Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2018 Páx. 11352

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado da Mina, a favor dos veciños da comunidade de montes veciñais en man común de Cesantes, na parroquia de Cesantes, do concello de Redondela (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 20 de decembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado da Mina a favor dos veciños da CMVMC de Cesantes, da parroquia de Cesantes, no concello de Redondela (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data de entrada o 3.4.2013, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Cesantes, do concello de Redondela, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación dun monte comunal denominado da Mina. Trátase dun monte do que xa se clasificaron dúas parcelas por resolución do Xurado Provincial do 30 de maio de 2001, polo que agora solicitan a clasificación da parcela existente entre elas e outros anacos estremeiros orixinados pola conversión de antigos camiños veciñais en vías públicas asfaltadas. Achega un completo informe pericial con abundante documentación histórica para demostrar a pertenza de todas esas parcelas a un único monte da Mina e establecer a estrema histórica coa veciña parroquia do Viso.

O 9.7.2013 o Servizo de Montes informa de que a planimetría achegada pola comunidade solicitante permite identificar plenamente as parcelas e que non están clasificadas. Advirte que as parcelas A e B inclúen parcelas xa clasificadas e que invaden parcialmente predios catastrados a nome de propietarios particulares.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 8.2.2016, incoar o correspondente expediente de clasificación do monte a favor da CMVMC de Cesantes, do concello de Redondela.

Posteriormente, solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. O 12.5.2013 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes.

Terceiro. A Rexistradora da Propiedade de Redondela, no escrito do 9.11.2016, certifica que co nome de Mato da Mina figura unha parcela inscrita no Rexistro da Propiedade, a toxeira de 885 m2 a nome de Sergio Rodríguez Fernández, por título de mellora e con carácter privativo.

Cuarto. Á vista da documentación achegada pola CMVMC solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Redondela.

Parroquia: Cesantes.

Nome do monte: da Mina.

– Parcela A:

Cabida: 43.574 m2 – 15.512 m2 ao norte – 4.043 m2 ao sur = 24.019 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: monte veciñal da Mina clasificado a favor de Cesantes e predios particulares de Emilia García Cabaleiro, Emilio de la Torre s/s, Manuel Somoza Martínez, Albina Estévez Duro, María Ferreira Álvarez, Placeres, descoñecido, Serafina Lago s/s, Gloria Muñoz Iglesias, María Cabaleiro Álvarez.

Sur: monte veciñal da Mina clasificado a favor de Cesantes e predios particulares de Abundino Bouzón s/s e outros.

Leste: camiño de subida ao Cruceiro, predio particular de Josefa Cabaleiro Loural e monte veciñal da Lomba do Viso

Oeste: camiño Real ao Viso ou Camiño de Santiago pola ruta portuguesa e predios particulares de descoñecido, Ana María Sobral Rivas e Fernando Vidal Vidal.

Nota: as superficies deducidas corresponden á cuantificación sobre o formato dixital das dúas parcelas clasificadas.

– Parcela C:

Cabida: 760 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño da Tomada.

Sur e oeste: predios particulares de descoñecido, María Cabaleiro Álvarez, Gloria Muñoz Iglesias e Serafina Lago s/s.

Leste: camiño de subida ao Cruceiro.

– Parcela D:

Cabida: 315 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño de subida ao Outeiro Grande.

Sur: camiño do Galleiro.

Leste: predios particulares de Emilio Fabre s/s, Carlos s/p s/s, Jacobo José Míguez Boullosa.

Oeste: camiño de subida ao Cruceiro.

– Parcela E:

Cabida: 1.298 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte e oeste: camiño de subida ao Cruceiro.

Sur: camiño da Peloureza.

Leste: predios particulares de Francisco Lusquiños Montes e Martina Ricón Cabaleiro.

Nota: parcela enteiramente ocupada por particulares na actualidade.

– Parcela F:

Cabida: 1.511 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte e oeste: camiño de subida ao Cruceiro.

Sur: camiño do Souto de Padrón.

Leste: monte veciñal da Lomba do Viso.

Nota: parcela incluída enteiramente na recente clasificación do monte da Lomba a favor da comunidade veciñal estremeira, cunha superficie total de 0,53 ha.

Quinto. Realizáronse as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para abrir o período de audiencia. Sergio Rodríguez Fernández, o propietario do predio Mato da Mina inscrito no Rexistro da Propiedade de Redondela, alega que o seu predio non se ve afectado pola solicitude de clasificación da Comunidade de Montes Veciñais de Cesantes.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro: «son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. O informe pericial presentado pola comunidade de montes solicitante contén abundante documentación histórica para demostrar a pertenza de todas esas parcelas a un único Monte da Mina que tradicionalmente formaba unha unidade e que hoxe presenta varios anacos independentes producidos pola conversión de antigos camiños veciñais en vías públicas asfaltadas. Así mesmo, realiza un completo traballo topográfico para establecer na planimetría actual a estrema histórica coa veciña parroquia do Viso.

Segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte en vía administrativa é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

O uso a favor dos veciños queda acreditado no informe preceptivo do Servizo de Montes pola expresión «uso forestal» presente nas parcelas A, C e D. Non invade predios inscritos no catastro a nome de particulares, agás unha estreita banda estremeira coa antiga devesa real, debido a erros na delimitación do catastro. Pola contra, non está acreditado un aproveitamento dos veciños de Cesantes na parcela E, que segundo o informe do Servizo de Montes está «esquilmada polos propietarios dos predios particulares estremeiros», e na parcela F, que está clasificada a favor da CMVMC da parroquia do Viso co nome da Lomba por resolución do Xurado Provincial de Pontevedra do 19.11.2012.

Cuarto. O Concello de Redondela non presentou alegacións á clasificación do dito monte, e soamente se limitou a remitir a certificación do secretario municipal, co visto e prace do alcalde, de que o anuncio relativo ao inicio do expediente estivo exposto un mes no taboleiro de anuncios do Concello, como é preceptivo. Este proceder leva implícito o recoñecemento do carácter veciñal do terreo obxecto do expediente por parte do Concello.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común as parcelas A, C e D do monte denominado da Mina, excluíndo da superficie en clasificación as vías públicas asfaltadas, a favor dos veciños da CMVMC de Cesantes, da parroquia de Cesantes no concello de Redondela (Pontevedra), e non clasificar as parcelas E e F polos motivos anteriormente expostos.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 7 de febreiro de 2018

Antonio Crespo Iglesia
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra