Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2018 Páx. 11067

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural da Bouza, no concello de Cartelle.

O Concello de Cartelle remite o expediente de delimitación de solo de núcleo rural da Bouza para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación co punto segundo da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Unha vez analizado o expediente remitido, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Cartelle non conta actualmente con figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as Normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense, aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1991.

I.2. A tramitación da delimitación de núcleo rural incluíu:

• Constan informes municipais: xurídico, do 25.1.2016 e técnico, do 3.2.2016.

• O Pleno do Concello, en sesión do 16.2.2016, aprobou a delimitación do solo de núcleo rural da Bouza e someteuna a información pública durante un mes mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia, do 1.3.2016 e Faro de Vigo, do 2.3.2016; e no DOG do 28.3.2016. Durante o período de exposición non se presentou ningunha alegación.

• Consta novo informe xurídico municipal, do 14.10.2016.

• O Pleno do Concello, en sesión ordinaria do 16.11.2016, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural.

• O 12.12.2016, o Servizo de Urbanismo de Ourense ditou requirimento ao Concello de Cartelle sinalando unha serie de deficiencias que se debían emendar.

• Consta informe favorable do 20.7.2017, da Deputación Provincial de Ourense.

• Consta informe favorable do 11.10.2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación abrangue a parte sur do núcleo da Bouza e acada 8.523,69 m2. Este núcleo atópase en territorio de dous concellos: a parte norte en Castrelo de Miño e a parte sur en Cartelle e o límite entre os termos municipais transcorre por un tramo da vía provincial OU-0304 Armada-Astariz e continúa por unha vía municipal que divide o núcleo.

II.2. O obxecto do proxecto é a delimitación do núcleo rural da Bouza como núcleo rural común e a súa regulación urbanística, posibilitando o seu futuro desenvolvemento.

II.3. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). En virtude do establecido no punto 2 da disposición transitoria segunda da LSG, a delimitación de solo de núcleo rural común da Bouza poderá continuar a súa tramitación segundo o teor da LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse á Lei 2/2016.

Analizado o documento e o seu propio contido, puido observarse a súa adecuación á normativa que lle resulta de aplicación.

De conformidade co artigo 78.2c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural, corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural da Bouza, no concello de Cartelle.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2018

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file