Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 24 de abril de 2018 Páx. 21871

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación solar fotovoltaica de 575 kW titularidade de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L., situada no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente IN107A-2015/83-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L. en relación coa solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación solar fotovoltaica de 575 kW, situada no concello de Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 1 de decembro de 2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente a instalación solar fotovoltaica de 575 kW situada no polígono do Sangal, concello de Cerdedo (Pontevedra), titularidade de Confortlastic, S.L.

Segundo. Con data do 27 de febreiro de 2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu aprobar o proxecto de execución da instalación solar fotovoltaica de 575 kW situada no polígono do Sangal, concello de Cerdedo (Pontevedra), titularidade de Confortlastic, S.L. con efectos retroactivos desde 1 de decembro de 2010.

Terceiro. Con data do 28 de febreiro de 2013 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra resolveu autorizar a posta en servizo da instalación solar fotovoltaica de referencia.

Cuarto. Con data do 11 de marzo de 2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulamentado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e realizar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da instalación solar fotovoltaica de 575 kW titularidade de Confortlastic, S.L., situada no concello de Cerdedo (Pontevedra), outorgándolle o número de rexistro RE-13-11.

Quinto. Con data do 6 de xuño de 2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar a transmisión da titularidade da central fotovoltaica de 575 kW promovida por Confortlastic, S.L. situada no concello de Cerdedo (Pontevedra), a favor de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L.

Sexto. Con data do 11 de xullo de 2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu modificar o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica e modificar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da instalación solar fotovoltaica de 575 kW situada no concello de Cerdedo (Pontevedra), no relativo á súa titularidade, a favor de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L.

Sétimo. Con data do 14 de novembro de 2014 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra resolveu declarar en concreto a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación da instalación de referencia situada no concello de Cerdedo, Pontevedra (expediente IN107A-2015/78-4) coa denominación «centro de seccionamento e LMT subterránea de evacuación da fotovoltaica Monte Sangal».

Oitavo. Con data do 14 de maio de 2015, Antonio Domínguez Iglesias, en nome e representación de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L. solicitou a declaración de utilidade pública de instalación solar fotovoltaica de 575 kW mencionada situada no concello de Cerdedo, Pontevedra incluíndo a relación de bens e dereitos para expropiar.

Noveno. Con data do 9 de agosto de 2017 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra resolveu someter a información pública a petición de declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente IN107A-2015/83-4) coa seguinte descrición:

– Solicitante: Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L.

– Domicilio social: P.I. Porto do Molle, r/ As Pontes, vía A, nº 4, oficina 314-18, 36350 Nigrán.

– Denominación: declaración de utilidade pública da fotovoltaica Monte Sangal.

– Situación: Cerdedo.

– Características técnicas: xeración eléctrica fotovoltaica e interconexión de planta de 575 kW de potencia nominal instalada sobre cuberta de nave industrial situada na travesía da Eiriña do polígono do Sangal, parcela 189, Cerdedo, constituída por módulos sobre estrutura de cuberta, cunha potencia nominal de 575 kW, instalación de enlace e elementos de mando e protección. Centro de transformación (CT) elevador de tensión, de 630 kVA, RT 400 V/20 kW.

A dita resolución publicouse no xornal Faro de Vigo do 26 de agosto de 2017, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, do 14 de setembro, e no Diario Oficial de Galicia do 28 de setembro. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra e no Concello de Cerdedo-Cotobade.

A seguir resúmese o contido da alegación presentada durante o período de información pública:

1. O asinante da solicitude de declaración de utilidade pública non acreditou a súa capacidade para actuar en representación de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L.

2. Exponse a existencia dunha declaración de utilidade pública da instalación de referencia con data do 14 de novembro de 2014, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra (expediente IN107A-2015/78-4), polo que resulta improcedente a nova declaración de utilidade pública ao comprender novos bens, empregar unhas vías legais inadecuadas e carecer de motivación para proceder á extensión da expropiación.

3. O solicitante incumpriu o establecido no artigo 124 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

4. Mención da prohibición recollida no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo. Con data do 22 de novembro de 2017 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra emitiu informe favorable á solicitude de declaración de utilidade pública de referencia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no artigo 19 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguranza industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto á alegación presentada durante o período de información pública, visto o contido desta e a resposta do promotor, cómpre indicar o seguinte:

1. En relación coa capacidade de representación do asinante da solicitude da declaración de utilidade pública, este presentou escritura notarial que o faculta para actuar en nome e representación de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L.

2. No que se refire á solicitude dunha nova declaración de utilidade pública que afecta bens e dereitos non mencionados na declaración de utilidade pública do 14 de novembro de 2014 e a súa motivación, a lexislación sectorial non recolle impedimento ao respecto, polo que debe terse en conta, así mesmo, o expresado no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico: «decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso».

3. Respecto ao incumprimento do artigo 124 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, de acordo co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a instalación solar fotovoltaica non ten obriga de someterse á avaliación de impacto ambiental, polo que o citado artigo non é de aplicación.

4. En referencia á mención da prohibición citada no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, as limitacións da constitución dunha servidume de paso tal como indica este artigo non afectan as infraestruturas pertencentes á instalación solar fotovoltaica descritas na solicitude de declaración de utilidade pública.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación solar fotovoltaica de 575 kW titularidade de Compañía Fotovoltaica O Sangal, S.L., situada no concello de Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, descrita de acordo co recollido no antecedente de feito noveno, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Alegación presentada durante o período de información pública indicado no antecedente de feito noveno:

Ramón Miguel Carballeda, en nome e representación de Elaxtic Descanso, S.L., o 2 de outubro de 2017.