súa historia e o seu valor etnolóxico.

En calquera caso, e como se indicou, a protección da paisaxe en si pasa pola estrita conservación dos seus valores naturais e, por tanto, o uso e o criterio de intervención nos inmobles estarán sempre condicionados á viabilidade e compatibilidade cos primeiros, enfocados á interpretación das formas de vida e á docencia dunha arquitectura sustentable, como é a que emprega os materiais, medios e técnicas tradicionais.

ANEXO II

Delimitación proposta

O establecemento dun contorno de protección está orientado cara á protección dos ámbitos que rodean os elementos illados ou agrupados no territorio. Porén, non semella a figura máis acaída para establecer medidas de protección para unha paisaxe e, en concreto, unha paisaxe cultural, xa que o ámbito debe ser coincidente con todos os seus límites.

Por tal motivo se estima que a delimitación da paisaxe cultural debe incorporar unha única zona ou espazo que sexa coincidente coa súa propia identificación na Lei de creación do parque. En todo este ámbito, que rodea completamente a illa de Sálvora e supón unha extensión de máis de 2.500 ha, deberán ser garantidas as condicións de conservación e protección dos seus valores culturais.

A delimitación do arquipélago de Sálvora definido na Lei de declaración do parque corresponde co triángulo con vértices nas coordenadas ETRS89 fuso UTM 29:

Punto

Denominación

X

Y

1

Illas de Sagres (NO)

494.551

4.707.079

2

Leste do Seixo de Vionta (E)

501.360

4.705.685

3

Sur da punta de Besuqueiros (S)

499.305

4.698.567

missing image file

ANEXO III

Réxime de protección

O arquipélago de Sálvora forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, figura establecida para a protección dos seus relevantes e representativos valores naturais. O réxime principal de protección dos valores culturais debe estar en calquera caso condicionado e en harmonía coa protección e xestión dos valores naturais destacados e que correspondan coa lexislación sectorial vixente na materia, tanto no referido á conservación dos espazos naturais e da flora e a fauna silvestre no medio terrestre e no marítimo, así como á propia organización e xestión dos parques naturais e os seus recursos e medios técnicos e humanos, que veñen amosando unha eficacia e saber recoñecido non só no eido da protección e difusión dos valores naturais senón dos propios culturais que o arquipélago en concreto atesoura.

A protección xeral, por tanto, estará en principio determinada polo Plan director da rede de parques naturais (Real decreto 389/2016, do 22 de outubro) e o futuro plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, na actualidade en procedemento de información pública (DOG núm. 59, do 23 de marzo de 2018).

Tamén serán de aplicación coordinada en materia de protección do patrimonio cultural e natural do Decreto 274/1999, do 21 de outubro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais das Illas Atlánticas, e o Decreto 23/2006, do 16 de febreiro, polo que se establecen determinadas medidas de xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Á vista da devandita programación e regulación con carácter xeral existente ou en tramitación, e á escala da paisaxe e os seus elementos construídos, considérase que a obriga establecida no artigo 59 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en relación coa redacción dun instrumento específico de protección para salvagardar os seus valores culturais, poderá ser definido a través dun plan director de conservación, nos termos e cos contidos do recollido no artigo 90 da lei devandita, sen que iso impida que poidan ser realizadas tarefas e intervencións de investigación, mantemento e conservación, restauración e reestruturación e as que requiran as intervencións para mellorar as condicións de seguridade funcional, accesibilidade e salubridade.

No referido ás intervencións sobre os bens mobles e inmobles de valor cultural identificados neste procedemento como integrantes da paisaxe cultural, pola súa banda, deberán ser sometidos ao réxime en especial que se reserva para os bens do patrimonio cultural de Galicia nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Requirirán autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural as intervencións de consolidación, restauración e rehabilitación que se promovan nos inmobles identificados, así como a actividade arqueolóxica nos termos establecidos no capítulo IV do título VII da Lei 5/2016, do 4 de maio. Así mesmo, poderán ser autorizables con carácter excepcional obras de ampliación e de reconstrución no marco dunha actuación cun alcance global que teña por obxectivos tanto a mellora de dotacións para a investigación e a documentación, o servizo complementario á actividade dos traballadores e visitantes, ou as que teñan por obxecto satisfacer problemas de salubridade, seguridade ou accesibilidade debidamente xustificados e cando resulten acaidos fronte a outras alternativas ou propostas que puidesen ser avaliadas.

Non requirirán de autorización as obras de mantemento e conservación que deban desenvolverse con carácter programado e periódico para garantir a axeitada conservación dos bens.

Todas as intervencións, tanto as que deban ser sometidas á autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural como as que poidan e deban desenvolverse para o mantemento e conservación sistemática dos bens que integran esta paisaxe cultural, deberán seguirán os criterios:

• Procurarase evitar os movementos de terras que supoñan unha variación significativa da topografía orixinal do contorno.

• Procurarase a súa compatibilidade cos elementos configuradores da estrutura territorial tradicional, como son a rede de camiños, os muros de peche, as sebes, as tapias, os noiros e outros semellantes.

• Empregaranse materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións.

• Manteranse preferentemente a estrutura e a organización espacial do contorno, coa conservación xeral das aliñacións e rasantes.

• Procurarase e valorarase a integración e compatibilidade dos usos e costumes tradicionais e característicos configuradores do ambiente cos de nova implantación.

• Facilitarase a implantación de actividades complementarias compatibles cos valores culturais dos bens que garantan a continuidade do seu mantemento co establecemento de novos usos.

ANEXO IV

Fotografías

missing image file

Imaxe do conxunto arquitectónico do pazo almacén

missing image file missing image file

Conxunto da aldea Muros e peches

missing image file

missing image file

missing image file

Lavadoiro Fonte de Santa Cecilia Telleira

missing image file

Imaxe do faro

missing image file

missing image file

missing image file

Vista de varios hórreos

missing image file

Vista dos cons do espazo e canles de Sálvora