Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2017 Páx. 57576

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 128/2017, do 30 de novembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo documento Reformado número 2 do acondicionamento da AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave AC/08/064.01.1, no concello de Santa Comba.

Antecedentes:

O 20 de abril de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 76 o Anuncio do 6 de abril de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o documento Reformado núm. 2 do acondicionamento da AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave: AC/08/064.01.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise das alegacións, informes e certificacións presentadas, o 24 de novembro de 2017 aprobouse o expediente de información pública do documento: Reformado núm. 2 do acondicionamento da AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave: AC/08/064.01.1.

Este proxecto ten por obxecto definir as obras necesarias para o acondicionamento da estrada AC-406, no seu treito do parque empresarial de Santa Comba-Abuín, coa finalidade de executar unha adaptación que permita que os usuarios poidan evitar a travesía ao núcleo de Salgueiroas, nos pp.qq. 25+680-27+740, da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, que permita reducir o tempo de percorrido e contribúa a mellorar a seguridade viaria, xa que o treito obxecto da actuación se caracteriza por ser un trazado sinuoso con raios de curvas mínimos, interseccións con visibilidade reducida e unha sección transversal con beiravías moi estreitas.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto Reformado núm. 2 do acondicionamento da AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave: AC/08/064.01.1.

Santiago de Compostela, trinta de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda