Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2018 Páx. 21962

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2018 pola que se lle dá publicidade a unha encomenda de xestión, pola que se lle encarga á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que realice os traballos preparatorios para a formulación das propostas de resolución en relación con determinados recursos administrativos.

1. Encomenda de xestión.

– Actividade. A encomenda comprende a realización das actividades de carácter material e técnico preparatorias necesarias para o exercicio pola Subdirección Xeral de Réxime Xurídico, de Coordinación Administrativa e da Planificación das súas competencias de formulación das propostas de resolución dos recursos pendentes de resolución interpostos contra resolucións ditadas con anterioridade á data de entrada en funcionamento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), cuxa resolución de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 213/2007, do 31 de outubro, lle compete á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

– Natureza e alcance da xestión encomendada. De conformidade co establecido nos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, trátase dunha encomenda de xestión intersubxectiva na cal concorren as condicións establecidas no artigo 9 do dito corpo legal.

– Prazo de vixencia. A vixencia desta encomenda de xestión iniciarase na data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará no prazo máximo de dous anos.

Non obstante, no caso de que a APLU non finalizase o obxecto desta encomenda no dito prazo, este prorrogarase automaticamente por períodos dun (1) ano ata a completa finalización, agás que por parte da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio se exprese a vontade da súa resolución cunha antelación mínima dun mes.

Serán causas de resolución anticipada desta encomenda de xestión as seguintes: a) Incumprimento total ou parcial dalgunha das condicións que regulan a presente encomenda de xestión. b) O transcurso do prazo máximo estipulado de tempo sen que se realizasen as actividades acordadas, logo de aviso cunha antelación dun mes por parte da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. c) O mutuo acordo das partes. d) Denuncia por causas de interese público, por instancia de calquera das partes.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio