Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 19 de marzo de 2018 Páx. 16241

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica o Acordo do 5 de setembro de 2017 relativo á proposta de revisión da descrición do monte veciñal en man común da Pedrosa, no concello de Cualedro.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común adoptou o seguinte acordo, baseándose nos feitos e consideracións legais que a seguir se expoñen:

Feitos:

Primeiro. Con data do 31 de marzo de 2016 vostede presentou, como presidente da xunta reitora da CMVMC da Pedrosa, un escrito no rexistro da Xefatura Territorial de Ourense (nº 4969/rx 839586) solicitando a revisión da clasificación do MVMC da Pedrosa no seu límite con propiedades particulares. Coa solicitude achégase a seguinte documentación:

• Copia dos títulos de propiedade das parcelas asignadas na concentración parcelaria da Xironda-A Pedrosa a favor da CMVMC da Pedrosa.

• Certificado do acordo tomado en asemblea para que se efectúe a modificación da cartografía que forma parte da carpeta ficha da clasificación do MVMC da Pedrosa.

• Planos delimitadores do monte afectado.

En canto á superficie do monte veciñal, na solicitude indícase que, unha vez modificado o esbozo de clasificación, a superficie total do monte sería 454,5 ha.

Segundo. O Servizo de Montes elaborou unha proposta de revisión con data do 29 de agosto de 2017, na cal fai constar os seguintes aspectos:

A proposta para a revisión do esbozo do MVMC da Pedrosa, remitida pola CMMVVMC da Pedrosa, á cal pertence, afecta o linde da parcela de maior superficie (situada na ladeira que cara ao leste baixa da serra do Larouco) cos predios propiedade de particulares. Por outra banda, as outras tres parcelas de menor superficie, víronse afectadas pola reorganización da propiedade da zona de concentración parcelaria da Xironda-A Pedrosa. A revisión do esbozo proposta inclúe os predios de substitución adxudicados ao propietario nº 186 (comunal concello de Cualedro-parroquia da Pedrosa).

Os predios de substitución correspondentes ás parcelas catastrais nº 972 e 986 do polígono 502 inclúense dentro do perímetro da parcela principal do monte por formaren parte dun mesmo couto redondo.

As estremas do perímetro da parcela principal sitúanse, ao norte, no linde deste MVMC co MVMC da Saceda e, ao sur, no linde co MVMC da Xironda. A descrición do perímetro e plano da carpeta-ficha, incluída no expediente de clasificación, localiza a estrema co MVMC da Saceda no lugar denominado Carballas e a estrema co MVMC da Xironda no lugar denominado Esperón.

O Servizo de Montes entende que a revisión do esbozo proposta pola CMMVVMC da Pedrosa se axusta a esta descrición do perímetro e plano da carpeta-ficha. Non obstante, o perímetro estremeiro con estes dous montes veciñais en man común deberá determinarse mediante a realización dun deslindamento, segundo o procedemento establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro desta parcela de maior superficie cos predios propiedade de particulares respecta os límites do parcelario catastral, agás na parcela 850 do polígono 46, na cal se exclúe unha pequena superficie localizada entre as parcelas 987 e 992 do polígono 502. O Servizo de Montes propón que se inclúa a parcela catastral completa para facer compatible este perímetro coa cartografía catastral e cumprir os requirimentos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade, tal como se establece no punto primeiro da citada disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012 e na Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria e da Lei do catastro inmobiliario.

Da revisión da lista das parcelas catastrais estremeiras que ten a parcela principal do monte, ordenadas de norte a sur, obsérvase que debería incluír en segundo lugar a parcela catastral nº 550 do polígono 502 para quedar completo.

A modificación de superficie do acordo de clasificación considérase desprezable, tendo en conta os erros de medición no momento da clasificación e que non se procedeu, polo momento, ao deslindamento cos montes veciñais en man común estremeiros.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de acordo coa proposta do Servizo de Montes do 29 de agosto de 2017, acordou por unanimidade o día 5 de setembro de 2017:

Aprobar a proposta de revisión da descrición do monte veciñal en man común da Pedrosa, no concello de Cualedro.

Ourense, 28 de febreiro de 2018

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense