Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2018 Páx. 11343

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Torreiro, a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Quintela, na parroquia de Quintela, do concello de Crecente (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 20 de decembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Torreiro a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Quintela, parroquia de Quintela, no concello de Crecente (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 20.7.2015 Juan José Carballo López, en nome da CMVMC de Quintela, solicita a clasificación como veciñal en man común do monte do Torreiro a favor dos veciños da parroquia. Coa solicitude xunta:

– Memoria técnica do monte do Torreiro executado pola enxeñeira técnica forestal Rita Pérez Vázquez. Inclúe medición do predio e composición sobre catastro: 000603600NG66F0001ZH, 000602900NG66F0001IH e 36014A016006140000YL.

– Os antecedentes de uso que se citan: «a parcela do Torreiro é de propiedade comunal e os veciños da parroquia veñen realizando un uso habitual e continuado dela. A parcela ten un uso social e recreativo, nela celébranse as festas e romarías da parroquia. Existen dúas construcións: un palco e un local social.

Os traballos de limpeza e mantemento corren á conta da CMVMC de Quintela. No catastro de rústica figuran como titulares os veciños de Quintela.

Segundo. O 14.9.2015 o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcela do Torreiro de 0,08 ha, que no terreo existen dúas construcións, da non afección a montes de utilidade pública nin afección á Rede Natura 2000. Así mesmo, xunta montaxe sobre ortofoto e catastro do dito predio.

Terceiro. O 14.12.2016 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda incoar expediente de clasificación da parcela do Torreiro e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase ao concello de Crecente e ao promotor da clasificación.

Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante, a parcela obxecto do expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Crecente.

Parroquia: Quintela.

Nome do monte: Torreiro.

Cabida: 748,8 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Isaura Fernández Rivas (pol. 16, parcela 611).

Sur: María Teresa Pérez Pérez (pol. 16, parcela 622).

Leste: María Teresa Carpintero Recarey (pol. 16, parcela 613), Rubén Carpintero Rivera (pol. 16, parcela 615) e Jacinta Pérez Estévez (pol. 16, parcela 616).

Oeste: camiño asfaltado.

Quinto. O 15.2.2017 o persoal do distrito XVII emite informe preceptivo do Servizo de Montes: «a parcela de que se solicita a clasificación non ten uso forestal e está asfaltada. Nesta parcela existen dúas construcións que corresponden a un palco e a unha instalación pechada».

Sexto. O 29.6.2017 o Rexistro da Propiedade de Ponteareas certifica que coa información facilitada o predio de que se insta a clasificación non se atopa inscrito no Rexistro. Ordénase a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, notifícase o trámite de audiencia, publícase o edicto no Concello de Crecente e no DOG o Anuncio do 24 de agosto de 2017 de iniciación da clasificación do monte do Torreiro a favor da CMVMC de Quintela (DOG núm. 169, do 3 de setembro).

Sétimo. No período do trámite de audiencia non se reciben alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só no pasado senón tamén no presente e de forma continuada. Así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común da parcela do Torreiro queda suficientemente acreditado de xeito documental.

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións á clasificación como MVMC de terceiros que acrediten un uso privativo desta parcela demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Quintela, do concello de Crecente.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte do Torreiro a favor dos veciños da CMVMC de Quintela, da parroquia de Quintela (Crecente), de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución. Esta parcela está composta polas referencias catastrais: 000603600NG66F0001ZH, 000602900NG66F0001IH e 36014A016006140000YL. Estas referencias deberán axustarse ao levantamento topográfico realizado acompañado do informe de validación gráfica catastral co CSV:NSEMFJCS40EQ6WMN.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 7 de febreiro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra