Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2017 Páx. 52503

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 7 de Vigo

EDICTO (811/2014).

No procedemento de referencia ditouse a resolución do tenor literal seguinte:

«Sentenza: 52/2017.

Vigo, 1 de marzo de 2017.

Flora Lomo del Olmo, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 7 desta e o seu partido, viu por si estes autos de xuízo ordinario seguidos ante este xulgado baixo o número 811/2014, no que son parte demandante Gerardo Gallego Pérez representado pola procuradora María Dolores Cobas González e parte demandada Guillermo Loureiro Davila, Fernando J. Diz Alosno e Ana María Saavedra Canel, en situación de rebeldía procesual.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que a meritada representación da parte demandante, formulou demanda arranxada ás prescricións legais na cal solicitaba, logo de alegación dos feitos e fundamentos de dereito, que se ditase sentenza nos termos contidos no suplico daquela.

Segundo. Que admitida a trámite, se dispuxo o emprazamento da parte demandada para que, no termo legal, comparecer en autos asistida de avogado e procurador e contestase aquela, o cal verificou en tempo e forma, mediante a presentación de escrito de contestación á demanda, arranxado ás prescricións legais.

Terceiro. Citadas as partes a unha audiencia previa e posteriormente a xuízo celebráronse estes co resultado obrante en autos.

Cuarto. Que na substanciación do presente xuízo observaronse as prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Promóvese demanda polo demandante exercitando acción de reclamación de cantidade fronte a Guillermo Loureiro Davila, Fernando Javier Diz Alonso e Ana María Saavedra Chanel expoñendo que en data do 18 de xaneiro de 2012, prestou aos referidos demandados a suma de 46.000 euros que se obrigaron a devolver nun prazo dun ano desde o momento da formalización da devandita operación, sen que tal compromiso se fixese efectivo malia o tempo transcorrido.

Non se opoñen aqueles formalmente á pretensión deducida de adverso ao constituírse en situación procesual de rebeldía.

Segundo. A devandita circunstancia non pode asimilarse a un achantamento tácito nin exime á contraparte de acreditar os extremos que sustentan a súa reclamación conforme o prevido no artigo 217 da LAC, debendo concluírse, para estes efectos, que cumpriu a demandante coa devandita exixencia a través da documental (non impugnada) e do resto da proba practicada no acto da vista: obra en autos o documento no que se materializa a operación de préstamo a cuxo amparo se acciona, unha escritura pública cuxa forza probatoria establécese no artigo 319 do citado texto legal, indicando que fará forza plena do feito, acto ou estado de cousas que documenta, da data en que se produce esa documentación e da identidade dos fedatarios e demais persoas que, se é o caso, interveñan nela.

Pola súa banda, o artigo 1218 do Código civil sinala que os documentos públicos fan proba aínda contra terceiro, do feito que motiva o seu outorgamento e da data deste, sendo interpretado o devandito precepto en numerosas sentenzas no sentido de considerar que o valor probatorio do documento público non se estende ao seu contido nas declaracións que nel fan os outorgantes, pois aínda que en principio fan proba contra este e os seus herdeiros, a veracidade intrínseca daquelas pode ser desvirtuada mediante proba en contrario, sen que tal medio probatorio faga proba plena sobre os demais, vinculando unicamente ao xuíz respecto ao seu outorgamento e a súa data pois o resto do seu contido pode ser sometido a apreciación con outras probas (por todas, STS do 30 de setembro de 2005).

No caso que nos ocupa, a escritura pública de data do 18 de xaneiro de 2012 na que se formaliza o contrato de préstamo con garantía hipotecaria subscrita entre demandante e demandados recolle na súa estipulación primeira que “Gerardo Gallego Pérez entregou, no día de hoxe, con anterioridade a este acto, en metálico, a Fernando Javier Diz Alonso e Ana María Saavedra Chanel e a Guillermo Loureiro Davila, en concepto de préstamo, segundo recoñecen expresamente, a cantidade de corenta e seis mil euros”, para advertir seguidamente do contido do artigo 24 da Lei do notariado, artigo 177 do Regulamento notarial e a Lei de medidas de prevención da fraude fiscal, Lei 36/2006, de 29 de novembro, indicando que “baixo a súa responsabilidade manifestan que o pagamento foi realizado na forma e data indicada, sen que poidan acreditalo documentalmente”.

Pois ben, tal declaración non foi desvirtuada polos referidos codemandados os que, malia ser advertidos das consecuencias da súa non comparecencia á vista, unha vez solicitado en tempo e forma o seu interrogatorio, non asistiron e, ademais, foi confirmada de xeito expreso por dúas testemuñas, María Luisa López Rodríguez e María del Pilar Bouzas Pérez, que interviñeron na escritura, constatando que se realizou por parte de Gerardo o pagamento en metálico de 46.000 euros, que “se entregou a aqueles nun sobre e contárono”, subscribíndose seguidamente o documento público.

Temos que considerar, pois, que resultaron plenamente acreditados os extremos que sustentan a pretensión da demandante, acolléndose integramente esta.

Terceiro. Respecto aos xuros de mora pactados no contrato de litis temos que convir coa parte demandante en que, efectivamente, en diversas sentenzas o Tribunal Supremo sinalou que estes non teñen a consideración de xuros reais nin se lles debe aplicar a Lei de represión da usura; tamén existe xurisprudencia xeneralizada no sentido de que, aínda que o feito de que os pactos sobre xuros de mora, anatocismo e cláusula penal sexan permitidos polo Código civil, non escapan á aplicación da Lei do 23 de xullo de 1908 que se refiren no seu artigo 1 á estipulación dun xuro sen distinguir clase ou natureza.

A Sentenza da Audiencia Provincial de Córdoba do 5 de febreiro de 2007 indica que, “os xuros de mora teñen certamente unha finalidade sancionadora por non se adecuar a conduta do debedor ao réxime xurídico pactado polas partes e, sobre todo, ten como obxectivo, non só sancionar ou castigar o debedor que non cumpre senón disuadir potenciais incumpridores. Precisamente por razón da devandita natureza indemnizatoria e disuasoria, o xuro de mora é notablemente máis elevado que o remuneratorio, sen que iso implique unha autorización en branco para o acredor, de forma que poida establecer a sanción que desexe, senón que ha de ser unha sanción equilibrada, unha sanción que non leve consigo un xuro desproporcionado que xere un desequilibrio das prestacións das partes, máxime cando o feito de que exista un pacto que expresamente estableza o devandito xuro de mora non implica que este, sen máis, sexa legal”.

Neste suposto, o xuro pactado a un 18 % resulta excesivo se temos en consideración que na data de subscrición do contrato de préstamo litixioso (2012) o xuro legal do diñeiro era dun 4 %, considerándose axustado estar ao disposto no artigo 3 da Lei de represión da usura, percibíndose unicamente o xuro legal correspondente, toda vez que o límite establecido no artigo 114 da LH ten un campo específico de aplicación (créditos para a adquisición de vivenda habitual garantidos con hipoteca constituída sobre esta).

Cuarto. En aplicación do establecido no artigo 394 da LAC, as custas son de preceptiva imposición á parte demandada.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación ao caso de autos,

Resolvo:

Que admitindo a demanda promovida pola procuradora Dolores Cobas González en nome e representación de Gerardo Gallego Pérez fronte a Guillermo Loureiro Davila, Fernando Javier Diz Alonso e Ana María Saavedra Chanel debo condenar e condeno estes a aboarlle a cantidade de 46.000 euros máis os xuros legais correspondentes desde a data de vencemento do prazo de devolución pactado (18 de xaneiro de 2013), con imposición das custas causadas.

Modo de impugnación: recurso de apelación, que se interpoñerá ante o tribunal que ditase a resolución que se impugne dentro do prazo de vinte días contados desde o día seguinte da notificación daquela.

O devandito recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en sentido contrario ao resolto (artigo 456.2 da LAC).

Conforme a disposición adicional décimo quinta da LOPX, para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, en a conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, comunidade autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no Banco Santander na conta deste expediente ES5500493569920005001274 indicando, no campo “concepto” a indicación “recurso” seguida do código “02 civil-apelación”.

Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria deberá incluír, tras a conta referida, separados por un espazo a indicación “recurso” seguida do código “02 civil-apelación”.

No caso de que deba realizar outros pagamentos nesta conta, deberá verificar un ingreso por cada concepto, mesmo se obedecen a outros recursos da mesma ou distinta clase indicando, neste caso, no campo observacións a data da resolución impugnada co formato DD/MM/AAAA.

Así, por esta miña sentenza pronúncioo, mándoo e asínoo.

O/a maxistrado/a xuíz/a».

E como consecuencia do ignorado paradoiro de Fernando J. Diz Alonso e Ana Mª Saavedra Chanel, esténdese este edicto para que sirva de cédula de notificación.

Vigo, 16 de marzo de 2017

O/a letrado/a da Administración de xustiza