Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2017 Páx. 49130

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2018.

Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para cada tempada, logo da adxudicación de cotas diarias para concursos deportivos oficiais e do sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.

Os permisos sobrantes dos procedementos anteriores poranse á disposición das persoas interesadas en centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Conservación da Natureza. Para atender a demanda prevista, facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto.

De conformidade co anterior, as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2018 serán as seguintes:

1. Obxecto.

O obxecto destas normas é adxudicar mediante sorteo os permisos de pesca fluvial en coutos para a tempada de 2018 (códigos dos procedementos administrativos: MT807B e MT807C).

En cada servizo provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos:

– Sorteo de salmón: incluirá os permisos de coutos de salmón, mesmo os de pesca sen morte en coutos de salmón.

– Sorteo de troita: incluirá os permisos de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior.

2. Calendario.

Inicio do período de presentación de solicitudes: ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas.

Límite de presentación de solicitudes: 20 de novembro de 2017, ás 14.00 horas.

Publicación das listaxes provisionais de persoas excluídas e admitidas: 27 novembro de 2017.

Publicación das listaxes definitivas de persoas excluídas e admitidas: 15 de decembro de 2017.

Data de sorteo: 20 de decembro de 2017, ás 12.00 horas.

Os resultados dos sorteos, as listaxes de participantes coa orde resultante, a data e a hora de escolla de cada participante e demais datos e normas aplicables publicaranse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. O acceso á aplicación requirirá o NIF e máis o número da licenza de pesca fluvial.

3. Requisitos das persoas solicitantes.

Para participar nos sorteos é preciso ser titular dunha licenza de pesca fluvial en vigor no momento de presentar a solicitude. Para o cumprimento deste requisito terán a mesma validez as licenzas autonómicas e interautonómicas de pesca fluvial.

4. Tipos de solicitudes.

Para cada sorteo poderán presentarse solicitudes para participación individual ou para participación en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo.

As solicitudes individuais formularanse conforme o procedemento administrativo MT807B (anexo I desta resolución).

As solicitudes en grupo requirirán unha persoa responsable do grupo que presente unha primeira solicitude en que identifique, no punto correspondente, as demais persoas participantes. Esta primeira solicitude formularase conforme o procedemento administrativo MT807B (anexo I desta resolución). Posteriormente, quen forme parte dese grupo deberá presentar a solicitude regulada no procedemento administrativo MT807C (anexo II desta resolución) cos datos que nel se requiren.

Cada participante só poderá figurar nunha solicitude individual ou nun grupo para cada un dos sorteos.

5. Presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. Comprobación de datos.

1) Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos do DNI ou NIE das persoas solicitantes.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos formularios de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar as persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

2) No caso de que un mesmo NIF conste en varias solicitudes para un mesmo sorteo, anularanse as máis antigas, prevalecendo sempre a última data de rexistro de entrada, telemática ou presencial. No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente aqueles NIF repetidos. Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.

7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As listaxes provisionais das persoas excluídas e admitidas faranse públicas na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Tamén poderán consultarse nas xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

As persoas solicitantes terán un prazo de 10 días naturais, contados desde a data de exposición pública da relación provisional de persoas admitidas e excluídas, para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación das listaxes definitivas.

Excluiranse todas aquelas persoas participantes que non posúan licenza de pesca fluvial en vigor no momento da presentación da solicitude.

Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra as listaxes provisionais, publicaranse as listaxes definitivas na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Tamén poderán consultarse nas xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

8. Realización dos sorteos.

En cada sorteo, as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada da solicitude.

Os sorteos serán públicos. Cada sorteo realizarase con tres ou catro bombos, segundo sexa preciso polo número de solicitudes presentadas, correspondendo cada un deles ás unidades, decenas, centenas e unidades de millar. En cada bombo introduciranse dez números, do 0 ao 9, excepto no que corresponda ás unidades de millar, en que unicamente se introducirán os números necesarios para cubrir os miles de solicitudes presentadas. Sacarase un número completo formado por tres ou catro bólas, segundo proceda. No caso de que o número constituído polas bólas exceda o que corresponda á última solicitude presentada, procederase a sortear de novo, devolvendo as bólas aos correspondentes bombos e repetindo a operación.

A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir e continuarase a elección por orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.

Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Conservación da Natureza na data e na hora antes indicadas.

9. Resultados dos sorteos.

Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

Cada solicitante poderá consultar na citada páxina o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos. Tamén se facilitarán os datos de contacto para a escolla telefónica e o pagamento dos permisos.

10. Notificacións.

1) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3) A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4) As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11. Escolla de permisos.

Para a escolla de permisos de troita e reo, os servizos provinciais de Conservación da Natureza establecerán grupos de permisos de pesca. Para os permisos de salmón haberá un só grupo en cada provincia. A listaxe dos grupos será publicada na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal.

Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos de cada grupo, dos cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón só se poderá escoller un permiso.

Na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal poderá consultarse en tempo real o número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de pesca.

A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:

1) Directamente na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal na data e rango horario resultantes dos sorteos, introducindo previamente o NIF e mais o número da licenza de pesca.

A persoa usuaria poderá realizar comprobacións e reservas previas antes da súa quenda, e mesmo gravar os datos da reserva, pero só se poderá confirmar unha reserva previa dentro da data e do rango horario asignados á persoa solicitante, existindo a posibilidade de cambiar os permisos que xa non estean dispoñibles.

Rematado o rango horario sen terse producido a escolla, a persoa usuaria non terá dispoñible o servizo web durante os rangos horarios asignados a outras persoas participantes. Completadas as quendas de escolla do día, e ata as 8.00 horas do día seguinte, calquera persoa que non escollese na súa quenda poderá escoller de entre os permisos dispoñibles en cada momento ata o remate do período de escolla da primeira venda.

2) Mediante chamada telefónica ao número que se faga público na páxina web
https://pescafluvial.xunta.gal, na cal tamén se sinalarán a data e o rango horario en que deberá realizarse esta chamada.

Unha vez confirmada unha reserva por calquera dos medios previstos, non poderá ser modificada pola persoa solicitante.

12. Segunda venda de permisos.

Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de escolla. Este procedemento será unicamente a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, cos mesmos requisitos de acceso que anteriormente. O servizo de reserva pola internet estará dispoñible ininterrompidamente para todas as persoas participantes no sorteo a partir da data e hora de inicio.

Tres días antes do comezo da escolla publicarase na páxina web indicada o total dos permisos dispoñibles para esta segunda escolla.

As normas, en canto aos grupos de coutos e ao número de permisos por grupo, serán as mesmas que na primeira escolla.

13. Venda libre.

Os permisos sobrantes non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda nos centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Conservación da Natureza, regulados no artigo 35 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Para atender a demanda prevista, facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto. Para a venda a través da internet reservarase como mínimo o 50 % dos permisos sobrantes en cada couto para cada xornada de pesca.

O acceso á venda libre telemática requirirá o NIF e mais o número dunha licenza de pesca fluvial vixente nese momento ou nos 12 meses anteriores.

Na venda libre só se poderá adquirir un permiso diario.

14. Expedición de permisos.

No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente.

Poderase efectuar o pagamento telematicamente mediante tarxeta de crédito na páxina web, mediante o documento de ingreso telemático presencial (modelo 739) nunha oficina bancaria ou por calquera outra das modalidades dispoñibles no servizos web da Consellería de Facenda.

O permiso emitirase e poderá imprimirse na aplicación informática desde o momento en que se introduza na reserva previa o código N.R.C. xustificativo de ter realizado o pagamento.

Cada participante poderá acceder a todos os seus permisos en formato descargable e imprimible a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

Para o pagamento mediante impreso de liquidación nas oficinas bancarias autorizadas, en cada servizo provincial de Conservación da Natureza facilitaranse os modelos necesarios. Tamén se poderá conseguir na páxina web http://www.conselleriadefacenda.gal o formulario «Modelo L. Prezos Públicos/Privados da Comunidade Autónoma de Galicia. Liquidación». Os impresos tamén poderán confeccionarse seguindo as instrucións que figuran na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal

Segundo o establecido no artigo 7.3 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible; cada titular de permisos debe realizar o pagamento individualmente, mesmo nos casos de solicitudes en grupo.

Nos casos en que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, o pagamento deberá acreditarse, dentro do mesmo prazo de 5 días naturais establecido no parágrafo primeiro deste número 14, remitindo por fax ao servizo provincial a copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado. Tamén será posible facelo mediante correo electrónico, escaneando a copia citada do impreso de liquidación e remitíndoa ao correo electrónico que se indicará na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Nestes casos, os permisos serán remitidos por correo ao enderezo que conste na solicitude.

Na fase de venda libre poderán adquirirse permisos presencialmente nos servizos provinciais de Conservación da Natureza ou nas casas expedidoras habilitadas para o efecto. Na adquisición telemática, a aplicación informática habilitará a impresión dos permisos adquiridos, que en ningún caso serán remitidos por correo desde un servizo provincial.

15. Renuncia a permisos reservados.

Os permisos reservados que non sexan pagados nos prazos antes sinalados serán incluídos na seguinte rolda de escolla.

As persoas que renuncien a permisos reservados por non ter realizado o pagamento no prazo establecido terán bloqueados novos accesos á aplicación informática de venda de permisos durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas. No caso de realizar o pagamento dos permisos reservados fóra do prazo establecido, habilitarase o acceso a aplicación informática na fase de venda libre.

16. Outras normas.

A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regulará os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2018. En todo caso, o emprego dos permisos de pesca outorgados por parte das persoas usuarias estará condicionado ao cumprimento da antedita disposición normativa.

Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa nin obter o reintegro do seu importe. En todo caso, cando proceda o reintegro do importe, será preciso presentar unha solicitude á cal se xunte unha copia do impreso de pagamento en que figuren os datos da persoa titular do permiso.

17. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións informativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file