Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2018 Páx. 24992

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2018 pola que se procede a publicar o encargo á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., como medio propio personificado, para a execución da recollida de mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia durante as tempadas 2018 e 2019.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o encargo á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., como medio propio personificado, para a execución da recollida de mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia durante as tempadas 2018 e 2019.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

ANEXO:

Resolución pola que se encarga á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., como medio propio personificado, a execución da recollida de mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia durante as tempadas 2018 e 2019.

Primeiro. Por resolución do conselleiro de Sanidade, de data 7.5.2018 acordouse encargar á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., como medio propio personificado, a execución da recollida de mostras do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia, e establecéronse as condicións para a realización das actividades encomendadas.

A disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2° da letra d) do punto 2 do artigo 32, e nas letras a) e b) do punto 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas nos puntos 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.

As relacións de Tragsatec cos poderes adxudicadores, dos que son medios propios instrumentais e servizos técnicos, teñen natureza instrumental e non contractual, articulándose a través de encargos dos previstos no artigo 32 desta lei, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

De conformidade co anterior, resulta de aplicación o artigo 32 da citada Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, por canto regula os encargos dos poderes adxudicadores a medios propios personificados, establecendo que os poderes adxudicadores poderán organizarse executando de maneira directa prestacións propias dos contratos de obras, subministracións, servizos, concesión de obras e concesión de servizos, a cambio dunha compensación tarifaria, valéndose doutra persoa xurídica distinta a eles, ben sexa de dereito público ou de dereito privado, previo encargo a esta, con suxeición ao disposto neste artigo, sempre e cando a persoa xurídica que utilicen mereza a cualificación xurídica de medio propio personificado respecto deles de conformidade co disposto nos tres apartados seguintes, e sen prexuízo dos requisitos establecidos para os medios propios do ámbito estatal na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O encargo que cumpra os ditos requisitos non terá a consideración de contrato.

Segundo. Actividades a que se refire

O obxecto do encargo é levar a cabo as actividades necesarias para a execución da recollida de mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia nas tempadas 2018 e 2019.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión

O programa baséase na vixilancia sanitaria das zonas de baño incluídas no censo oficial mediante a inspección e mostraxe periódica da auga das praias durante a tempada de baño segundo o indicado na lexislación vixente nesta materia (Directiva 2006/7/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de febreiro de 2006, relativa á xestión da calidade das augas de baño e da normativa estatal que a desenvolve, o Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño).

Ata o ano 2016 a recollida periódica de mostras nas zonas de baño realizouse a través das xefaturas territoriais desta consellería polos farmacéuticos inspectores de saúde pública (FISP). Esta recollida implicaba que, durante o período estival, a maior parte do seu tempo de traballo dedicábase a esta tarefa polo que non podían levar a cabo as inspeccións e auditorías doutros programas de vixilancia sanitaria que teñen un maior impacto na saúde da poboación e para os que se require a cualificación técnica e profesional propia deste corpo.

Cuarto. Prazo de vixencia

O presente encargo terá vixencia desde o inicio da tempada de baño e o 5 de outubro de 2018 e entre o 2 de maio e o 5 de outubro de 2019, e poderá prorrogarse dous anos máis por acordo unánime das partes, antes da data en que finalice a súa vixencia, sempre que exista crédito orzamentario suficiente.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade