Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2017 Páx. 57578

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 129/2017, do 30 de novembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construcción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito Río do Pozo - AC-114, punto quilométrico 4+120 - 6+500, de clave AC/16/061.06, no concello de Narón.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 29 de xullo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia, núm. 143, o Anuncio do 14 de xullo de 2016 polo que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito Río do Pozo - AC-114, punto quilométrico 4+120 - 6+500, de clave AC/16/061.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado. A información pública realizouse mediante unha separata do proxecto construtivo.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións, informes e certificados, e procedeuse á súa valoración.

Este proxecto ten por obxecto, por un lado, a execución dunha senda compartida peón-bici na estrada AC-116, desde a intersección coa estrada DP-5408, de acceso ao polígono de Río do Pozo, ata o núcleo do Cruceiro, e, por outro lado, a continuidade a través da estrada AC-114 ata o mosteiro de Baltar; no termo municipal de Narón.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que da lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito Río do Pozo - AC-114, punto quilométrico 4+120 - 6+500, de clave AC/16/061.06.

Santiago de Compostela, trinta de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda