Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 5 de abril de 2018 Páx. 18733

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 35/2018, do 22 de marzo, polo que se modifica o Decreto 122/2016, do 8 de setembro, polo que se regula a concesión de condecoracións, distintivos de permanencia e distincións honoríficas outorgadas ao persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou a persoas e institucións que colaboren con esta.

Mediante o Decreto 122/2016, do 8 de setembro, polo que se regula a concesión de condecoracións, distintivos de permanencia e distincións honoríficas outorgadas ao persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou a persoas e institucións que colaboren con esta, creáronse unha serie de condecoracións e distincións propias da Comunidade Autónoma de Galicia para a Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita a ela. Así, por unha banda establécese un sistema de recoñecemento público aos méritos que poida acreditar o persoal desta unidade, tanto por razón de servizos ou intervencións extraordinarios como, así mesmo, polo tempo de permanencia na dita unidade. Tales condecoracións e distintivos están referidos, polo tanto, ao mérito policial ou á permanencia na unidade policial.

Por outra banda, o decreto estableceu unha distinción honorífica para aquelas persoas, colectivos ou institucións, diferentes da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita, que manifestasen un constante ou importante labor de apoio e colaboración co persoal da unidade, no exercicio das súas funcións, favorecendo dese xeito a súa eficacia e facilitando, así mesmo, a prestación dun servizo de máis calidade. Esta distinción honorífica, xa que logo, pode ser outorgada, consonte o establecido no artigo 7, non só a organismos e institucións, senón tamén ao persoal ou a unidades doutros corpos ou colectivos como recoñecemento á súa destacada colaboración co persoal da unidade.

Finalmente, na disposición adicional segunda faise unha concreción para aquelas distincións de carácter colectivo concedidas pola Xunta de Galicia que, mesmo non sendo de carácter policial, sexan outorgadas á Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, en relación con aquel persoal cuxa participación nos feitos ou servizos motivo do outorgamento resulte acreditada.

Non obstante, nesta disposición adicional segunda non se prevía a súa aplicación a unidades doutros corpos distintos da Unidade do Corpo Nacional da Policía adscrita, polo que se considera preciso, de xeito análogo, estender o seu ámbito a aquel persoal que, tendo acreditado a súa participación nos feitos que deron motivo ao outorgamento da distinción, pertenzan a outras unidades ou órganos dos corpos de seguridade do Estado que fosen distinguidos a título colectivo.

Deste xeito, con esta modificación dáse un tratamento equivalente, no que ás distincións que non sexan de carácter estritamente policial se refire, ao persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado con independencia da súa pertenza ou non á Unidade do Corpo de Policía adscrita á Comunidade Autónoma e, ademais, proporciónase unha maior coherencia á regulación contida no decreto.

Aprovéitase a modificación da disposición adicional para darlle unha mellor redacción, eliminando calquera dúbida que se poida producir na súa interpretación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 122/2016, do 8 de setembro, polo que se regula a concesión de condecoracións, distintivos de permanencia e distincións honoríficas outorgadas ao persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou a persoas e institucións que colaboren con esta

A disposición adicional segunda do Decreto 122/2016, do 8 de setembro, polo que se regula a concesión de condecoracións, distintivos de permanencia e distincións honoríficas outorgadas ao persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou a persoas e institucións que colaboren con esta, queda modificada como segue:

«Disposición adicional segunda. Distincións colectivas

1. No caso de que a Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, a título colectivo, sexa distinguida coa Medalla de Galicia ou outra distinción desas características outorgada polo Goberno galego, débese entender concedida ao persoal cuxa participación nos feitos ou servizos motivo do outorgamento desa distinción resulte acreditada e, así mesmo, procurarase que este persoal poida portar na súa uniformidade de gala un símbolo daquela en forma de pin, emblema ou semellante.

2. Igualmente, no caso de que outros corpos e forzas de seguridade do Estado, os seus órganos ou unidades sexan distinguidos, a título colectivo, coa Medalla de Galicia ou outra distinción desas características outorgada polo Goberno galego, débese entender concedida ao persoal cuxa participación en Galicia nos feitos ou servizos motivo do outorgamento desa distinción resulte acreditada, estean ou non destinados nesta comunidade autónoma».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustizaw