Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2017 Páx. 50474

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 16 de outubro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

BDNS (Identif.): 366962.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas ou medianas empresas ou microempresas, conforme a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de produto financeiro, conforme os requisitos que se detallan no anexo 1 das bases reguladoras.

c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo 1 das bases reguladoras, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto facilitar o acceso ao crédito a aqueles proxectos economicamente viables dos sectores vinculados coa estratexia do programa operativo Feder 2014-2020, como son o fomento de investimentos en innovación e investigación, a promoción do espírito empresarial, o aproveitamento económico de novas ideas e o impulso da creación de novas empresas, así como a promoción do crecemento e consolidación das pemes nos mercados rexionais, nacionais e internacionais.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de outubro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Cuarto. Importe

Establécense as liñas de préstamos directos do Igape e polos importes máximos indicados de seguido para cada unha delas:

Préstamos IFI Emprende: 3.000.000 €.

Con cargo á partida orzamentaria 09.A1-741A-8310 e por un importe de 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2017, 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2018 e 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2019.

Préstamos IFI Industria 4.0: 24.000.000 €.

Con cargo á partida orzamentaria 09.A1-741A-8310 e por un importe de 8.000.000 € con cargo ao exercicio 2017, 10.520.000 € con cargo ao exercicio 2018 e 5.480.000 € con cargo ao exercicio 2019.

Préstamos IFI Relanzamento: 3.000.000 €.

Con cargo á partida orzamentaria 09.A1-741A-8310 e por un importe de 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2017, 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2018 e 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2019.

Préstamos IFI Innova: 3.000.000 €.

Con cargo á partida orzamentaria 09.A1-741A-8310 e por un importe de 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2017, 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2018 e 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario para a respectiva modalidade de préstamo, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes para a respectiva modalidade de préstamo, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 31 de decembro de 2018.

Unha vez finalizado o prazo, non se admitirán máis solicitudes.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica