Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2018 Páx. 11508

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 8 de Vigo

EDICTO de notificación de sentenza (60/2017).

Susana Álvarez García, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 8 de Vigo, viu os autos sinalados co nº 60/2017, seguidos polos trámites do xuízo ordinario por instancia de Martín Ariel Calabresi e Andrea Vanesa Lorena Buenaventura, representados pola procuradora Elena Juliani Ortiz e asistidos do letrado Brais Touriño Vázquez, contra Mónica Isabel Ferreyra Fernández e José Pablo Calabresi Granara, en rebeldía, e pronuncia a seguinte

«Sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A procuradora Elena Juliani Ortiz, en nome e representación de Martín Ariel Calabresi e Andrea Vanesa Lorena Buenaventura, presentou demanda de xuízo ordinario contra Mónica Isabel Ferreyra Fernández, José Pablo Calabresi Granara e a sociedade de gananciais de ambos, en reclamación do pagamento de 6.781,23 euros correspondentes á súa parte na liquidación da comunidade de bens a que todos eles pertencían.

Segundo. Admitiuse a demanda unicamente contra Mónica Isabel Ferreyra Fernández e José Pablo Calabresi Granara, que foron emprazados persoalmente, e, ao non contestaren a demanda, foron declarados en situación de rebeldía procesual por dilixencia de ordenación do 4 de maio de 2017, despois do cal se sinala día para a celebración de audiencia previa. Ao acto compareceu unicamente a parte demandante, que se ratificou no seu escrito de demanda e propuxo como proba exclusivamente a documental que consta en autos, que foi admitida, quedando así os autos conclusos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste procedemento observáronse todas as prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Por medio de demanda interposta con data do 20 de xaneiro de 2017, Martín Ariel Calabresi e Andrea Vanesa Lorena Buenaventura reclaman de Mónica Isabel Ferreyra Fernández e José Pablo Calabresi Granara o pagamento de 6.781,23 euros, correspondente ás cantidades aboadas de máis polos demandantes durante a existencia de Grupo Cala, C.B., a que pertenceran todos os litigantes, máis xuros moratorios e custas procesuais.

Segundo. De conformidade co establecido no artigo 217 LAC e segundo constante doutrina xurisprudencial, de inútil cita polo reiterada, a proba das obrigas corresponde a quen reclama o seu cumprimento, debendo o debedor apeitar coa da súa extinción. Pola súa banda, o artigo 1063 Cc dispón que “Os coherdeiros deben aboarse reciprocamente na partilla as rendas e froitos que cada un percibise dos bens hereditarios, as despesas útiles e necesarias feitas neles e os gastos ocasionados por malicia ou neglixencia”.

A STS do 19 de novembro de 2008 afirma que a comunidade de bens, “como reflicten as sentenzas citadas pola parte recorrente (15 de outubro de 1940, 25 de maio de 1972, 5 de xullo de 1982, 6 de marzo e 15 de decembro de 1992) supón simplemente a existencia dunha propiedade común sobre determinados bens que se traduce no seu mantemento e simple aproveitamento plural, mentres que a sociedade comporta a posta en común de diñeiro, bens ou industria con ánimo de partir entre si os socios as ganancias (artigo 1665 Código civil). De aí que a figura societaria xurda inevitablemente no caso cando as partes explotan conxuntamente unha academia de ensino, que radica nuns locais de propiedade común de ambas, sendo así que os ingresos e gastos se producen en contas bancarias comúns e se adquiren outros bens en común coas ganancias obtidas; os cales, como ganancias, forman parte igualmente da sociedade e deben ser obxecto de partilla coa liquidación final daquela. Non se opón a isto o feito de que o negocio figurase a nome da demandante como autónoma, pois precisamente tal circunstancia constitúe característica propia da chamada sociedade irregular, na cal os pactos se manteñen secretos entre os socios e na cal cada un deles contrata no seu propio nome cos terceiros, rexéndose polas disposicións relativas á comunidade de bens (artigo 1669 Código civil) coa particularidade de que, dada a existencia dun conxunto patrimonial común, a liquidación se debe practicar conforme as normas propias da división da herdanza (sentenzas do 13 de novembro de 1995, 31 de xullo e 14 de novembro de 1997, 21 de outubro de 2005 e 5 de decembro de 2007, entre outras)”.

Terceiro. Aínda que os demandantes afirman que a relación xurídica que mantiveron cos demandados era unha comunidade de bens –de conformidade coas denominacións utilizadas nos contratos do 1 de abril de 2008 (documento nº 1 da demanda) e 1 de xaneiro de 2010 (documento nº 2)–, o escaso patrimonio da entidade constituída (300 €), a repartición de responsabilidades pactada entre os seus integrantes (beneficios e gastos) e as tarefas a que se destinou (empresariais, concretadas no contrato do 30 de xuño de 2012 anexado como documento nº 3 á demanda en “montaxes metálicas e as actividades anexas complementarias e accesorias”), denota o ánimo de partir entre os membros integrantes as ganancias e perdas resultantes do desenvolvemento dunha actividade económica común.

Non se trata, por tanto, dunha comunidade de bens senón dunha sociedade civil irregular, a cuxa disolución resultan aplicables as normas xurídicas sobre a partilla hereditaria. E de conformidade co artigo 1063 Cc citado, os comuneiros deben aboar, en proporción á súa cota, os gastos útiles e necesarios realizados para o desenvolvemento da actividade societaria.

Os demandantes proban ter realizado pagamentos por conta de Grupo Cala, C.B. por un importe total de 13.562,46, dos cales 4.108,66 € foron aboados por Martín Ariel Calabresi e os restantes 9.453,80 € por Andrea Vanesa Lorena Buenaventura, tal e como demostran as facturas anexadas como documentos nº 4 a 31 da demanda, cuxa autenticidade non foi impugnada de adverso. Así mesmo, os contratos de que se fixo mención (documentos nº 1 a 3) demostran que a participación dos integrantes na comunidade de bens se distribuíu por partes iguais entre ambos os matrimonios, casados en réxime económico de gananciais. Grupo Cala, C.B. cesou na súa actividade no 16 de xuño de 2015, tal e como demostra o impreso de liquidación fiscal achegado ante a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

O artigo 1367 Cc dispón que “Os bens gananciais responderán, en todo caso, das obrigas contraídas polos dous cónxuxes conxuntamente ou por un deles co consentimento expreso do outro” e o artigo 1365.2º Cc establece que “Os bens gananciais responderán directamente fronte ao acredor das débedas contraídas por un cónxuxe: [ ... ] 2.0 No exercicio ordinario da profesión, arte ou oficio ou na administración ordinaria dos propios bens. Se un dos cónxuxes for comerciante, observarase o disposto no Código de comercio”.

Os feitos descritos na demanda non foron rebatidos polos demandados, que non formularon oposición ás pretensións dos demandantes a pesar de teren sido emprazados persoalmente, nin acreditaron ter aboado débedas da comunidade de bens disolta que puidesen compensar os satisfeitos polos demandantes. Deberán, por tanto, asumir o 50 % dos pagamentos realizados por Martín Ariel Calabresi e Andrea Vanesa Lorena Buenaventura por conta de Grupo Cala, C.B. Aínda que Mónica Isabel Ferreyra Fernández abandonou a entidade no 30 de xuño de 2012, ademais da súa responsabilidade persoal como membro da devandita comunidade de bens mentres formou parte dela, tamén deberá responder cos bens gananciais da participación de José Pablo Calabresi Granara na mencionada comunidade.

De conformidade co exposto, procede estimar a demanda, condenando a Mónica Isabel Ferreyra Fernández e José Pablo Calabresi Granara a aboar solidariamente a Martín Ariel Calabresi a suma de 4.108,66 € e a Andrea Vanesa Lorena Buenaventura a cantidade de 9.453,80 €.

Cuarto. Os xuros legais reclamados reclamaranse desde a data de interposición da demanda, de acordo co establecido en artigos 1100 e 1108 Cc.

Quinto. Por aplicación do criterio do vencemento obxectivo consagrado no artigo 394 LAC, as custas impóñense á parte demandada.

Vistos os mencionados preceptos e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Que, estimando a demanda formulada en autos de xuízo verbal nº 60/2017 pola procuradora Elena Juliani Ortiz, en representación de Martín Ariel Calabresi e Andrea Vanesa Lorena Buenaventura, contra Mónica Isabel Ferreyra Fernández e José Pablo Calabresi Granara, debo condenar e condeno os demandados a aboaren solidariamente a Martín Ariel Calabresi a cantidade de catro mil cento oito euros con sesenta e seis céntimos (4.108.66 €) e a Andrea Vanesa Lorena Buenaventura a suma de nove mil catrocentos cincuenta e tres euros con oitenta céntimos (9.453,80 €), en ambos os casos incrementadas co xuro legal do diñeiro desde a data de interposición da demanda, e con imposición aos demandados das custas procesuais causadas.

Notifíquese a presente resolución ás partes facéndolles saber que esta non é firme e que contra ela cabe interpor recurso de apelación ante este xulgado, do cal coñecerá a Audiencia Provincial de Pontevedra, no prazo de 20 días a partir da súa notificación (artigo 458.1 LAC), logo de depósito da suma de 50 € na conta de depósitos e consignacións do xulgado.

Únase esta resolución ao libro da súa clase, deixando nos autos testemuño dela.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, xulgando definitivamente en primeira instancia en Vigo, trinta e un de xullo dous mil dezasete.

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza pola maxistrada xuíza que a subscribe, na audiencia pública do mesmo día da súa data; dou fe».