Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 28 de novembro de 2017 Páx. 54360

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2017 pola que se acorda a conservación de actos dentro do proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 15 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 18 de xuño), modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 220, do 18 de novembro).

Mediante a Resolución do 19 de xaneiro de 2017, o tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde da Consellería de Facenda do 15 de xuño de 2015 (DOG número 114, do 18 de xuño), modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (DOG número 220, do 18 de novembro), acordou modificar a resposta á pregunta número 2 do segundo exercicio, establecer a nota de corte do segundo exercicio do proceso selectivo e publicar as listas de persoas aprobadas deste.

Mediante a Resolución do 3 de marzo de 2017, o tribunal acordou anular a pregunta número 2, modificar a nota de corte establecida con anterioridade e publicar unha nova lista de persoas aprobadas do segundo exercicio do proceso selectivo.

Para a realización do terceiro exercicio, consistente na realización dunha proba acreditativa do coñecemento da lingua galega, foron convocadas dúas persoas e resultou que ambas obtiveron a cualificación de aptas no exercicio, como así consta na Resolución do tribunal do 4 de maio de 2017.

Á vista dos recursos de alzada presentados contra a Resolución do tribunal, do 3 de marzo de 2017, este órgano resolveu, entre outros pronunciamentos, proceder á súa anulación, restablecendo a nota de corte establecida inicialmente e anulando a pregunta número 2 do segundo exercicio, coa conseguinte publicación das novas listas de persoas aprobadas.

Resulta que tras a publicación das novas listas de persoas aprobadas no segundo exercicio figuran incluídas as dúas que tiveron que realizar a terceira proba e que acadaron a cualificación de aptas.

Á vista do anterior, e conforme o disposto no artigo 51 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Proceder á conservación de todos os actos e trámites do proceso selectivo cuxo contido se tería mantido igual de non anularse a Resolución do 3 de marzo de 2017 do tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo e, en particular, aqueles que gardan relación coa realización e co resultado do terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde da Consellería de Facenda do 15 de xuño de 2015 (DOG número 114, do 18 de xuño), modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (DOG número 220, do 18 de novembro).

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase presentar recurso potestativo de reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou impugnala directamente, ante a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda