Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2018 Páx. 7667

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2018, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dá publicidade á relación de másters universitarios que non forman parte da oferta de titulacións oficiais universitarias do Sistema universitario de Galicia no curso 2017/18.

A Secretaría Xeral de Universidades é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería.

Desde a publicación do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, un dos criterios establecidos pola Secretaría Xeral de Universidades é a racionalización da oferta do mapa de titulacións do Sistema universitario de Galicia (SUG), xa que a experiencia dos últimos anos demostrou unha clara deficiencia relacionada coa aplicación do requisito mínimo de demanda nas titulacións oficiais para seren impartidas polas universidades.

É competencia da Secretaría Xeral de Universidades, recoñecida no Decreto 222/2011, a facultade de permitir ás universidades do SUG a non impartición dunha titulación durante un curso académico, autorización que se poderá facer extensible un ano máis, cando razóns excepcionais debidamente xustificadas polas universidades así o prevexan.

En consecuencia, o secretario xeral de Universidades, en virtude das competencias e atribucións establecidas no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVE:

Primeiro

Publicar a relación de másters universitarios que non forman parte da oferta de titulacións oficiais nas universidades do Sistema Universitario de Galicia para o curso 2017/18:

Universidade de Santiago de Compostela:

• Máster universitario en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías (acordo de alternancia).

• Máster Erasmus Mundus Encrucilladas nas Narrativas Culturais (Crossways in Cultural Narratives).

Universidade de Vigo:

• Máster universitario en Dereito de Empresa.

• Máster universitario en Enerxía e Sustentabilidade.

Segundo

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, de acordo co establecido nos artigos 107.1 e 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2018

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades