Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2017 Páx. 53207

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2017 pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. María Elisa Otero López, presidenta do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o 7 de abril de 2017, ante o notario Daniel Balboa Fernández, co número de protocolo 618, pola Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, Apetamcor, e a Federación Galega de Asociacións Empresariais e Profesionais do Transporte, Fegatrans, que actúan representadas por José Manuel Rodríguez Rodríguez e María Elisa Otero López, presidente e secretaria xeral, respectivamente, das dúas entidades.

3. A Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, promover a mellora da calidade de vida, o benestar e a asistencia social dos profesionais do sector do transporte que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia, así como das súas familias e das persoas vinculadas a estes, durante o tempo de desenvolvemento da súa vida profesional e cando alcanzan a situación legal de xubilación ou ben cesan anticipadamente na súa actividade profesional por calquera causa allea á súa vontade.

4. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, a identificación dos membros do Padroado e os estatutos.

5. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, os fins e as actividades para a consecución dos seus fins, as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do Padroado, as regras para a designación e sustitución dos seus membros, as causas de cesamento e suspensión, as súas atribucións e as formas de deliberar e adoptar acordos e as causas de extinción e do destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por María Elisa Otero López, secretaria xeral de Apetamcor e Fegatrans, como presidenta; José Manuel Rodríguez Rodríguez, presidente de Apetamcor e Fegatrans, como vicepresidente; Alberto Vila González como secretario e Camilo González Bermúdez, Gloria Álvarez Hervera, Sonia Gil Martínez e María Elena Rodríguez González como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 16 de outubro de 2017, clasificouse como de interese laboral a Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia e adscribiuse á Consellería de Economía, Emprego e Industria para efectos do exercicio das funcións do Protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego; no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, polo que

RESOLVO:

Declarar de interese galego a Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividade, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o Protectorado, que será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta resolución, que non pon fin a vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017

Borja Verea Fraiz
Xecretario xeral técnico da Consellería
de Economía, Empleo e Industria