Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2018 Páx. 11347

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Coto da Cidá, a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Quintela, na parroquia de Quintela, do concello de Crecente (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data 20 de decembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Coto da Cidá a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Quintela, parroquia de Quintela, no concello de Crecente (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 20.7.2015 Juan José Carballo López, en nome da CMVMC de Quintela, solicita a clasificación como veciñal en man común do monte Coto da Cidá a favor dos veciños da parroquia. Coa solicitude xunta:

– Memoria técnica do monte Coto da Cidá executada pola enxeñeira técnica forestal Rita Pérez Vázquez. Inclúe medición do predio e composición sobre catastro: 36014A016013290000YT e 36014A016021030000YY.

– Os antecedentes de uso que se citan: «a parcela Coto da Cidá é de propiedade comunal e os veciños da parroquia veñen realizando un uso habitual e continuado dela. Trátase dunha parcela cun claro uso forestal, poboada por Pinus pinaster fundamentalmente. Obsérvanse restos dun antigo vertedoiro cuxos custos de selaxe foron sufragados pola comunidade de montes. Na mesma parcela existe unha infraestrutura de carácter municipal (depuradora). Tradicionalmente realízase nesta parcela o aproveitamento de leñas e esquilme para o gando na actualidade a comunidade de montes a través dos veciños comuneiros do lugar seguen a realizar estes usos. Os traballos silvícolas nas masas forestais existentes, así como rozas de rasos e limpeza de entullos, corren a conta da comunidade de montes de Quintela».

Segundo. O 14.9.2015, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcela Coto da Cidá de 1,56 ha, da non afección a montes de utilidade pública nin afección á Rede Natura 2000. Así mesmo, xunta montaxe sobre ortofoto e catastro do dito predio.

Terceiro. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante, a parcela obxecto do expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Crecente.

Parroquia: Quintela.

Nome do monte: Coto da Cidá.

Cabida: 15.589,2 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño asfaltado, Felicidad Recarey Bello (polígono 16, parcela 1309), Elena Estévez Gómez (polígono 16, parcela 1310), Víctor Martínez Estévez (polígono 16, parcela 1311), Guillermina Estévez Vallejo (polígono 16, parcela 1312), Manuel Estévez Domínguez (polígono 16, parcela 1314).

Sur: Antonio Estévez Vallejo (polígono 16, parcela 1256), María Florinda Rodríguez Rodríguez (polígono 16, parcela 1257), Manuel Sánchez Rivera (polígono 16, parcela 1262), Concepción Corbal Pérez (polígono 16, parcela 1263), Elisa Moure Pérez (polígono 16, parcela 1288).

Leste: María Cruz Alonso Estévez (polígono 16, parcela 1316), descoñecido (polígono 16, parcela 1355), Benito Blanco Vázquez (polígono 16, parcela 1302), Manuel Carpintero Oliva (polígono 16, parcela 1299), Margarita Rodríguez Fernández (polígono 16, parcela 1297), Francisco Martínez Pérez (polígono 16, parcela 1296), José Rodríguez Martínez (polígono 16, parcela 1294), María Álvarez Martínez (polígono 16, parcela 1292), Aurora Pérez Pérez (polígono 16, parcela 1291), Manuel Carpintero Oliva (polígono 16, parcela 1289).

Oeste: camiño asfaltado, Antonio Vallejo Estévez (polígono 16, parcela 1250), Os Carajiños (polígono 16, parcela 1251), Juan José Pérez Martínez (polígono 16, parcela 1252), Cándido Manuel López Gil (polígono 16, parcela 1253), José Fernández Rivera (polígono 16, parcela 1254).

Cuarto. O 14.12.2016, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda incoar expediente de clasificación da parcela Coto da Cidá e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase ao concello de Crecente e ao promotor da clasificación.

Quinto. O 15.2.2017, o persoal do distrito XVII emite informe preceptivo do Servizo de Montes: «a zona que se solicita para a súa clasificación como monte veciñal atópase con uso forestal, poboada con piñeiros dunha idade media de 40 anos e bastío de Quercus robur. Os límites da parcela que se quere clasificar como veciñal correspóndese con sendas e en maior medida con camiño asfaltado e muros de pequeno porte. Na parcela pódense observar restos dun antigo vertedoiro e unha construción dunha depuradora.

Sexto. O 30.6.2017, o Rexistro da Propiedade de Ponteareas certifica que coa información facilitada o predio de que se insta a clasificación non se atopa inscrito no Rexistro. Ordénase a anotación preventiva no rexistro da propiedade de Ponteareas, notifícase o trámite de audiencia, publícase o edicto no Concello de Crecente e no DOG o Anuncio do 20 de xuño de 2017 de iniciación da clasificación do monte Coto da Cidá a favor da CMVMC de Quintela (DOG núm. 125, do 3 de xullo).

Sétimo. No período do trámite de audiencia non se reciben alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só no pasado senón tamén no presente e de forma continuada. Así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común da parcela Coto da Cidá queda suficientemente acreditado de xeito documental.

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións á clasificación como MVMC de terceiros que acrediten un uso privativo desta parcela demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Quintela, do concello de Crecente.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte Coto da Cidá, a favor dos veciños da CMVMC de Quintela, da parroquia de Quintela (Crecente), de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito terceiro e na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución. Esta parcela está composta polas referencias catastrais do informe de validación gráfica catastral CSV:FJ0T43K140E127CM.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 7 de febreiro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra