Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 58905

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de decembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas novas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2017 e 2018 (código de procedemento TR301U).

A Orde do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas novas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2017 e 2018 (código de procedemento TR301U), determina no seu artigo 1 que «o ámbito temporal de execución das liñas de actuación establecidas se iniciará coa publicación da presente convocatoria e o límite máximo será o 1 de maio de 2018, para dar cumprimento ao disposto no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013».

O artigo 18 da orde determina que «a data límite para o remate dos cursos que se desenvolvan na anualidade 2017 será o 30 de novembro de 2017, agás os que rematen con posterioridade por autorización do órgano competente, nos cales a data límite será a autorizada. Para os cursos que rematen con posterioridade ao 30 de novembro de 2017, a data límite para o remate das accións será o 1 de maio de 2018».

Doutra banda, o artigo 22, relativo aos prazos de xustificación, establece que «os prazos para a xustificación final da realización das accións formativas se axustarán, en calquera caso, aos seguintes límites:

b) Nas accións formativas que rematen despois do 30 de novembro de 2017, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 15 de maio de 2018».

E, finalmente, o artigo 31.2.2 da citada norma, relativo á realización das prácticas non laborais, sinala que, para determinados certificados de profesionalidade que pola súa natureza presenten dificultades para o cumprimento do antedito prazo, poderá solicitarse á Administración competente unha autorización para a súa ampliación e, en todo caso, deberá estar finalizado o 1 de maio de 2018.

Atendendo ás dificultades existentes para a axeitada selección do alumnado que cursa as accións formativas, estase atrasando o seu inicio e, polo tanto, a súa finalización; por iso e coa finalidade de posibilitar unha mellor execución das accións formativas financiadas, procedese a ampliación dos prazos de execución e xustificación establecidos nas bases reguladoras.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase:

1. A data limite do ámbito temporal de execución das liñas de actuación establecidas na convocatoria, que será ata o 31 de agosto de 2018.

2. A data límite para o remate dos cursos que rematen con posterioridade ao 30 de novembro de 2017; esta data límite para o remate das accións quedará establecida para o 31 de agosto de 2018.

3. O prazo para a presentación da xustificación final das accións formativas previsto no artigo 22.b), para aquelas accións formativas que rematen despois do 30 de novembro de 2017, que quedará establecido no 17 de setembro de 2018.

4. O prazo para a realización das prácticas non laborais referidas no artigo 31, punto 2.2, que deberán estar finalizadas, en todo caso, o 31 de agosto de 2018.

Artigo 2

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria