Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2018 Páx. 12720

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre a revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Couto de María Isabel, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabreira, do concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 20 de decembro de 2017, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Couto de María Isabel, da CMVMC de Cabreira, do concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Feitos:

Primeiro. O 20 de setembro de 1984, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (en diante XPMVMC) de Pontevedra emitiu a resolución de clasificación do monte denominado Cabreira, a favor dos veciños de San Miguel de Cabreira, no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), tal e como se describe no primeiro resultando desa resolución de clasificación:

– Nome do monte: Montes de Cabreira: Pena Barreiro, Buraca Grande, Alto do Viso, Monte Río e Couto de María Isabel.

Cabida: 20 ha.

Estremas:

– Norte: termo e montes de Alxén.

– Sur: termo e montes de Arantei.

– Leste: termo e montes de Salvaterra.

– Oeste: termo e montes de Salceda de Caselas.

Segundo a información que consta no Rexistro de MVMC de Pontevedra, a resolución de clasificación adquiriu firmeza por canto non consta que fose impugnada na vía administrativa.

Segundo. O estudo previo de clasificación dos montes Pena Barreiro, Buraca Grande, Alto do Viso, Monte Río e Couto de María Isabel establece no seu punto 3.2. Superficie: «a superficie total dos montes comprendidos nos límites da parroquia de Cabreira é de 20,1 ha, as cales podemos detallar da seguinte maneira: Pena Barreiro 2,6 ha, Buraca Grande 8,1 ha, Alto do Viso 4,7 ha, Monte Río 2,7 ha, Couto de María Isabel 2 ha. Esta superficie obtívose por planimetrado sobre un plano a escala 1/10.000».

No seu punto 3.5. Observacións sobre a estrema con predios particulares: «Os montes Pena Borreiro, Buraca Grande, Alto do Viso, Monte Río e Couto de María Isabel non se encontran deslindados, polo que as estremas con propiedades particulares e outros montes da parroquia de Alxén non son precisos. No caso de que estes montes chegasen a ser clasificados como veciñais en man común, tal vez fose necesario un deslindamento, seguindo os criterios tidos en conta na clasificación».

Neste estudo previo consta o esbozo destes montes, que finalmente foron clasificados a favor dos veciños de Cabreira, e aparece un monte denominado Couto de María Isabel, desprazado, segundo manifestación da Comunidade.

Terceiro. Segundo os datos do Rexistro de MVMC de Pontevedra, na actualidade os montes de Cabreira, entre os cales está o monte Couto de María Isabel, non están deslindados, polo que a cartografía que temos para a descrición do monte Couto de María Isabel é o esbozo que existe no estudo previo de clasificación. Non constan resolucións xudiciais, nin actos de disposición aprobados, nin posúe un proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia.

Cuarto. O 9 de marzo de 2012, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Cabreira solicita a clasificación dunha parcela chamada Couto de María Isabel que, aínda citada no expediente de investigación para a clasificación dos montes veciñais en man común de Cabreira e esbozada no dito expediente, non se encontra clasificada na súa localización real. A parcela, segundo o informe pericial ten 825 m2, e os veciños da parroquia veñen gozando e aproveitando para uso forestal esta parcela desde tempo inmemorial.

Coa solicitude de clasificación presenta informe técnico e planimetría en soporte papel e dixital.

Quinto. O 29 de maio de 2012 a Sección de Topografía informa:

– A planimetría permite identificar os terreos solicitados.

– Non están afectados por montes declarados de utilidade pública.

– O día 20 de setembro de 1984 o Xurado Provincial de Montes de Pontevedra clasificou a favor da CMVMC de Cabreira os montes de Cabreira coa seguinte descrición (xa existe unha parcela co nome solicitado):

Nome do monte: Montes de Cabreira (Pena Barreiro, Buraca Grande, Alto do Viso, Monte Río e Couto de María Isabel).

Cabida: 20 ha.

Estremas:

– Norte: termo e montes de Alxén.

– Sur: termo e montes de Arantei.

– Leste: termo e montes de Salvaterra.

– Oeste: termo e montes de Salceda de Caselas.

Achéganse con este informe as montaxes solicitadas sobre esbozo da carpeta ficha, ortofoto e catastro.

Neste informe, obsérvase que a parcela solicitada está fóra do esbozo, pero preto existe unha parcela co mesmo nome.

Na montaxe realizada sobre catastro, a parcela solicitada está dentro da parcela 129 do polígono 105.

Sexto. O 1 de maio de 2012 o xefe de Área Técnica de MVMC informa que: «co mesmo nome existe unha parcela, non coincidente de acordo ao esbozo de clasificación, previamente clasificada a favor da CMVMC de Cabreira, e de acordo coa documentación achegada polo solicitante contén un erro de localización que se pretende corrixir. Na superposición sobre a cartografía catastral a parcela forma parte doutra de maior tamaño coa que non coincide en límites. Xúntase a relación incompleta de estremeiros no plano».

Sétimo. O 30 de xuño de 2015 o Xurado Provincial de MVMC acorda por unanimidade arquivar este expediente de clasificación e iniciar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Couto de María Isabel, clasificado, entre outros, o 20 de setembro de 1984.

Oitavo. O 2 de outubro de 2015 o presidente do Xurado de MVMC de Pontevedra solicita ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada da parcela denominada Couto de María Isabel, clasificada o 20 de setembro de 1984 a favor da CMVMC de Cabreira (Salvaterra de Miño), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 23 de xullo, de montes de Galicia.

Noveno. O 21 de novembro de 2017 ten entrada no Rexistro Xeral do Edificio Administrativo de Pontevedra un escrito da Comunidade de Cabreira xunto cun certificado do acordo tomado na asemblea de data 12 de novembro de 2017 polo 44 % dos comuneiros en segunda convocatoria, de solicitar a revisión do esbozo sobre a totalidade da parcela catastral do Couto de María Isabel (parcela 129 do polígono 105).

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

A Dirección Xeral de Ordenación Forestal estableceu que a disposición transitoria décimo terceira se aplique de xeito preferente cando o monte veciñal sexa estremeiro con propiedades particulares. Pola súa vez, cando exista condición de estremeiro entre montes veciñais en man común aplicarase o establecido no artigo 53 da Lei de montes de Galicia.

Segunda. O artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 13/1989 (DOG número 186, do 23 de setembro), establece: «a resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común deberá conter os requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade, de conformidade co disposto na Lei hipotecaria e no seu regulamento, e virá acompañada de planimetría suficiente que permita a identificación do monte. A citada resolución, unha vez firme, producirá os seguintes efectos:

– Atribuír propiedade.

– Servir de título inmatriculador suficiente para a inscrición do monte no Rexistro da Propiedade.

– Estará exento dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e será gratuíto...».

Terceira. A Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946 (BOE número 151, do 25 de xuño), prevé a coordinación gráfica das inscricións do Rexistro da Propiedade co catastro:

«1. A base de representación gráfica dos predios rexistrais será a cartografía catastral, que estará ao dispor dos rexistradores da propiedade.

2. Nos casos de incorporación da representación gráfica xeorreferenciada conforme o disposto na letra b) do artigo 9, deberá achegarse xunto co título inscritible, certificación catastral descritiva e gráfica do predio, salvo que se trate dun dos supostos regulados no número 3 deste artigo.

O rexistrador incorporará ao folio real a representación gráfica catastral achegada sempre que se corresponda coa descrición literal do predio na forma establecida na letra b) do artigo anterior, e farase constar expresamente no asento que na data correspondente o predio quedou coordinado graficamente co catastro. Así mesmo, o Rexistrador trasladará ao catastro o código rexistral dos predios que fosen coordinados.

No suposto de que a correspondencia non quedase acreditada, o rexistrador dará traslado desta circunstancia ao catastro por medios telemáticos, con motivación a través dun informe das causas que impedisen a coordinación, para os efectos de que, se for o caso, o catastro incoe o procedemento oportuno».

Por todo o exposto, a xefa de Área de Montes Veciñais en Man Común informa:

Primeiro. A revisión do esbozo realizarase só dunha parte dos montes clasificados á CMVMC de Cabreira, en concreto do monte Couto de María Isabel.

Segundo. O monte Couto de María Isabel clasificouse, pero no esbozo da carpeta ficha aparece desprazado respecto á súa situación real, segundo escrito da comunidade de data 9 de marzo de 2012.

Terceiro. A revisión do esbozo do monte Couto de María Isabel proposta polo Servizo de Montes é a solicitada pola Comunidade de Cabreira (segundo certificado do acordo tomado na asemblea de data 12 de novembro de 2017), que cumpre os requisitos establecidos no artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 e da Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946.

A liña proposta coincide integramente coa parcela catastral 36050A10500129, de 2.371 m2 a nome da Comunidade de Cabreira.

Cuarto. Proponse a revisión parcial do esbozo do MVMC Cabreira que comprende os montes: Pena Barreiro, Buraca Grande, Alto do Viso, Monte Río e Couto de María Isabel, clasificado a favor dos veciños de Cabreira, concello de Salvaterra de Miño, en concreto proponse a revisión do esbozo do monte Couto de María Isabel, formado pola parcela catastral 36050A10500129 e cunha cabida de 2.371 m2, de acordo coa seguinte descrición e cos planos en soporte papel e dixital, que son parte inseparable deste informe.

– Nome do monte: Couto de María Isabel.

Cabida: 2.371 m2.

Estremas: norte: camiño; sur, leste e oeste: predios particulares.

En canto á totalidade do monte clasificado, queda coa mesma cabida e as mesmas estremas xerais da clasificación.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Couto de María Isabel, clasificado a favor da CMVMC de Cabreira, concello de Salvaterra de Miño, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a proposta de adaptación de esbozo do monte veciñal Couto de María Isabel, da CMVMC de Cabreira, no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), segundo a proposta do Servizo de Montes do 28 de novembro de 2017, e a planimetría que a acompaña.

Pontevedra, 19 de febreiro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra