Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2018 Páx. 12717

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Casas dos Profesores, solicitada a favor dos veciños da comunidade de montes veciñais en man común de Quenlla, Rapeira e Cachada, da parroquia de Currás, do concello de Portas (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 20 de decembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Casas dos Profesores, a favor dos veciños da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada, da parroquia de Currás do concello de Portas (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 14 de xuño de 2017, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou non clasificar o monte denominado Casas dos Profesores a favor da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada da parroquia de Currás (Portas).

Segundo. A dita resolución foi notificada aos interesados e publicada no DOG número 148, do 4.8.2017.

Terceiro. O 26.7.2017, Belén Raposo Pérez, en representación da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada, dentro do prazo establecido (data de notificación da resolución do 27.6.2017), interpuxo recurso potestativo de reposición contra o anuncio da resolución citada no punto primeiro por entender que non se axusta a dereito e é contraria aos intereses da súa representada, que se resume nos seguintes fundamentos de dereito:

– Que o informe do distrito forestal recolle que os veciños indican que no pasado utilizaban a parcela para a obtención de leñas, pastos e estrume para estender nas cortes do gando e esterco. No expediente existen declaracións xuradas dos veciños.

– Sentenza do 11.10.2001 do TSX de Galicia da Sala do Contencioso-Administrativo.

– Sentenza do 11.9.2008 do TSX de Galicia da Sala do Contencioso-Administrativo.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións, en virtude do establecido no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e co artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só no pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, como establecen o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan; disto conclúese que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes por parte dos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. As alegacións presentadas neste recurso de reposición achegan información xa estudada na instrución do expediente e non demostran o uso continuado, actual e en común, por parte dos veciños da parroquia de Currás, da parcela Casas dos Profesores, ocupada basicamente por catro vivendas e un aparcadoiro anexos a un colexio. Así mesmo, hai que ter en conta que a parcela Casas dos Profesores, de 804,64 m2, atópase dentro da referencia catastral 36040A013001720001YH. Nesta parcela catastral sitúanse tamén o centro público integrado Domingo Fontán, o pavillón polideportivo de Portas e o campo de fútbol da Rapeira, circunstancia que acredita máis ben un uso público que comunal da parcela.

En consecuencia, á vista dos feitos, das consideracións legais e técnicas, da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Quenlla, Rapeira e Cachada e confirmar integramente a resolución do 14 de xuño de 2017.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 19 de febreiro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra