Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2017 Páx. 55580

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de decembro de 2017 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal médico dos servizos de Medicina Interna, Hospitalización a Domicilio e Aparello Dixestivo do Hospital Comarcal da Barbanza.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O consello comarcal da organización sindical CIG-Saúde comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá os días 11, 12, 18, 19, 26 e 27 de decembro de 2017 e 2, 3, 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de xaneiro de 2018, que comezará ás 8.00 horas e finalizará ás 8.00 horas, nos servizos de Medicina Interna, Hospitalización a Domicilio (HADO) e Aparello Dixestivo do Hospital Comarcal da Barbanza, en Ribeira.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía.

Os tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, polas características do servizo dispensado.

Para a fixación dos servizos mínimos atendeuse aos seguintes criterios reitores:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente na garda médica.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente os/as pacientes hospitalizados/as e as altas clínicas.

3. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/as pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables tanto dos/as pacientes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático como dos/as pacientes desprazados/as.

4. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás pacientes hospitalizados/as que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos/as pacientes con neoplasias malignas.

5. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a Xerencia Executiva do Hospital da Barbanza, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe figurar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será determinada pola Xerencia Executiva do Hospital da Barbanza e notificada ao persoal designado.

O dito persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Apróbase o seguinte cadro de efectivos mínimos:

– Medicina Interna: 1 efectivo na quenda da mañá, 1 efectivo na quenda da tarde e 1 efectivo na quenda da noite.

– HADO: 1 efectivo na quenda da mañá.

– Aparello Dixestivo: 1 efectivo na quenda da mañá.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade