Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2017 Páx. 53205

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 16 de novembro de 2017 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 2 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN201I).

A Orde do 2 de marzo de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 14 de marzo de 2017, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN201I).

No artigo 1.3 parágrafo segundo do anexo I-Bases reguladoras establece a consideración de actuacións subvencionables sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2017 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 16.

O artigo 16.1 do anexo I-bases Reguladoras establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na respectiva xefatura territorial, en orixinal ou copia compulsada, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto da subvención, para o que terá de prazo ata o 31 de outubro de 2017.

A Orde do 9 de outubro de 2017, DOG núm. 197, do 17 de outubro, ampliou ata o 20 de novembro o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 2 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural.

Coa finalidade de facilitar os procesos de xestión das subvencións concedidas e acadar o mellor cumprimento do seu obxeto, considérase procedente unha nova ampliación do prazo de xustificación ata o día 11 de decembro de 2017.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación do artigo 16.1 do anexo I da Orde do 2 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN201I).

O primeiro parágrafo do artigo 16.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na respectiva xefatura territorial, en orixinal ou copia compulsada, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, para o que terá de prazo ata o 11 de decembro de 2017».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria