Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 16 de maio de 2018 Páx. 24523

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 23 de abril de 2018, da Mesa do Parlamento de Galicia, polo que se anuncia a convocatoria de probas selectivas para ingresar por promoción interna nunha praza do corpo superior.

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2017 adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia e acordadas na Mesa de Negociación, entre as cales se inclúe convocar probas selectivas para ingresar por promoción interna nunha praza do corpo superior do Parlamento de Galicia, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e 16 do seu estatuto de persoal, a Mesa do Parlamento de Galicia, mediante acordo, aprobou as seguintes bases que rexerán as probas selectivas para o ingreso nas ditas prazas.

Bases

Primeira. Normas xerais

1. Características da praza.

Convócase proceso selectivo para ingresar nunha praza do corpo superior do Parlamento de Galicia, grupo A.

2. Procedemento de selección.

Ao abeiro do establecido no artigo 55 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, o sistema de selección será o de concurso-oposición.

3. Incompatibilidades.

A praza está sometida ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Segunda. Requisitos dos e das aspirantes

1. Xerais.

Para seren admitidas na realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer ao corpo de xestión do Parlamento de Galicia e ter unha antigüidade neste corpo de, polo menos, dous anos.

b) Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación de doutor/a, licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou equivalente.

c) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

d) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo mediante un expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día de prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento do nomeamento como funcionario/a de carreira do corpo a que pertence a praza resultante deste proceso.

Terceira. Solicitudes

1. Forma.

Quen desexe tomar parte nas probas selectivas deberá formular a súa solicitude segundo o modelo que figura como anexo I, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Un xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, no seu defecto, a documentación acreditativa de se encontrar nalgunha das situacións a que fai referencia esta convocatoria susceptibles da exención do pagamento.

b) A declaración de que non se encontra separado/a a través de expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin de estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas, así como de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo III).

c) O documento xustificativo orixinal ou a fotocopia debidamente compulsada de estar en posesión do curso de Celga 4 ou de perfeccionamento de coñecemento da lingua galega, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no terceiro exercicio.

d) A documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso.

2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse á Presidencia do Parlamento de Galicia. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, sito na rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Dereitos de exame.

O seu importe, de 41,15 euros, acreditarase xuntando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES 50 2080 0388 21 3110000502, no cal se indicará: «Taxas selección CS», o documento nacional de identidade e mais o nome da persoa aspirante.

Ás persoas aspirantes excluídas devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estará exento do pagamento da taxa dos dereitos de exame quen estea incurso nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Discapacidades.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para realizar os exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Cuarta. Admisión de aspirantes

Relacións de admitidos e admitidas, así como de excluídos e excluídas.

Logo de rematar o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará unha resolución na cal se declarará aprobada a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación dos apelidos, o nome e o número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, se é o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, así como na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es).

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación destas peticións de emenda entenderase implícita na resolución pola que se determine a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

Ao transcorrer o dito prazo, a Presidencia ditará unha resolución definitiva, contra a cal se pode interpor recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, ou poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución definitiva será obxecto da mesma publicidade ca a provisional.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, o/a interesado/a decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

Quinta. Tribunal cualificador

1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia, e non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición débese atender aos principios de imparcialidade e profesionalidade e ás normas de igualdade de mulleres e homes.

O tribunal poderá acordar, para os seus traballos, solicitar á Oficialía Maior a incorporación de asesores e asesoras especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesario, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales persoas asesoras deberáselle comunicar á Presidencia do Parlamento de Galicia.

2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados por calquera persoa interesada, e particularmente polos e polas aspirantes, cando concorra algún dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala a que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da publicación desta convocatoria. Neste caso, deberanllo comunicar á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o dito posto e a Presidencia designará un novo ou nova suplente.

A presidenta ou o presidente, na sesión de constitución do tribunal, solicitará dos membros do tribunal unha declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, ou na prevista nestas bases.

3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia da maioría dos seus membros e será necesaria, en todo caso, a presenza do presidente ou da presidenta e do secretario ou da secretaria.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

O primeiro exercicio realizarase no prazo máximo de corenta días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

Por cada sesión do tribunal redactarase a acta coa sinatura do secretario ou da secretaria e o visto e prace do presidente ou da presidenta.

En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao da praza convocada. Será nula de pleno dereito calquera proposta de aprobados que o contraveña.

Sexta. Proceso de selección

O proceso de selección será o de concurso-oposición.

1. Fase de oposición.

Os temas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo II a estas bases.

1.1. Exercicios.

Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cincuenta (50) preguntas referido ao temario que se inclúe nesta convocatoria. O cuestionario estará composto por preguntas con tres respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta.

No test poderán pórse ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente. Por cada pregunta incorrecta non se descontará ningunha resposta correcta. O tempo máximo de duración desta proba será dunha hora e valorarase de 0 a 20 puntos.

Segundo exercicio. Terá dúas partes diferenciadas:

Primeira. Desenvolver por escrito, durante un tempo máximo de dúas horas, dous temas que se elixirán entre catro sacados por sorteo polo tribunal.

Esta proba valorarase de 0 a 20 puntos. Correspóndelle ao tribunal determinar a súa puntuación atendendo aos coñecementos, á claridade, á orde de ideas e á calidade da expresión escrita.

Segunda. Consistirá na resolución dun suposto práctico, que elixirán as persoas aspirantes entre dous propostos polo tribunal, e no cal se suscitarán cuestións diversas relacionadas proporcionalmente cos distintos contidos do programa, durante un tempo máximo de tres horas. Esta proba valorarase de 0 a 20 puntos.

O tribunal poderá determinar a realización dos dous exercicios na mesma sesión, sen prexuízo de que poida dispor a realización dunha pausa entre un e outro exercicio.

Terceiro exercicio. Consistirá na realización de dúas traducións, unha do castelán ao galego e outra do galego ao castelán, durante o prazo máximo dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto. Están exentos da realización deste terceiro exercicio os e as aspirantes que acrediten a posesión do Celga 4 ou curso de perfeccionamento de coñecemento da lingua galega, ou a correspondente validación expedida polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

As cualificacións de cada un dos exercicios publicaranse na páxina web e no taboleiro de anuncios da Cámara.

A cualificación final da oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos diferentes exercicios.

Para superar a fase da oposición será preciso acadar, polo menos, 30 puntos nos exercicios obrigatorios e ter, de ser o caso, a cualificación de apto no terceiro exercicio.

Correspóndelle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar esta puntuación mínima.

1.2. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es). Concederase, a partir dese momento, un prazo de dez días para que os e as aspirantes fagan ante o tribunal as alegacións que xulguen oportunas.

1.3. Os e as aspirantes deberán presentarse, para a realización de cada exercicio, provistos/as do documento nacional de identidade ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

1.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia ca a dos/das aspirantes, os membros do tribunal e as e os colaboradores, se é o caso, designados por este.

1.5. Os e as aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos/as de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

2. Fase de concurso.

2.1. A fase de concurso consistirá en valorarlles aos e ás aspirantes que superen a fase de oposición os seguintes méritos:

a) Antigüidade, ata un máximo de 6 puntos:

1. Polos servizos prestados como funcionario ou funcionaria de carreira do grupo B da Administración parlamentaria: 0,019 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia para o coidado de fillos e fillas e familiares.

2. Polos servizos prestados como funcionario ou funcionaria de carreira do grupo B doutras administracións públicas: 0,010 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia por coidado de fillos e fillas e familiares.

b) Traballo desenvolvido na Administración parlamentaria en anteriores postos en materias relacionadas co posto a que opta, ata un máximo de 2 puntos; 0,010 puntos por mes.

c) Grao persoal consolidado, ata un máximo de 2 puntos, do seguinte xeito:

– Nivel 20: 0,80 puntos.

– Por cada unidade máis: 0,20 puntos.

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata un máximo de 0,5 puntos:

– Licenza de maternidade: 0,20 puntos/licenza.

–Permiso de paternidade: 0,20 puntos/permiso.

–Redución de xornada prevista no artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia: 0,20 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para coidado de fillos e fillas e familiares: 0,04 puntos/mes.

e) Formación, ata un máximo de 2,5 puntos:

Pola realización de cursos de formación impartidos por escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, universidades, administracións públicas ou por outras entidades, sempre que neste último caso os cursos conten cunha homologación oficial.

Para estes efectos, valoraranse os cursos realizados sobre biblioteconomía, documentación, arquivos, procedemento administrativo, contratación administrativa, xestión administrativa, persoal, igualdade, dereito sancionador, responsabilidade patrimonial, linguaxe administrativa, informática, lingua galega, idiomas oficiais da Unión Europea e calquera outra materia relacionada coas funcións propias destes postos de traballo.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración, nin os cursos inferiores a 12 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

2.2. A puntuación máxima da fase de concurso será de 12 puntos.

En ningún caso a puntuación obtida na fase de concurso poderá aplicarse para superar a fase da oposición.

2.3. A documentación acreditativa dos méritos alegada nos puntos anteriores deberase referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2.4. As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, no taboleiro de anuncios do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia, con posterioridade á publicación das cualificacións do último exercicio da fase de oposición, no caso de ter que se realizar este.

2.5. Os méritos a que se refiren os puntos 2.1.a) deberán xuntarse á instancia e acreditarse coa seguinte documentación:

1. No caso de servizos prestados no Parlamento de Galicia, unha certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

2. No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, mediante unha certificación da unidade de persoal do organismo correspondente.

Xunto co certificado achegarase a documentación acreditativa debidamente compulsada dos méritos nel reflectidos, entre a cal se atopará o nomeamento como persoal funcionario, como interino ou como contratado administrativo, ou o contrato laboral.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido neste punto ou as que, en calquera caso, non xunten a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

2.6. Os méritos a que se refiren os puntos 2.1.b) deberán manifestarse e acreditarse mediante certificación expedida pola xefatura da unidade administrativa correspondente, e os méritos a que se refiren os puntos 2.1.c) e 2.1.d) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante unha certificación expedida pola unidade administrativa competente en materia de recursos humanos do Parlamento de Galicia.

2.7. Os méritos a que se refire o punto 2.1.e) deberán xuntarse coa instancia e acreditaranse mediante unha copia compulsada do título ou diploma acreditativo.

Os e as aspirantes dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da relación provisional, para efectuar ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

Sétima. Desenvolvemento dos exercicios

1. Os exercicios distribuiranse en galego. Porén, tamén se lles distribuirán en castelán ás persoas aspirantes que así o soliciten.

2. En calquera momento as e os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

3. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algún ou algunha aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá acordar a súa exclusión, de proceder.

4. Os e as aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento, e será excluído da oposición quen non compareza.

5. A publicación do anuncio de realización do segundo e sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal, na páxina web do Parlamento de Galicia, con corenta e oito horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

Oitava. Lista de aprobados

Rematadas as probas, o tribunal sumará os resultados obtidos por cada aspirante nas fases de concurso e oposición, que serán publicados no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e elevaralle á Mesa do Parlamento unha proposta en favor do ou da aspirante que obtivese a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor do ou da aspirante que obtivese a puntuación máis alta no primeiro exercicio. De continuar o empate, resolverase acudindo ao resultado obtido no segundo exercicio, suma das dúas probas realizadas. E de persistir o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso.

Novena. Presentación de documentos

1. O ou a aspirante que superase o proceso selectivo deberá presentar, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria, ante a Presidencia do Parlamento, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia, a seguinte documentación: a fotocopia compulsada do título exixido na base 2.1.b) ou a certificación académica co xustificante do aboamento dos dereitos de expedición do título.

2. Se dentro do prazo fixado, e agás os casos de forza maior libremente apreciados polo letrado oficial maior, non presenta a documentación, ou se do exame dela se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, aquel ou aquela non poderá ser promovido/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por falsidade na solicitude inicial.

Décima. Nomeamento

Unha vez presentados os documentos, de ser o caso, a que fai referencia a base anterior, a Presidencia procederá ao nomeamento do ou da aspirante que superase o proceso selectivo como persoal funcionario do corpo superior do Parlamento de Galicia, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Posteriormente, deberá tomar posesión do posto que se lle asigne dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, potestativamente, un recurso de reposición, ante a Mesa do Parlamento de Galicia, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO II

Temario. Corpo superior da Administración do Parlamento de Galicia

• Fontes de dereito.

1. As fontes do dereito. A lei. O seu procedemento de elaboración. As leis orgánicas. As disposicións do Goberno con forza de lei: decretos leis e decretos lexislativos. Os tratados internacionais. O dereito da Unión Europea. Outras fontes.

• Dereito constitucional e institucións.

2. A Constitución española de 1978. Estrutura e principios básicos. A reforma da Constitución.

3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas. Dereitos e deberes dos cidadáns. Sistemas de protección dos dereitos e liberdades.

4. As institucións básicas do Estado (1). A Coroa. As Cortes Xerais: elección, composición e funcións do Congreso dos Deputados e do Senado. O Goberno: organización, estrutura e funcións.

5. As institucións básicas do Estado (2). O poder xudicial: configuración constitucional; o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal Supremo, o Ministerio Fiscal, os tribunais superiores de xustiza. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. As institucións básicas do Estado (3). O Tribunal Constitucional, composición, competencias, organización e funcións. O control de constitucionalidade das normas con forza de lei. O recurso de inconstitucionalidade e a cuestión de inconstitucionalidade. O recurso de amparo. Os conflitos de competencias. A participación da Comunidade Autónoma na composición do Tribunal Constitucional.

7. A organización territorial do Estado. Os estatutos de autonomía. A organización institucional das comunidades autónomas. A delimitación de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas. Relacións de cooperación e de coordinación e sistema de resolución de conflitos.

8. A Administración xeral do Estado. Órganos superiores e directivos: ministros, secretarios de estado, subsecretarios, secretarios xerais, secretarios xerais técnicos, directores xerais e subdirectores xerais. Órganos territoriais: delegados e subdelegados do Goberno. A Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia.

9. A Administración local. O municipio. A provincia. A organización municipal e provincial. Outras entidades locais.

• Dereito comunitario e institucións europeas.

10. Fontes do dereito comunitario. Regulamentos, directivas e decisións. As recomendacións e os ditames. Sistema de atribución de competencias á Unión europea e as competencias dos Estados membros. Especial referencia ás relacións entre o Estado e as comunidades autónomas na aplicación do dereito comunitario.

11. As institucións da Unión Europea. O Parlamento Europeo. O Consello Europeo. A Comisión Europea. O alto representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade. O Tribunal de Xustiza. O Tribunal de Contas. O Comité Económico e Social. O Comité das Rexións. Outras institucións e órganos.

12. Os parlamentos nacionais e autonómicos na Unión Europea. Funcións no proceso de toma de decisións da Unión. Control da adecuación das propostas lexislativas aos principios de subsidiariedade e proporcionalidade. A Comisión Mixta para a Unión Europea das Cortes Xerais. A participación do Parlamento de Galicia no proceso e o seu procedemento.

• Dereito autonómico e institucións públicas de Galicia.

13. A autonomía galega. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura, contido e natureza xurídica. O Estatuto como norma autonómica e como norma do Estado. A reforma do Estatuto.

14. Ordenamento xurídico de Galicia: leis de Galicia. Decretos lexislativos. Regulamentos. O réxime xurídico do exercicio das competencias autonómicas. Aplicación do dereito galego.

15. Bases fundamentais da autonomía galega. O territorio. Os símbolos. O recoñecemento da galeguidade. A condición de galego. Os dereitos dos cidadáns galegos e as súas garantías. Os dereitos lingüísticos dos cidadáns galegos.

16. Organización política da Comunidade Autónoma de Galicia. As institucións de autogoberno de Galicia.

17. O/A presidente/a da Xunta. Estatuto, mandato e competencias. A Xunta de Galicia. Composición, estrutura e funcionamento. Os conselleiros e as conselleiras: competencias, designación, estatuto, mandato, responsabilidade e cesamento.

18. A organización administrativa da Comunidade Autónoma. Principios estatutarios e legais de organización administrativa. A organización da Administración xeral da Comunidade Autónoma: órganos directivos, órganos territoriais e unidades administrativas. As corporacións de dereito público de Galicia. As entidades instrumentais do sector público autonómico. O exercicio da potestade regulamentaria pola Administración e do Goberno de Galicia. A acción exterior da Xunta de Galicia. Lei 16/ 2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

19. Outras institucións e órganos e a súa relación co Parlamento de Galicia. O Consello de Contas: composición, competencias e funcións. Os senadores representantes da Comunidade Autónoma de Galicia no Senado. O Valedor do Pobo: competencias e funcións.

20. Outras institucións e órganos e a súa relación co Parlamento de Galicia. O Consello da Cultura Galega. O Consello Galego de Universidades. O Consello Universitario de Galicia. Os consellos sociais das universidades. A Corporación Radio e Televisión de Galicia. O Consello Económico e Social. O Consello Consultivo de Galicia.

21. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia no Estatuto de autonomía: exclusivas, concorrentes e de execución da lexislación do Estado. A Comisión Mixta de Traspasos.

• Participación política e sistema electoral.

22. Os dereitos de participación política. As eleccións. O referendo. Os partidos políticos, estatuto e financiamento. A participación cidadá na actividade das cámaras lexislativas. O dereito de petición.

23. O sistema electoral español. A Lei orgánica de réxime electoral xeral e outras fontes normativas. As eleccións ao Congreso dos Deputados e o Senado. As eleccións ás asembleas lexislativas das comunidades autónomas. A elección das entidades locais. O sistema electoral para as eleccións ao Parlamento Europeo. A Administración electoral. Natureza, caracteres, composición, organización e funcionamento. A Xunta Electoral Central. As xuntas provinciais e de zona. As mesas e seccións electorais.

24. O sistema electoral galego. A Lei de eleccións ao Parlamento de Galicia e outras fontes normativas. A capacidade electoral pasiva e as causas de inelixibilidade. Capacidade electoral activa. O censo electoral: contido, estrutura, vixencia, rectificación e acceso. A Oficina do Censo Electoral. A Xunta Electoral de Galicia: composición e designación; funcións; organización e funcionamento. O apoio persoal e material da Administración parlamentaria á Xunta Electoral de Galicia.

25. O procedemento electoral. A convocatoria das eleccións. As candidaturas: presentación e proclamación. Os recursos contra a proclamación das candidaturas. A campaña electoral: réxime xeral. A propaganda electoral. A utilización de medios de comunicación social de titularidade privada e pública. Órganos competentes e de apoio para a distribución de espazos electorais: a Comisión de Control. As enquisas electorais. A constitución das mesas electorais. Sobres e papeletas. Apoderados e interventores. A votación: en especial a votación por correo. O escrutinio: escrutinio nas mesas e escrutinio xeral. A proclamación de electos.

26. Os gastos electorais e de funcionamento das formacións políticas. A Lei galega de financiamento das formacións políticas. Os administradores electorais. As subvencións electorais. O control e a fiscalización dos gastos electorais. As garantías do proceso electoral. Os delitos e as infraccións electorais. Os recursos incidentais durante o proceso. As competencias das xuntas electorais e dos tribunais ordinarios. O procedemento contencioso-electoral. O recurso de amparo electoral.

• O Parlamento de Galicia.

27. As fontes do dereito parlamentario. A Constitución. O Estatuto de autonomía de Galicia. Regulamento do Parlamento de Galicia: estrutura e interpretación. Acordos interpretativos e normas complementarias. Outras fontes. Normas de réxime interior relativas á organización e ao funcionamento do Parlamento. Os precedentes, os usos e os costumes parlamentarios.

28. A sesión constitutiva do Parlamento de Galicia. A convocatoria e o desenvolvemento da sesión constitutiva. A mesa de idade. A elección da Mesa do Parlamento. A sesión solemne de apertura da lexislatura. A disolución do Parlamento.

29. O Estatuto dos deputados e das deputadas (1). A adquisición da condición plena. A presentación da credencial. A declaración de incompatibilidades. O xuramento ou a promesa. O Rexistro de Intereses da Cámara.

30. O Estatuto dos deputados e das deputadas (2). Prerrogativas e dereitos. A inviolabilidade. A inmunidade. O dereito de asistencia. O dereito a integrarse en comisións. O dereito de información. Os dereitos económicos, de protección social e de asistencia material. A salvagarda dos dereitos polo presidente ou a presidenta da Cámara.

31. O Estatuto dos deputados e das deputadas (3). Deberes. O deber de asistencia. O deber de boa conduta. O deber de realizar declaración de bens e actividades. O deber de observar as normas sobre incompatibilidades. A disciplina parlamentaria. Obrigas e sancións. A suspensión. A perda da condición.

32. Os grupos parlamentarios. Constitución, composición e funcionamento. O grupo parlamentario mixto. Singularidades na composición dos grupos parlamentarios. Os medios materiais postos á disposición dos grupos. O financiamento dos grupos e a publicidade (publicación no Portal de transparencia do balance e conta de resultados) e control externo das subvencións (rendición de contas dos grupos parlamentarios ante o Tribunal).

33. Os órganos de goberno (1). A Mesa. Composición, elección e funcionamento. Funcións normativas. Funcións administrativas. Funcións cualificativas. Funcións organizativas. Funcións residuais.

34. Os órganos de goberno (2). A Presidencia. Funcións xerais. Funcións residuais. O réxime de suplencia.

35. Os órganos de goberno (3). A Xunta de Portavoces. Composición. Funcións. Funcionamento.

36. Os órganos funcionais (1). O Pleno. Composición. Convocatoria. A publicidade plenaria. A fe pública das sesións plenarias. A execución dos acordos.

37. Os órganos funcionais (2). A Deputación Permanente. Funcións. Composición. Réxime de funcionamento. A execución e a dación de contas dos acordos.

38. Os órganos funcionais (3). As comisións. Composición. Constitución. Presidencia e Mesa. Competencias. Réxime de funcionamento. Duración dos traballos. As ponencias e os grupos de traballo.

39. Os órganos funcionais (3). As comisións. Tipoloxía. As comisións permanentes lexislativas. Enumeración. Especificidades.

40. Os órganos funcionais (3). As comisións. As comisións permanentes non lexislativas. Especificidades na súa composición e funcionamento. Enumeración. A creación de comisións para unha lexislatura.

41. As comisións especiais: comisións de estudo e comisións de investigación. Creación. Especificidades na súa composición, competencias e réxime de funcionamento.

42. O funcionamento do Parlamento (1). A programación do traballo parlamentario. Os períodos de sesións. Calendarios. A repartición proporcional da inclusión de iniciativas.

43. O funcionamento do Parlamento (2). O desenvolvemento das sesións. A deliberación e os acordos parlamentarios. A fixación da orde do día. Alteración da orde do día. Os debates. As alusións. As chamadas ao cumprimento do regulamento. O dereito de réplica. As facultades moderadoras da Presidencia. As votacións. O quórum legal. A orde parlamentaria nos debates. A chamada á orde. As chamadas á cuestión. Definición. Sanción. A orde no recinto parlamentario. Principio xeral. Ámbito do poder disciplinario. Poderes de policía nas sesións. A orde nas tribunas. Condutas punibles. Medidas adoptables. O desenvolvemento das votacións. Clases. Os empates. A explicación do voto.

44. O funcionamento do Parlamento (3). A publicidade da actividade do Parlamento. As publicacións oficiais. A páxina web. O portal de transparencia.

45. A participación cidadá na actividade do Parlamento. As proposicións de lei de iniciativa popular. As proposicións non de lei de iniciativa popular. As preguntas da cidadanía. O dereito de petición. Os procedementos relativos á participación cidadá e ao dereito de petición. A Lei 7/2015, do 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia.

46. A actividade exterior do Parlamento. A Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE): organización e funcionamento. A Conferencia de Presidentes e Presidentas de Parlamentos Autonómicos do Estado Español (Coprepa): organización e funcionamento.

47. Os procedementos parlamentarios (1). Os procedementos de natureza normativa (1). O procedemento lexislativo ordinario. A iniciativa lexislativa. A tramitación dos proxectos de lei e das proposicións de lei.

48. Os procedementos parlamentarios (2). Os procedementos de natureza normativa (2). Os procedementos lexislativos especiais (A). As leis de desenvolvemento básico do Estatuto de autonomía. A iniciativa. O procedemento. A reforma do Estatuto de Galicia. O proxecto de lei de orzamentos anual. Marco de tramitación. Debate e aprobación.

49. Os procedementos parlamentarios (3). Os procedementos de natureza normativa (3). Os procedementos lexislativos especiais (B). A tramitación dun proxecto de lei en lectura única. Substanciación. Aprobación. A competencia lexislativa plena das comisións. Iniciativa. Substanciación. Aprobación.

50. Os procedementos parlamentarios (4). Os procedementos de natureza normativa (4). Outras propostas de normas. Procedemento de reforma da Constitución. Procedemento de reforma do Estatuto de autonomía. Proposicións de reforma do Regulamento do Parlamento. Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia. Procedemento de revisión do dereito civil de Galicia. Convenios de cooperación con outras comunidades autónomas.

51. Os procedementos parlamentarios (5). A Xunta como destinataria da confianza parlamentaria. A investidura. Concepto. Substanciación. A moción de censura. Concepto. Substanciación. A cuestión de confianza. Concepto. Procedemento. Votación.

52. Os procedementos parlamentarios (6). Os procedementos de control e impulso (1). O control das disposicións da Xunta de Galicia con forza de lei. A delegación lexislativa na Comunidade Autónoma de Galicia. Procedemento. As comunicacións da Xunta de Galicia. O debate de política xeral. Exame de programas e plans.

53. Os procedementos parlamentarios (7). Os procedementos de control e impulso (2). As proposicións non de lei. Concepto. Suxeitos. Obxecto. Procedemento. A cualificación pola Mesa do Parlamento. Emendas. Inclusión na orde do día. Debate. As mocións. Concepto. Suxeitos. Obxecto. Procedemento. A cualificación pola Mesa do Parlamento. Emendas. Inclusión na orde do día. Debate.

54. Os procedementos parlamentarios (8). Os procedementos de control económico e orzamentario. Os informes anuais de fiscalización das contas do sector público de Galicia. Os informes de fiscalización selectivos. O informe de fiscalización dos gastos electorais. A conta xeral da Administración da Comunidade Autónoma. Os informes sobre o estado de execución do orzamento. As modificacións orzamentarias. O plan económico-financeiro específico vixente das consellerías, os organismos autónomos e as sociedades públicas. A información sobre os préstamos e avais do Instituto Galego de Promoción Económica. O límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma.

55. Os procedementos parlamentarios (9). Os procedementos de información. As informacións remitidas pola Xunta de Galicia como consecuencia de mandatos normativos. Tipoloxía e tramitación. As solicitudes de comparecencia da Xunta. En pleno. En comisión. Suxeitos. Procedemento. Decaemento. As preguntas. Suxeitos. Procedemento. Tipos: orais en pleno, orais na comisión, para resposta por escrito. Tramitación. A reconversión das preguntas. As solicitudes de informes, datos e documentos (artigo 9 e artigo 44).

56. Os procedementos parlamentarios (10). Os procedementos relativos ás relacións do Parlamento con outras institucións e órganos:

– Valedor do Pobo. Regulamento de organización e funcionamento. Informes do Valedor do Pobo. Ordinarios. Extraordinarios. Resolucións do Valedor do Pobo.

– Consello de Contas. Normas relativas ao Consello de Contas. Memoria de actividades. Plan de traballo

– Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Memoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

– Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia. Memoria anual da Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Instituto Galego de Estatística. Informe de avaliación do Plan galego de estatística. Informe de seguimento do Programa estatístico anual.

– Tribunal Constitucional. Recursos de inconstitucionalidade. Cuestións de inconstitucionalidade. Recursos de amparo

– Unión Europea. Control da aplicación do principio de subsidiariedade nas iniciativas lexislativas europeas. Rede de seguimento da subsidiariedade do Comité das Rexións. CALRE.

57. Os procedementos parlamentarios (11). Os procedementos de elección, designación e proposta de nomeamento. Senadores en representación da Comunidade Autónoma. Candidatos a maxistrados do Tribunal Constitucional para lle presentar ao Senado. Terna para a provisión de vacantes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Valedor/a do pobo e adxunto/a. Membros do Consello de Contas de Galicia. Vogais da Xunta Electoral de Galicia. Director/a xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia e membros do Consello de Administración da Corporación Radio e Televisión de Galicia. Consello Galego de Universidades/Consello Universitario de Galicia. Vogais dos consellos sociais das universidades de Galicia. Vogais do Consello de Bibliotecas de Galicia. Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores. Representantes da Comunidade Autónoma de Galicia nas asembleas xerais das caixas de aforros.

• Organización administrativa do Parlamento de Galicia.

58. O procedemento administrativo: concepto e natureza. Fases do procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrución, finalización. O silencio administrativo. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Requisitos e eficacia dos actos administrativos: motivación, notificación e publicación. Nulidade e anulabilidade dos actos administrativos. A revisión de oficio. Os recursos administrativos: concepto, clases e principios xerais de regulación. Outros procedementos de impugnación. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

59. A organización administrativa. Disposicións xerais, principios de actuación e funcionamento do sector público. Administración xeral do Estado. Organización e funcionamento do sector público institucional. Relacións interadministrativas: principios xerais, deber de colaboración, relacións de cooperación. Relacións electrónicas entre as administracións. A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

60. A autonomía administrativa do Parlamento. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia. A estrutura orgánica da Administración parlamentaria. As unidades administrativas. Os órganos da Administración parlamentaria. O réxime xurídico administrativo. Réxime xurídico das disposicións. O procedemento administrativo na Administración parlamentaria. O réxime xurídico dos bens da Administración parlamentaria.

61. O Estatuto de persoal da Administración parlamentaria (1). Obxecto e ámbito de aplicación. Órganos de persoal. Clasificación do persoal da Administración do Parlamento de Galicia e rexistro de persoal. Comezo e extinción da relación de servizo. Planificación e ordenación do persoal da Administración do Parlamento de Galicia. Provisión de postos e mobilidade. Acceso ao emprego público. Carreira e promoción profesional. Avaliación do desempeño. Formación e perfeccionamento.

62. O Estatuto de persoal da Administración parlamentaria (2). Situacións administrativas. Sistema retributivo. Vacacións, licenzas e permisos. Representación, participación, negociación colectiva e dereito de reunión. Incompatibilidades. A protección social do persoal. O réxime disciplinario do persoal da Administración parlamentaria.

63. A Seguridade Social. Réxime xeral e réximes especiais. A acción protectora da Seguridade Social. Tipos e características das prestacións. Réxime de incompatibilidades. Prescrición e caducidade. Reintegro de prestacións indebidas.

64. A xestión económica e financeira na Administración parlamentaria. O orzamento do Parlamento de Galicia: contido, elaboración, aprobación e prórroga. Os créditos e as súas modificacións. A execución e liquidación do orzamento. Os principios de actuación contable e a conta xeral do Parlamento de Galicia. O control e a fiscalización da xestión económica e financeira. A aplicación do principio de transparencia na xestión orzamentaria. A xestión dos gastos de persoal: retribucións, devindicacións e liquidación. A xestión e o control dos gastos contractuais: autorización e compromiso de gastos, recoñecemento do deber, pagamento. A xestión dos gastos de transferencias. Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo, BOPG nº 362, do 27 de maio de 2003.

65. Os principios e o réxime xurídico da contratación pública. Os contratos das sector público: natureza, caracteres e clases. Elementos dos contratos administrativos. Partes no contrato, obxecto, orzamento base de licitación, valor estimado, prezo do contrato e a súa revisión. Garantías exixibles. A preparación dos contratos. A adxudicación dos contratos. Resolución, rescisión e renuncia. Órganos de contratación. Órganos de asistencia. Órganos consultivos. Rexistros oficiais. A Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

66. A contratación administrativa no ámbito da Administración parlamentaria. Disposicións aplicables. A contratación electrónica. O tribunal administrativo de recursos contractuais do Parlamento de Galicia.

67. Normativa reguladora e aplicación da política de transparencia no Parlamento de Galicia. Lei 19/2013, do 9 decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Acordos da Mesa do Parlamento. O Portal de transparencia do Parlamento de Galicia.

68. Normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal e aplicación no Parlamento de Galicia.

69. Normativa reguladora en materia de igualdade. Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e a súa incidencia na Administración pública. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

70. A organización e xestión administrativa (1). Principios e boas prácticas na Administración parlamentaria. O rexistro parlamentario. O expediente parlamentario. O arquivo parlamentario. A actividade exterior da Administración do Parlamento de Galicia: convenios interadministrativos, participación en órganos consultivos e de colaboración (Consello de Avaliación Documental de Galicia / Consello de Arquivos de Galicia / Rede Parlamenta). O portal xurídico.

71. A organización e xestión administrativa (2). Dos procesos relativos á constitución e á disolución do Parlamento, ao Estatuto dos deputados e das deputadas, aos órganos de goberno, aos órganos funcionais e ao funcionamento xeral da Cámara.

72. A organización e xestión administrativa (3). Dos procedementos lexislativos; as directrices de técnica normativa.

73. A organización e xestión administrativa (4). Dos procedementos de control e impulso, de información, de designación e proposta de nomeamento e relativos ás relacións con outras institucións e órganos.

74. A Administración electrónica (1). Conceptos básicos (1). Acceso electrónico do cidadáns aos servizos públicos. Ámbito de aplicación e principios xerais. A relación por medios electrónicos dos cidadáns coas administracións publicas. Réxime xurídico da Administración electrónica. A xestión electrónica dos procedementos. Cooperación entre administracións para o impulso da Administración electrónica. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

75. A administración electrónica (2). Conceptos básicos (2). O rexistro electrónico. Arquivo electrónico único e custodia dos documentos electrónicos. Sinatura electrónica e certificados. Documentos: concepto e clases. Documentos electrónicos. O arquivo de xestión. Transferencia e eliminación de documentos.

76. Administración electrónica (3). Aplicación no Parlamento de Galicia. Regulamento da Cámara para a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas na actividade parlamentaria (Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 8 de maio de 2006, polo que se aproban as Normas de desenvolvemento do Regulamento da Cámara para a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas na actividade parlamentaria –BOPG nº 139, do 13 de maio de 2006–). Sede electrónica. Normas de creación da sede electrónica e de regulación da xestión electrónica no Parlamento (Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 20 de marzo de 2017, polo que se aproban as Normas de creación da sede electrónica e de regulación da xestión electrónica no Parlamento de Galicia –BOPG nº 89, do 24 de marzo de 2017–). Política de seguridade. A aplicación do Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración parlamentaria (Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 23 de xaneiro de 2017, polo que se aproban as Normas sobre a política de seguridade da información do Parlamento de Galicia –BOPG nº 52, fascículo 1º, do 25 de xaneiro de 2017–. Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 13 de decembro de 2017, polo que se regula a política de seguridade da información do Parlamento de Galicia –BOPG nº 228, do 18 de decembro de 2017–).

ANEXO III

Declaración xurada ou promesa

D./Dª…………........……………………….....………………………….., con documento nacional de identidade número………………………………………….

Declara baixo xuramento/promete, para os efectos de participar no proceso selectivo do corpo superior do Parlamento de Galicia, que non foi separado/a do servizo de ningunha das administracións públicas e que non está inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas. Así mesmo, declara que non padece enfermidade ou discapacidade que lle impida o desempeño das correspondentes funcións do posto e que son certos todos os datos achegados respecto deste proceso selectivo.

…………………………………….., …….. de……………… de 2018

missing image file
missing image file