Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 7 de febreiro de 2018 Páx. 8751

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados

EDICTO (43/2017).

Xuízo sobre delitos leves múmero 43/2017

Delito/falta: ameazas (todos os supostos non condicionais)

Que, en virtude do acordado nos autos de referencia, de conformidade co disposto nos artigos 156.4 e 164 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, mediante o presente notifícase a Daniel Besada Rodríguez a sentenza ditada nas presentes actuacións, cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza número 79/2017.

Cambados, 21 de setembro de 2017.

Vistos por Laura Fernández Carballo, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados, os presentes autos de xuízo por delito leve, rexistrados con número 43/2074 por un ilícito penal contra as persoas, sendo parte como denunciantes Rita Rodríguez Múñiz e José Arturo Besada Oubiña e como denunciado Daniel Besada Rodríguez, despois de comparecer o Ministerio Fiscal en exercicio da acción pública.

Antecedentes de feito.

Primeiro. As presentes actuacións iniciáronse en virtude de denuncia presentada neste xulgado, en funcións de garda, por Rita Rodríguez Múñiz e José Arturo Besada Oubiña contra o seu fillo, Daniel Besada Rodríguez, por unhas posibles ameazas, pedindo a adopción dunha medida de afastamento, que acordou auto de data vinte e tres de xaneiro de dous mil dezasete.

Segundo. O 28 de xullo de 2017 este xulgado ditou auto en que incoaba o correspondente xuízo por delito leve, que se celebrou o día vinte de setembro de dous mil dezasete, coa asistencia dos denunciantes e do Ministerio Fiscal. Non compareceu o denunciado malia estar citado en debida forma.

Unha vez oídas as partes e practicada a proba proposta e declarada pertinente, o Ministerio Público solicitou a condena do denunciado como autor de dous delitos leves de ameazas do artigo 171.7 do Código penal á pena, por cada unha delas, de cinco días de localización permanente. Pediu, así mesmo, que se deixe sen efecto a medida de afastamento acordada.

Os denunciantes interesaron a condena do denunciado á pena que lle puidese corresponder segundo o Código penal de 1995 e o mantemento da medida de afastamento.

Terceiro. Na tramitación deste procedemento observáronse todas as prescricións legais.

Feito probado único. Considérase acreditado que Daniel Besada Rodríguez o día vinte e dous de xaneiro de dous mil dezasete nas inmediacións do domicilio familiar se dirixiu aos seus pais, Rita Rodríguez Múñiz e José Arturo Besada Oubiña, con expresións ameazantes de morte.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. Atribúeselle a Daniel Besada Rodríguez a comisión de dous delitos leves de ameazas tipificados no artigo 171.7 do Código penal de 1995 porque, segundo afirman os denunciantes, os ameazou de morte.

Segundo. Á hora de levar a cabo a valoración da proba, é necesario poñer de manifesto que á narración dos feitos probados se chega como consecuencia da valoración en conciencia da proba practicada no acto do xuízo oral prevista no artigo 741 da Lei de axuizamento criminal, que permite atribuír a Daniel Besada Rodríguez a comisión dos feitos que se lle atribúen. Neste sentido, o principio de presunción de inocencia queda desvirtuado a través da actividade probatoria consistente, fundamentalmente, na declaración dos denunciantes.

Afirma Dona Rita que o seu fillo é consumidor de substancias estupefacientes e que o día de autos debía regresar ao centro hospitalario de Montecelo para ser tratado da súa adicción, ao que se negou, exixíndolles a ela e ao seu pai que lle desen diñeiro para, segundo cre a denunciante, comprar droga; que ante a negativa a acceder ao pedido o seu fillo se puxo violento e os ameazou de morte, o que non era a primeira vez que acontecía. Así mesmo, relata que subiu ao faiado da casa e sen querer quedou encerrada dentro e ao non abrir a porta aos requirimentos do denunciado, este golpeou a porta, causándolle danos.

No mesmo sentido se pronunciou Don José Antonio, quen aseverou que o seu fillo o ameazara en diversas ocasións.

O denunciado non compareceu.

Dado que o denunciado non compareceu ao acto de xuízo co fin de poder dar a súa versión dos feitos acontecidos, a única proba que podería fundamentar unha sentenza de condena é a propia declaración do prexudicado e, neste sentido, o devandito testemuño é suficiente para efectuar un pronunciamento condenatorio ao abeiro da Sentenza da Audiencia Provincial de Xaén do 13 de decembro do ano 2000. “Neste sentido, seguindo pautas marcadas pola xurisprudencia tanto do Tribunal Constitucional como do Tribunal Supremo, para superar o principio constitucional de presunción de inocencia, requírese non só a existencia dunha mínima actividade probatoria legalmente obtida senón que o seu contido teña entidade suficiente para construír enlace racional e axustado ás regras da lóxica dedutiva entre o contido do elemento probatorio seleccionado para sustentar a resolución condenatoria e a convicción a que chega para chegar a unha sentenza de condena, mesmo cando o testemuño sexa o da propia vítima do delito. Pero iso non sucede sempre nin en todo caso. Para que a declaración única teña validez probatoria bastante, debe cumprir determinadas exixencias, isto é:

a) Persistencia na incriminación; requisito que, neste caso, pode considerarse cumprido ao coincidiren no fundamental os feitos que se poñen en coñecemento deste xulgado a través das correspondentes denuncias cos narrados no acto do xuízo, así como coas declaracións prestadas en sede xudicial.

b) Ausencia de incredibilidade subxectiva derivada das relacións entre o denunciado e a vítima que puidesen conducir á dedución da existencia dun móbil de resentimento, inimizade ou doutra índole que privase o testemuño da aptitude necesaria para xerar ese estado subxectivo de certeza en que a convicción xudicial descansa esencialmente. Neste caso, das declaracións vertidas por ambas as partes despréndese que as relacións entre denunciantes e denunciado non son de todo boas debido ao problema de adicción do fillo dos denunciantes.

c) Verosimilitude, que implica a corroboración de certas cuestións periféricas e que existen neste suposto xa que a versión da denunciante é corroborada polo seu marido e viceversa.

Polo tanto, e sobre a base do principio de inmediación, considérase crible a declaración dos denunciantes posto que existe verosimilitude no seu testemuño, corroborado este coa proba documental achegada ás actuacións.

Terceiro. Dos dous delitos leves de ameazas que quedaron probados aparece como responsable en concepto de autor Daniel Besada Rodríguez pola súa directa, material e voluntaria execución, de conformidade co disposto nos artigos 27 e 28 do Código penal.

Cuarto. Non concorren no denunciado circunstancias modificativas da responsabilidade criminal de conformidade co establecido nos artigos 21 e 22 do Código penal.

Quinto. En canto á pena que se impoñerá e tendo en conta o disposto no artigo 171 do Código penal, considérase axustada ás circunstancias do feito e do autor a solicitada polo Ministerio Fiscal en canto á súa natureza e duración.

Por iso, débese condenar a Daniel Besada Rodríguez como autor responsable de dous delitos leves de ameazas á pena, por cada un deles, de cinco días de localización permanente.

Sexto. Respecto á medida de afastamento xa adoptada e cuxo mantemento piden os denunciantes, non procede a súa prolongación no tempo por canto aínda que Dona Rita afirme que ten medo do seu fillo o certo é que desde a adopción da medida de afastamento mediante auto do vinte e tres de xaneiro de dous mil dezasete, esta se veu cumprindo con normalidade tal e como os denunciantes aseveraron, manifestando que o seu fillo en ningún momento se achegou a eles nin se puxo en contacto, polo que se considera que xa non concorren os motivos que determinaron a súa adopción.

Sétimo. As custas procesuais enténdense impostas, por ministerio da lei, a toda persoa criminalmente responsable dun delito ou falta, conforme o disposto no artigo 123 do Código penal e concordantes da Lei de axuizamento criminal.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación

Resolución.

Condénase a Daniel Besada Rodríguez como autor criminalmente responsable de dous delitos leves de ameazas tipificados no artigo 171.1 do Código penal á pena, por cada un deles, de cinco días de localización permanente, así como ao pagamento das custas procesuais.

Déixase sen efecto a medida de afastamento acordada por auto do 23 de xaneiro de 2017.

Notifíquese a presente resolución ás partes e advírtase que esta non é firme, podendo interpoñer fronte a ela recurso de apelación ante este mesmo xulgado dentro dos cinco días seguintes á súa notificación, para a súa ulterior resolución pola Audiencia Provincial de Pontevedra».

Así o acorda, manda e asina Laura Fernández Carballo, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados.

Cambados, 16 de xaneiro de 2018

O/a letrado/a da Administración de xustiza