Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2018 Páx. 11502

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 8 de Vigo

EDICTO de notificación de sentenza (159/2017).

Sentenza: 159/2017.

Susana Álvarez García, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 8 de Vigo, viu os autos sinalados co nº 75812016, seguidos polos trámites do xuízo ordinario por instancia de Jesús Fernández Álvarez, representado pola procuradora Raquel Barreiro Viñas e asistido da letrada Belén González Fernández, contra Bernardino Michelena Ojea, en rebeldía, e pronuncia a seguinte

«Sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A procuradora Raquel Barreiro Viñas, en nome e representación de Jesús Fernández Álvarez, presentou demanda de xuízo ordinario contra Bernardino Michelena Ojea, en reclamación do pagamento da suma de 44.000 euros.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, emprazouse o demandado a través de edictos publicados no taboleiro de anuncios do xulgado e, ao non contestar a demandada, foi declarado en rebeldía procesual por dilixencia de ordenación do 21 de abril de 2017, despois do cal se sinalou día para a celebración de audiencia previa.

Terceiro. Á audiencia previa compareceu a parte demandante, que se ratificou no seu escrito de demanda e propuxo proba, consistente en interrogatorio de parte e documental, e admitiuse unicamente a segunda, co cal os autos ficaron á vista para pronunciar sentenza.

Cuarto. Na tramitación deste procedemento observáronse todas as prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Por medio de demanda interposta con data do 4 de outubro de 2016, Jesús Fernández Álvarez reclama o pagamento de 44.000 euros máis xuros moratorios desde o 15 de xaneiro de 2009 e condena en custas de Bernardino Michelena Ojea, con base na falta de pagamento do contrato de préstamo celebrado entre as partes no 21 de febreiro de 2008.

Segundo. O art. 496.2 LAC establece que “A declaración de rebeldía non será considerada como recoñecemento da demanda nin como admisión dos feitos, salvo nos casos en que a lei expresamente dispoña o contrario”.

De conformidade co art. 1281 Cc “Se os termos dun contrato son claros e non deixan dúbida sobre a intención dos contratantes, observarase o sendo literal das súas cláusulas”.

O demandante achega copia dun escrito privado subscrito entre ambos os litigantes no 16 de xuño de 2008 (que consta no folio 6 dos autos) que documenta o préstamo de 30.000 € concedido por Jesús Fernández Álvarez a favor de Bernardino Michelena Ojea, quen se compromete a restituílo no 15 de xaneiro de 2009 xunto con outros 14.000 € máis en concepto de xuros. A parte demandante sostén no escrito de demanda que na realidade o préstamo se concertou no día 21 de febreiro de 2008 polo mesmo importe, que se devolvería en 6 meses cunha remuneración de 6.000 €, pero que, ante a imposibilidade de restituílo no prazo pactado, decidiron plasmar por escrito un novo acordo, incrementando a contraprestación a 14.000 €. Achega como proba un extracto da conta do demandante (folio 5) –cuxa autenticidade e valor probatorio non foron impugnados– que acredita unha retirada de fondos no 21 de febreiro de 2008 por importe de 30.000 €.

No acto de audiencia previa propúxose tamén como proba o interrogatorio do demandado, que non foi admitida xa que, despois de esgotar as vías de indagación domiciliaria e intentar a súa localización en todos os enderezos obtidos, Bernardino Michelena Ojea foi finalmente emprazado a través de edictos publicados no taboleiro de anuncios do xulgado, polo que a súa citación ao interrogatorio tería resultado infrutuosa e, de conformidade co disposto no art. 304 LAC para que o tribunal poida considerar recoñecidos os feitos en que a parte chamada a interrogatorio tiver intervido persoalmente e cuxa fixación como certos lle sexa enteiramente prexudicial, “na citación apercibirase o interesado de que, en caso de incomparecencia non xustificada, se producirá o efecto sinalado”. A inclusión dos devanditos apercibimentos nunha citación en estrados non pode despregar a eficacia pretendida nin, por tanto, a consecuencia legal prevista, tal e como prevé o citado art. 496.2 LAC.

Na parte expositiva do contrato do 16 de xuño de 2008 faise constar que “Jesús Fernández Álvarez vai prestar a Bernardino Michelena Ojea a cantidade económica que máis adiante se dirá”, e nas cláusulas indícase que a sinatura do contrato constitúe carta de pagamento da cantidade entregada. A data do 21 de febreiro de 2008, indicada no escrito de demanda como real do contrato de préstamo, carece de sustento probatorio e contradise cos termos claros do escrito privado subscrito por ambas as partes (“vai prestar” asinado o 16 de xuño de 2008). Unha retirada de fondos de importe coincidente co principal do préstamo, sen acreditación do seu destino, ou da disposición desta polo prestameiro na devandita data non se pode considerar proba da realidade da súa entrega a Bernardino Michelena Ojea.

Terceiro. O art. 1 da Lei do 23 de xullo de 1908, da usura, dispón que “será nulo todo contrato de préstamo en que se estipule un xuro notablemente superior ao normal do diñeiro e manifestamente desproporcionado coas circunstancias do caso ou en condicións tales que resulte aquel leonino, habendo motivos para considerar que foi aceptado polo prestameiro por causa da súa situación angustiosa, da súa inexperiencia ou do limitado das súas facultades mentais”, o que de conformidade co art. 9 do mesmo texto legal “se aplicará a toda operación substancialmente equivalente a un préstamo de diñeiro, calquera que for a forma que revista o contrato e a garantía que para o seu cumprimento se ofrecese”.

A STS de 29 marzo 1932 expón que “ben que en principio, e acatando o artigo 359 da Lei de axuizamento civil, para que se poida decretar a nulidade dos contratos debe ser solicitada en forma adecuada pola parte que a pretenda e a quen os seus efectos prexudiquen, non é tan absoluto e ríxido o precepto procesual mencionado que impida aos tribunais de xustiza facer as oportunas declaracións cando os pactos e cláusulas que integran o contido daqueles sexan manifesta e notoriamente contrarios á moral, ou ilícitos, pois o contrario conduciría a que as decisións dos tribunais, polo silencio das partes, puidesen ter o seu apoio e base fundamental en feitos torpes ou constitutivos de delito, absurdo ético-xurídico inadmisible”. Polo seu lado, a STS do 9 xaneiro 1933 indica que a Lei do 23 de xullo de 1908, da usura, “sanciona un principio eterno de moral universal que transcende específica e concretamente a esfera xurídica para limitar a liberdade contractual se os pactos inicuos e reprobados pola consciencia colectiva implican ofensa contra bonos mores, vulnerando a orde pública ou contravindo as ordenanzas dunha lei prohibitiva, de modo que cando todos ou algún destes factores móbiles interfiren nun negocio aparentemente regular e formal determinan un vicio radical de ilicitude no contido deste por flagrante violación da moral e do dereito, cuxas normas reitoras da conduta humana, dirixidas á xeral convivencia, tenden a realzar o alto senso da dignidade da lei para, que mediante os preceptos desta, se poidan evitar e neutralizar os efectos desastrosos de torpes especulacións e infame comercio entre a necesidade e o egoísmo ao abeiro do préstamo usurario” e considera “que esta especie contractual é de tipo patolóxico por ilicitude obxectiva da causa, unha vez que a transacción económica operada entre prestamista e mutuario recoñece unha xénese ilegal e inmoral, que non vincula os contraentes para os efectos normais do negocio xurídico tentado, porque este devén fundamentalmente nulo e, por tanto, inefectivo e insubsistente”.

A favor da apreciación de oficio da nulidade radical que regula a Lei do 23 de xullo de 1908, da usura, pronunciáronse tamén, entre outras, as SSTS do 1 de xuño 1944, 17 de maio de 1947 e 29 de outubro de 1949 e as SSAP Murcia Sección 5 do 17 de xuño de 2014 e Biscaia do 8 de marzo de 2001 e AAP Barcelona Sección 41 do 18 de marzo de 2010, entre outras. Polo seu lado a recente STS do Pleno da Sala Civil do 25 de novembro de 2015 afirma que “A flexibilidade da regulación contida na Lei de represión da usura permitiu que a xurisprudencia fose adaptando a súa aplicación ás diversas circunstancias sociais e económicas”.

Procede, por tanto, aplicar de oficio a citada lei e apreciar a concorrencia de causa de nulidade consistente no establecemento “dun xuro notablemente superior ao normal do diñeiro e manifestamente desproporcionado coas circunstancias do caso”, pois sexa cal for a data real do contrato (o 16 de xuño ou o 21 de febreiro de 2008), o pacto de 14.000 € en concepto de xuro como retribución polo préstamo de 30.000 € durante 7 meses de duración do préstamo (ou 11 meses como sostén o demandante) supón un tipo de xuro do 80 % anual (do 50,91 %, se for certa a data que mantén a parte demandante), que sexan cales foren as circunstancias do prestameiro resulta desproporcionado en relación cos tipos de xuro habitualmente pactados.

A antes citada STS do Pleno da Sala Civil do 25 novembro 2015 sostén tamén que “aínda que as circunstancias concretas dun determinado préstamo, entre as cales se encontran o maior risco para o prestamista que poida derivar de seren menores as garantías concertadas, pode xustificar, desde o punto de vista da aplicación da Lei de represión da usura, un xuro superior ao que se pode considerar normal ou medio no mercado”, a concorrencia destas circunstancias excepcionais debe ser probada polo prestamista que aplica os xuros desproporcionados xa que “a normalidade non precisa de especial proba en canto que é a excepcionalidade a que necesita ser alegada e probada”.

O demandante non xustifica a causa do establecemento dos tipos de xuro indicados (80 % (5 50,91 %) nin aclara os motivos que levaron Bernardino Michelena Ojea a aceptalos, polo que se deben considerar usurarios e, por tanto, nulos de maneira “radical, absoluta e orixinaria, que non admite validación confirmatoria, porque é fatalmente insanable, nin é susceptible de prescrición extintiva” (STS do Pleno da Sala Civil do 25 de novembro de 2015).

O art. 3 Lei do 23 de xullo de 1908, da usura, establece que “Declarada conforme esta lei a nulidade dun contrato, o prestameiro estará obrigado a entregar tan só a suma recibida; e se tiver satisfeito parte daquela e os xuros vencidos, o prestamista devolverá ao prestameiro o que, tendo en conta o total do percibido, exceda o capital prestado”. Tal e como expón a STS do 14 de xullo de 2009 “a nulidade do préstamo usurario, claramente establecida polo artigo 1 da Lei do 23 de xullo de 1908, comporta unha ineficacia do negocio que é radical, absoluta e orixinaria, que non admite validación confirmatoria, porque é fatalmente insanable, nin é susceptible de prescrición extintiva. A devandita nulidade afecta a totalidade do convenio coa única consecuencia, establecida no artigo 3, de que debe retrotraer a situación ao momento inmediatamente anterior ao préstamo, o que determina que o prestameiro teña de devolver a cantidade efectivamente recibida sen que para iso haxa que ter en conta prazo ningún establecido para tal devolución, xa que a súa fixación queda comprendida na ineficacia absoluta e total do convido”.

O único importe que pode reclamar Jesús Fernández Álvarez é, pois, o principal do préstamo, polo que Bernardino Michelena Ojea deberá restituír ao demandante a cantidade de 30.000 €, o que leva a que a estimación da demanda sexa parcial.

Cuarto. De conformidade coa doutrina xurisprudencial exposta (STS do 14 de xullo de 2009), e sen existir intimación extraxudicial, o xuro de demora reclamado reclamarase unicamente desde a data de interposición da demanda na contía do xuro legal do diñeiro, de conformidade cos arts. 1100 e 1108 Cc.

Quinto. En aplicación do art. 394.2 LAC, cando a estimación da demanda é parcial, cada parte aboará as custas procesuais causadas pola súa instancia e as comúns por metade.

Vistos os mencionados preceptos e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Que, estimando en parte a demanda formulada en autos de xuízo ordinario nº 758/2016 pola procuradora Raquel Barreiro Viñas, en representación de Jesús Fernández Álvarez, contra Bernardino Michelena Ojea, sobre incumprimento contractual, debo condenar e condeno o demandado a aboar ao demandante a cantidade de trinta mil euros (30.000 €), incrementada co xuro legal do diñeiro desde a data de interposición da demanda, e aboando cada parte as custas procesuais causadas pola súa instancia e as comúns por metade.

Notifíquese a presente resolución ás partes facéndolles saber que non é firme e que contra ela cabe interpor recurso de apelación ante este xulgado, do cal coñecerá a Audiencia Provincial de Pontevedra, no prazo de 20 días a partir da súa notificación (art. 458.1 LAC), logo de depositar a suma de 50 € na conta de depósitos e consignacións do xulgado.

Únase esta resolución ao libro da súa clase, deixando nos autos testemuño dela.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, xulgando en primeira instancia, en Vigo, vinte e catro de xullo dous mil dezasete.

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza pola maxistrada xuíza que a subscribe, na audiencia pública do mesmo día da súa data; dou fe».