Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 5 de abril de 2018 Páx. 18736

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 36/2018, do 22 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación de marxes en Salvaterra de Miño, tramo río Miño-río Mendo.

O Concello de Salvaterra de Miño, en sesión que tivo lugar o día 7 de agosto de 2012, aprobou o proxecto de recuperación de marxes en Salvaterra de Miño, tramo río Miño-río Mendo e acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 29 de xaneiro de 2018 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983 sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o Concello e o informe do técnico municipal, a urxencia vén motivada pola mellora da accesibilidade para a vixilancia da zona para efectos de protección da flora e fauna, así como dos veciños para gozar da zona de conservación e preservación ecolóxica. Tamén evita os riscos derivados do acceso á zona na confluencia coa liña ferroviaria e, polo tanto, mellora a seguridade do tramo.

A obra tamén supón a continuación, a partir da ponte internacional da Eurocidade Salvaterra-Monção, da senda fluvial que existe entre Monção e Valença, o que porá á disposición dos veciños un espazo seguro para a práctica de deporte, doutras actividades de ocio e do aproveitamento dun espazo de interese ambiental.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte o dous de marzo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación de marxes en Salvaterra de Miño, tramo río Miño-río Mendo. De ser o caso, deberase unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza