Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 28 de novembro de 2017 Páx. 54349

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2017, conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Política Social, pola que se aproba a convocatoria de consultas preliminares do mercado para a extensión da teleasistencia avanzada baixo o modelo de fogar dixital sociosanitario.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega), de conformidade co disposto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, é unha axencia pública autonómica adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia.

A Amtega, segundo o artigo 6 do seu estatuto, aprobado polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, ten entre as súas competencias a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e o deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, garantindo os dereitos dos cidadáns e eliminando as barreiras que se opoñan á expansión e ao uso das novas tecnoloxías, así como o fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións en colaboración cos organismos e institucións competentes na materia.

Así mesmo, aglutina as competencias e os recursos humanos, materiais e orzamentarios asociados ás anteriores estruturas TIC dispersas no sector público autonómico. Por tanto, ten entre as súas competencias o deseño e execución, en todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta, dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información que dan soporte á súa operativa, entre eles o referido na presente resolución.

A Consellería de Política Social, de conformidade co previsto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería, ten entre as súas competencias e funcións as políticas de benestar e de atención ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade que desenvolve a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

Ambos os organismos, segundo o establecido no plan Trabe, desenvolven de xeito coordinado, iniciativas de ámbito social no fogar a través da posta en marcha de solucións e servizos dixitais no fogar e das plataformas tecnolóxicas que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, sen prexuízo das que correspondan a outros órganos.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, de conformidade co previsto no Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, teñen entre as súas competencias e funcións a saúde pública e a realización das prestacións e servizos sanitarios e, no ámbito específico desta resolución, o mantemento e explotación dos sistemas e tecnoloxías de información e a definición, coordinación e supervisión dos plans de información e sistemas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, que exerce a través da Secretaría Xeral Técnica.

En execución desas competencias, entre as actuacións previstas está o desenvolvemento da iniciativa de fogar dixital sociosanitario da Xunta de Galicia, na cal se establece a prestación de servizos tanto sociais coma sanitarios no fogar, favorecendo a vida autónoma no fogar propio das persoas.

Galicia amosa unha tendencia ao envellecemento da poboación maior que outras rexións españolas e europeas, así como un crecemento demográfico negativo. A cifra actual é de 640.263 persoas con 65 anos ou máis en Galicia, que representan máis do 23 % da poboación total galega, segundo os datos do IGE correspondentes a 2013, nun contexto en que a esperanza de vida cada vez é máis alta (79,1 anos en homes e 85,6 anos en mulleres).

A enquisa continua de fogares do INE para o ano 2013 establece que Galicia conta con máis de 110.000 fogares unipersoais con 65 ou máis anos. En termos referidos a fogares con ao menos unha persoa con 65 ou máis anos, o 40 % dos fogares galegos cumpren con esta situación. Segundo a enquisa de maiores de 2010 do Imserso, máis do 87 % das persoas maiores prefiren vivir na súa casa, aínda no caso de viviren sós.

A tendencia natural é que as persoas maiores en Galicia residan nas súas propias casas ata que a súa situación persoal provoca o seu traslado a un centro residencial como resposta á necesidade de determinados servizos, tendo en conta os posibles incidentes ocasionados (accidentes). Por outra banda, esta forma de vida é o máis recomendable desde unha perspectiva social e persoal.

En canto aos incidentes derivados da opción de residencia no propio fogar, o estudo sobre detección de accidentes domésticos e de ocio (Informe DADO) do Instituto Nacional de Consumo establece que un 19,7 % dos accidentes producidos en España se refiren a persoas con 65 ou máis anos, o que ascende a máis de 490.000 accidentes. Desta cantidade, o 63 % refírese a accidentes no fogar, é dicir, máis de 195.000 accidentes.

Nunha experiencia a nivel europeo, a utilización conxunta da teleasistencia e da iluminación de sinalización no fogar en poboación maior fráxil durante un ano tivo como resultado que os participantes no proxecto tiveron un índice de caídas do 30,9 %, mentres que a porcentaxe de caídas dos non usuarios foi do 50 %. Ademais, o custo-efectividade do proxecto é salientable: mentres que o importe do equipamento é de 1.700 euros no primeiro ano e 700 euros nos sucesivos, o custe medio de hospitalización por motivo dunha caída ascende a 8.000 euros.

Os efectos do envellecemento en Galicia, a esperanza de vida dos maiores galegos e galegas e o seu estilo de vida condicionan que a vivenda das persoas maiores en Galicia sexa o lugar principal de actuación das administracións publicas con respecto ao sistema de benestar en Galicia. Para iso, é necesario dotar as vivendas dun paquete integrado de solucións TIC que permitan ás persoas maiores sentirse máis seguras, sentirse máis independentes, estar sas e manterse conectadas coa sociedade.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social,

ACORDAN:

Primeiro. Convocatoria

Convócase a consulta preliminar do mercado para a procura de solucións e servizos dixitais no fogar relacionados coa extensión da teleasistencia avanzada baixo o modelo de fogar dixital sociosanitario.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é promover a participación das persoas, físicas ou xurídicas para a identificación de propostas innovadoras que contribuirán ao proceso de desenvolvemento e execución de solucións e servizos dixitais no fogar relacionados coa extensión da teleasistencia avanzada baixo o modelo de fogar dixital sociosanitario, coas características que se relacionan no anexo á presente resolución. Concretamente preténdese que, a partir dos resultados da consulta preliminar do mercado, a Amtega teña coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para o lanzamento dun eventual procedemento de licitación posterior.

Terceiro. Participantes

A convocatoria é aberta e diríxese a persoas físicas ou xurídicas que teñan vontade de participación e de colaboración coa Amtega para o desenvolvemento destes proxectos, tanto na súa definición e alcance coma no desenvolvemento posterior.

Admitirase a presentación de varias propostas por unha mesma persoa física ou xurídica, xa sexa individualmente ou en forma conxunta con outros. Cando unha proposta sexa presentada de forma conxunta por un grupo de persoas ou entidades, deberá identificarse aquela que as represente, para efectos de interlocución coa Administración.

A participación na convocatoria non comporta para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados da participación na convocatoria serán a cargo dos interesados.

A Administración dará aos participantes un tratamento igualitario e non discriminatorio e axustará a súa participación ao principio de transparencia.

Cuarto. Aplicación dos principios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación

Así mesmo, a participación ou non participación na convocatoria, o diálogo ou contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de igualdade de trato, non discriminación e transparencia, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes desleais ou dereitos exclusivos non eventuais nos procedementos de contratación que se poidan ulteriormente convocar. A participación na consulta preliminar do mercado non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto da adxudicación dos contratos que poidan celebrarse con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Para estes efectos, a Amtega tomará as medidas adecuadas para garantir o mantemento dos indicados principios tanto no desenvolvemento desta convocatoria como en calquera procedemento ulterior de contratación.

En particular, en aplicación dos principios de igualdade de trato e transparencia, comunicarase aos demais participantes, candidatos ou licitadores calquera información pertinente intercambiada no marco desta convocatoria ou como resultado dela, coidarase que as especificacións técnicas ou funcionais se definan respectando o disposto na lexislación de contratos do sector público e procederase ao establecemento de prazos adecuados para a recepción das ofertas e solicitudes de participación tendo en conta o tempo que razoablemente poida ser necesario para preparar aquelas, atendida a complexidade do contrato.

Quinto. Presentación das propostas

A presentación das propostas suxeitarase ás seguintes regras básicas:

1. A Amtega establecerá os requisitos e especificacións funcionais relativas aos proxectos a través das fichas de proxectos que estarán dispoñibles e serán accesibles a través da páxina web https://amtega.xunta.gal/cmfogardixital.

2. As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas en participar deberán enviar as súas propostas en lingua galega ou en castelán segundo as fichas que se atopan dispoñibles na páxina web https://amtega.xunta.gal/cmfogardixital. Opcionalmente, poderase xuntar ás fichas a documentación complementaria que xulguen pertinente onde se desenvolva a proposta con maior detalle. No caso de que unha proposta sexa presentada de forma conxunta por un grupo de persoas ou entidades, deberá identificarse aquela que as represente, para os efectos de interlocución coa Administración.

En todo caso, cada un dos interesados deberá asumir os eventuais custos derivados da súa participación.

3. As propostas remitidas seguirán un modelo que estará dispoñible en formato electrónico na páxina web https://amtega.xunta.gal/cmfogardixital. Habilitarase unha ficha modelo para cada un dos proxectos, que se enviará a través do formulario dispoñible na páxina web https://amtega.xunta.gal/cmfogardixital ou por correo electrónico ao seguinte enderezo: cm.fogardixital@xunta.gal. As propostas poderanse presentar en calquera momento durante o período comprendido entre a publicación deste anuncio e a data de finalización da consulta preliminar do mercado.

4. A Amtega estudará as propostas que se presenten e poderá utilizalas no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos, tanto na súa definición como alcance, así como na definición dun eventual procedemento de licitación posterior. Se se considera de interese, a Amtega poderá convocar individualmente participantes concretos para realizaren unha presentación máis detallada ou ampliaren a información sobre a súa proposta, produto ou servizo. No caso de que a presentación sexa pública, serán informados disto os demais participantes a través da páxina web habilitada para o efecto.

O intercambio de información derivado da presentación das propostas poderase utilizar, se é o caso, para definir, de acordo co expresado no artigo 117 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, as especificacións funcionais detalladas que se poidan empregar nos procedementos de contratación de bens ou servizos que con posterioridade se poidan convocar.

Sexto. Transparencia da consulta

Para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente o seu consentimento para que a Amtega manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas. En caso de non dar consentimento, serán excluídas do proceso.

A Amtega reserva para si a facultade de facer públicos os datos das propostas presentadas, tendo en conta o previsto no punto seguinte, así como aqueloutras que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos. Co fin de garantir a transparencia e igualdade de oportunidades entre os participantes dos eventuais procedementos de contratación que se poidan convocar, publicitará a información relativa aos avances na definición de cada proxecto.

Así mesmo, a Amtega reserva para si a facultade de realizar unha presentación pública das propostas que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos e das achegas realizadas a estes polos distintos participantes, e a darlle a necesaria difusión para o seu público coñecemento.

O uso do contido das propostas limítase exclusivamente á súa utilización na definición das especificacións dos eventuais procedementos de contratación que seguisen a consulta preliminar do mercado. Por tanto, a Amtega, tendo en conta as propostas e con suxeición ás normas contractuais aplicables, poderá tramitar os procedementos de contratación oportunos para a execución dos proxectos.

Sétimo. Confidencialidad

A Amtega almacenará os datos de contacto dos participantes no procedemento. Estes datos incluiranse necesariamente nas fichas de proposta, en que se fará constar, ademais, o seu consentimento expreso e a aceptación das bases da convocatoria, incluída a posibilidade da Administración de difundir a súa participación no procedemento, no caso de ser relevante.

De conformidade coa Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal, a Amtega almacenará nun ficheiro que será da súa propiedade os datos de contacto dos participantes na consulta preliminar do mercado. A estes datos terase dereito de acceso, modificación e cancelación co propósito exclusivo de facilitar o contacto durante o proceso de consulta preliminar do mercado.

Por outra banda, para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente a súa vontade conforme para que a Amtega manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas.

Sen prexuízo da posibilidade de divulgación das solucións e da definición das especificacións dos proxectos, a Administración non poderá divulgar a información técnica ou comercial que, se é o caso, fose facilitada polos participantes e estes designasen como confidencial.

Oitavo. Patentes

As solucións e especificacións técnicas ou funcionais que se presenten para os proxectos non poderán mencionar unha fabricación ou unha procedencia determinada ou un procedemento concreto, nin facer referencia a unha marca, a unha patente ou a un tipo, a unha orixe ou a unha produción determinados.

Así mesmo, a participación na convocatoria comporta que, para os efectos de posibilitar a definición das especificacións técnicas ou funcionais, de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, a súa difusión, publicación e o seu libre uso por parte da Amtega ou de empresas colaboradoras no desenvolvemento dos futuros proxectos, as propostas e solucións presentadas non poden estar suxeitas a dereitos de explotación de propiedade intelectual, sen ningunha limitación territorial ou temporal.

Noveno. Contratación de proxectos

Unha vez realizada a definición das especificacións funcionais dos proxectos co grao de concreción necesario, a Amtega poderá iniciar os correspondentes procedementos de contratación segundo o establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, que establece o texto refundido da Lei de contratos do sector público ou normativa de aplicación. Este eventual procedemento de contratación publica estará aberto a todas as propostas posibles que cumpran as condicións do procedemento, teñan ou non estado ligadas á consulta preliminar do mercado anterior. En calquera dos casos, o procedemento determinará as fases del, así como os criterios de avaliación para superar cada unha delas, tendo en conta sempre neles a valoración da innovación e a incorporación de alta tecnoloxía como aspectos positivos.

Nos pregos de cláusulas administrativas e nos contratos adxudicados, nos aspectos relativos á propiedade industrial e intelectual das solucións técnicas da oferta seleccionada deberán terse en conta os seguintes aspectos:

a) Nos contratos que teñan por obxecto o desenvolvemento e posta á disposición de produtos protexidos por un dereito de propiedade intelectual ou industrial e coa finalidade de manter as expectativas de mercados das empresas innovadoras, poderá establecerse que o adxudicatario reteña a indicada propiedade, pero comportarán, como mínimo, a cesión de uso á Administración contratante e a posibilidade de modificación das tecnoloxías achegadas para as súas necesidades, garantindo o acceso da Administración ao código de fonte do software, así como a posibilidade para esta de autorizar o uso e modificación do correspondente produto aos entes, organismos e entidades pertencentes ao sector público autonómico, así como ás empresas de servizo que presten servizos a estes a través dos contratos de servizos ou encomendas pertinentes. Poderá preverse, así mesmo, a revisión das condicións de uso e modificación se no futuro outros clientes conseguen mellores condicións ata a igualación destas.

b) Coa finalidade de facilitar o desenvolvemento rendible das solucións para os servizos públicos, nos contratos de desenvolvemento estableceranse mecanismos acordes a condicións de mercado que permitan compartir coas empresas adxudicatarias os riscos e os beneficios en proporción á achega realizada pola Administración.

Décimo. Prazo de presentación e peche da convocatoria

O prazo de presentación das propostas comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O peche da convocatoria para os correspondentes proxectos producirase, unha vez que se acade o grao de definición necesario, por resolución da persoa titular da dirección da Amtega, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico
da Consellería de Sanidade

Fabiola García Martínez
Directora xeral de Maiores
e Persoas con Discapacidade

ANEXO

Solucións e servizos dixitais no fogar relacionadas coa extensión da teleasistencia avanzada baixo o modelo de fogar dixital sociosanitario

Actualmente estase a desenvolver un modelo de fogar dixital sociosanitario en Galicia. O modelo tecnolóxico está baseado na existencia dunha plataforma integral de fogar dixital da Xunta de Galicia a través da cal se prestarán os servizos dixitais de atención no fogar proporcionados pola Xunta de Galicia, tanto de carácter social como sanitario. Entre os ditos servizos podemos destacar os seguintes tipos:

• Servizos relacionados coa domótica (detección de situacións de risco por escapes de gas, auga, lume...).

• Servizos relacionados co estudo de alteracións nos hábitos no domicilio (patróns de actividade, caídas...).

• Servizos relacionados coa xeolocalización dos usuarios.

• Servizos relacionados coa telediagnose, teleconsulta médica, telemonitorización sanitaria...

• Servizos relacionados coa mellora da capacidade cognitiva dos usuarios.

Preséntanse os seguintes retos:

• Cales son os elementos tecnolóxicos no fogar para a prestación deses servizos.

• Cal é a conectividade necesaria no fogar para que a prestación dos ditos servizos sexa factible.

• Cal é o custo da provisión, instalación, mantemento e operación deses elementos tecnolóxicos no fogar.

A información relativa ao proxecto indicado neste anexo estará ao dispor dos interesados na páxina web https://amtega.xunta.gal/cmfogardixital.