Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2018 Páx. 11063

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 5 de febreiro de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Paradela en dous ámbitos do solo urbano de Pacios.

O 9.11.2017 o Concello de Paradela remitiu proxecto de modificación datado en xullo de 2017, redactado polo arquitecto Manuel Eduardo López Vázquez e a enxeñeira civil e de montes Belinda Yepes Jiménez, correspondente ao expediente de referencia, para os efectos da súa aprobación definitiva, ao abeiro do previsto na vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia, e o seu regulamento de desenvolvemento (decreto autonómico 143/2016).

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O concello de Paradela conta con Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente mediante ordes do 10.4.2007 e 8.11.2007.

1.2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

• Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (14.6.2017, DOG do 7.7.2017) pola que se decide non someter a modificación á avaliación estratéxica ordinaria e se emite informe ambiental estratéxico.

• Informes municipais xurídico (21.7.2017) e técnico (19.7.2017).

• Aprobación inicial da modificación (acordo plenario do 27.7.2017).

• Exposición pública, con anuncios en La Voz de Galicia (22.8.2017) e DOG (22.8.2017) e audiencia aos concellos limítrofes do Incio, Portomarín, Bóveda, O Saviñao, O Páramo, Taboada e Sarria (31.7.2017). Non se presentaron alegacións. Así mesmo, consta acordo da Xunta de Goberno local de Sarria do 30.8.2017 en que se dá por informada da tramitación da modificación e remite ao Concello de Paradela informe técnico do 23.8.2017 en que manifesta a non afección a ese concello.

• Emisión de informes sectoriais:

a) DX de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (31.8.2017), favorable.

b) Subdelegación do Goberno en Galicia (11.9.2017).

c) DX de Política Enerxética e Minas (27.9.2017) da Administración estatal.

d) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) (16.10.2017), favorable.

e) Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

f) Instituto de Estudos do Territorio (18.10.2017), favorable.

g) DX do Patrimonio Cultural (3.11.2017). Manifesta inafeccións ao patrimonio cultural.

• Informe xurídico e técnico municipal (6.11.2017) previos á aprobación provisional.

• Aprobación provisional da modificación (acordo plenario do 9.11.2017).

II. Aspectos xerais. Contido.

O proxecto promovido polo Concello de Paradela afecta dous ámbitos interiores ao perímetro de solo urbano do núcleo de Pacios (capitalidade municipal), con cualificacións dotacionais no PXOM, e que a modificación propón recualificar como «núcleo antigo» (ordenanza do aptdo. 5.1.6 da «Regulación do solo e ordenanzas» do PXOM):

1. Un situado ao sur (A Cortiña) de 223,50 m2 (parcela catastral 27042A010000780000GB) incluído polo PXOM nunha zona dotacional local (Q-80 (le-su).

2. Outro, próximo ao anterior, de 271 m2 (parcela catastral 7358302PH1375N0001FP), lindeiro coa estrada autonómica LU-633, cualificado como sistema xeral de equipamento cultural (integrada no Q-61 (xp-cu).

O presente proxecto, a diferenza do borrador, non afecta as condicións urbanísticas da zona residencial R-3.

III. Análise e consideracións.

Na memoria xustifícase o interese público nos dous ámbitos afectados, un como un erro no planeamento e outro segundo o disposto no artigo 83.3 da LSG:

O ámbito definido como Q-80 (le-su) no plan como equipamento existente non comprende un equipamento existente, polo que se trataría dun erro.

O Q-61 (xp-cu) xustificase a parte que se exclúe con base en motivos económicos e por outro suposto erro ao incorporar esta parcela como continuación doutra edificada que responde a esta cualificación.

A proposta implica a diminución da superficie dotacional pública, 223,50 m2 do sistema de servizos urbanos e 271 m2 do sistema de equipamento cultural, así como o incremento da superficie edificable lucrativa nuns 371 m2. Na memoria xustifícanse os estándares urbanísticos en relación co aumento da edificabilidade, que cumpren cos mínimos exixidos.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Paradela en dous ámbitos do solo urbano de Pacios.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio