Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2017 Páx. 55520

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de novembro 2017 pola que se actualiza o Catálogo galego de árbores senlleiras.

A regulación do Catálogo galego de árbores senlleiras foi aprobada mediante o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, e foi modificada posteriormente polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, co obxecto de simplificar o procedemento administrativo para a catalogación e descatalogación das árbores, xa que logo, o procedemento contaba cunha tramitación complexa que difería a súa resolución, máis alá do desexable. Porén, as solicitudes de catalogación formuladas con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, tramitaranse de acordo co procedemento vixente no momento de formular a solicitude, tal como así o dispón a disposición transitoria única do Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Tendo en conta este precepto, a inclusión ou exclusión das árbores e das formacións de calquera especie no catálogo das solicitudes presentadas con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, farase mediante orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, antes da súa modificación.

Finalmente, o artigo 5.1 do Decreto 67/2007, crea o Comité das Árbores Senlleiras como órgano consultivo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural nesta materia, con funcións de asesoramento en relación coas inclusións, exclusións e as diferentes actuacións que se levarán a cabo no contorno dos exemplares e formacións catalogados.

De acordo co anterior, desde a entrada en vigor do regulamento do Catálogo galego de árbores senlleiras, inícianse numerosos expedientes por instancia de parte. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural realizou unha avaliación das características dendrométricas e do estado de conservación destas árbores e formacións, trasladando posteriormente esa información ao Comité das Árbores Senlleiras.

Nas sucesivas reunións deste órgano asesor, e unha vez aplicados os criterios de catalogación establecidos para tal efecto, o Comité das Árbores Senlleiras emitiu informe favorable ás solicitudes de inclusión de diversos exemplares e formacións nos correspondentes anexos do Catálogo galego de árbores senlleiras.

Unha vez finalizados os períodos de audiencia ás persoas interesadas e resoltos os correspondentes expedientes, cómpre finalizar o proceso de catalogación de diversos exemplares e formacións mediante a publicación da orde que estableza a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras, unha vez constatadas as singularidades que presentan e que os fan merecentes de medidas especiais de protección.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Inclúense no anexo I (arbores senlleiras) do Catálogo galego de árbores senlleiras, as árbores recollidas no anexo I desta orde.

2. Inclúense no anexo II (formacións senlleiras) do Catálogo galego de árbores senlleiras, as formacións recollidas no anexo II desta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO I
Árbores que se inclúen no anexo I do Decreto 67/2007-Árbores senlleiras

Código

Nome da árbore

Especie

Lugar

Concello

Provincia

152A

Carballo de Bermés

Quercus robur L.

Bermés

Lalín

Pontevedra

153A

Sequoia da Alameda do Campo da Estrela

Sequoia sempervirens L.

Alameda do Campo da Estrela

Santiago de Compostela

A Coruña

154A

Cerquiño de Queguas

Quercus pyrenaica L.

Cortes da Carballeira-Queguas

Entrimo

Ourense

155A

Castiñeiro do Oreal

Castanea sativa Mill.

Edroso

Viana do Bolo

Ourense

ANEXO II
Formacións que se inclúen no anexo II do Decreto 67/2007-Formacións senlleiras

Código

Nome da formación

Especie

Lugar

Concello

Provincia

33F

Sobreiras do Faro

Quercus suber L.

Viladesuso

Oia

Pontevedra

34F

Araucarias de Cambados

Araucaria heterophylla (Saslisb.) Franco

Cambados

Cambados

Pontevedra

35F

Carballeira de Muimenta

Quercus robur L e Fraxinus excelsior L.

Muimenta

Cospeito

Lugo

36F

Piñeiros mansos do Rosal

Pinus pinea L.

Barrio Couselo

O Rosal

Pontevedra