Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2018 Páx. 12655

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo da comisión paritaria do convenio colectivo do sector de orquestras de verbena de Galicia.

Visto o acordo da comisión paritaria do convenio colectivo do sector de orquestras de verbena de Galicia, que foi subscrito o 17 de xaneiro de 2018 pola comisión paritaria conformada pola Asociación Galega de Orquestras (AGO), en representación da parte empresarial, e CC.OO., UGT-Galicia e a CIG, en representación da parte sindical, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2018

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

ANEXO
Acta da comisión paritaria do convenio colectivo do sector de orquestras
de verbena de Galicia

En Santiago de Compostela, ás 17.00 horas do 17 de xaneiro de 2018, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, reúnense as persoas a continuación mencionadas, en presenza de Verónica Martínez Barbero, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais.

Parte empresarial:

Eva Vales Fernández (AGO).

Parte sindical:

María Teresa Pérez Pardo (CC.OO.).

Raimundo Méndez García (UGT-Galicia).

Alejandro Expósito Alonso (UGT-Galicia).

Roberto Alonso Iglesias (CIG).

Pedro Pérez Caride (CIG).

O obxecto da presente xuntanza é a aclaración e interpretación do artigo 19.1 en relación co artigo 27, ambos do convenio colectivo do sector de orquestras de verbena de Galicia.

Logo do oportuno debate e da exposición de posturas por todas e cada unha das representacións presentes, sobre a cuestión obxecto da presente xuntanza, procede reflectir na acta os seguintes aspectos:

Esta comisión entende que o concepto «axuda de custo» recollido na última liña do número 1 do artigo 19 do convenio é unha axuda de custo que pretende compensar o gasto en tal concepto devindicado durante o tempo transcorrido entre o remate da sesión vermú ata a actuación da noite.

O seu importe, 40 €, recóllese no artigo 27 «Axuda por sesión vermú» e, polo tanto, o dito importe ten a consideración de axuda de custo e con esa finalidade foi fixada pola mesa negociadora do convenio.

De conformidade co reflectido no parágrafo anterior, a axuda por sesión vermú, que non ten a consideración de salario, non pode ser obxecto de procedemento de inaplicación do presente convenio colectivo, conforme o referido no artigo 82.3.d) do Estatuto dos traballadores.

Delégase en Ignacio Bouzada Gil, funcionario habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais, para a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación da presente acta.

E non tendo máis asuntos que tratar, finaliza a xuntanza, ás 18.30 horas do día sinalado no encabezamento, e redáctase esta acta que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.