Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2018 Páx. 21960

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de abril de 2018 pola que se regulan aspectos relativos á organización das materias do bacharelato establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, para os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato para o sistema educativo galego como desenvolvemento da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, da mellora da calidade educativa, determina as diferentes modalidades do bacharelato e establece o agrupamento das materias en tres bloques: troncais, específicas e de libre configuración autonómica. Establécense as materias que o alumnado debe cursar en cada unha das modalidades: as xerais do bloque de materias troncais, o grupo de materias de opción do bloque de materias troncais das cales o alumnado cursará dúas, Educación Física no primeiro curso e as materias de libre configuración autonómica, entre as cales está Lingua Galega e Literatura.

A Historia da Filosofía é unha materia troncal de opción do segundo curso na modalidade de bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais que o alumnado pode cursar se a elixe dun grupo de cinco materias. Así mesmo, o alumnado das modalidades de Ciencias e de Artes pode cursar a materia de Historia da Filosofía no segundo curso como materia específica para todos os efectos, de acordo coa oferta que realicen os centros.

Co obxecto de dar cumprimento, no ámbito das súas competencias, ao Acordo parlamentario do 18 de outubro de 2017 respecto da materia de Historia da Filosofía, introdúcense as seguintes adaptacións na normativa que desenvolve o mencionado Decreto 86/2015, do 25 de xuño. A materia Historia da Filosofía seguirá a impartirse en 2º de bacharelato como troncal de opción, e todo o alumnado da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais a cursará de forma obrigatoria a través dos itinerarios que organicen os centros. E, asemade, todos os alumnos e as alumnas poden escoller esta materia de 2º como específica, pero os centros educativos ofertarana obrigatoriamente para as modalidades de Ciencias y Artes.

En consecuencia, de conformidade co exposto e no uso da habilitación normativa que figura na disposición derradeira segunda do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

ACORDO:

Artigo único. O alumnado cursará no segundo curso de bacharelato e dentro da modalidade correspondente as seguintes materias:

a) Catro materias xerais do bloque de materias troncais.

b) Dúas materias de entre as materias troncais de opción. O alumnado que opte pola modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais deberá cursar a materia de Historia da Filosofía.

c) Lingua Galega e Literatura.

d) Un mínimo de dúas e un máximo de tres materias de entre as materias específicas de elección. Os centros ofertarán obrigatoriamente a materia de Historia da Filosofía, dentro do grupo de materias específicas, para o alumnado das modalidades de Ciencias e de Artes, e será de libre elección para o alumnado.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os acordos e ditar as resolucións que consideren oportunas no desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria