Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 17 de outubro de 2017 Páx. 48486

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro

EDICTO de notificación de sentenza (113/2016).

Eu, Carlos Neira Pereira, letrado da Administración de xustiza de Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro (Lugo), fago saber que en virtude do acordado nos autos de referencia, e de conformidade co disposto nos artigos 156.4 e 164 da LAC polo presente edicto notifícase a Dolores Pérez Jiménez a Sentenza nº 166/2016, ditada con data do 29.11.2016 no presente procedemento e que ten o teor literal seguinte:

«Sentenza núm. 166/2016.

Viveiro, 29 de novembro de 2016.

Vanessa María Formoso Castro, maxistrada titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro, examinadas as actuacións, ditou a sentenza que segue.

Foron vistos os presentes autos de procedemento de garda, custodia e alimentos nº 113/2016, seguidos ante este xulgado por instancia de Marcelino Vargas Salazar, representado pola oficial habilitada Sra. Parapar, en substitución da procuradora Sra. Rodríguez Mera e defendida pola letrada Sra. Martínez Paleo, contra Dolores Pérez Jiménez, non comparecida e declarada en rebeldía.

Interveu o Ministerio Fiscal en defensa do interese dos fillos menores.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O procurador indicado, na representación procesual que ten, formulou demanda de garda, custodia e alimentos, rexistrada no 18 de febreiro de 2016, que, por quenda de repartición, correspondeu a este xulgado, baseada nos feitos que articula no corpo do escrito, que en prol da brevidade se dan por reproducidos. Despois de citar os fundamentos de dereito que considerou de aplicación, terminou suplicando ao xulgado que, precedendo a tramitación oportuna, se ditase sentenza pola que se adoptasen as medidas que expón no corpo do escrito.

Segundo. Admitida a trámite a demanda por Decreto do 29 de xullo de 2016, emprazáronse o demandado e o Ministerio Fiscal para contestaren no prazo de 20 días. Transcorrido o prazo sen que se contestase a demanda, a demandada foi declarada en rebeldía. O Ministerio Fiscal contestou por medio de escrito do 13 de setembro de 2016.

Terceiro. Por medio de dilixencia de ordenación do 3 de novembro, convocáronse as partes á vista, que se celebraría o 24 de novembro de 2016, ás 13.15 horas. A demandante e o Ministerio Fiscal ratificáronse na demanda e a contestación, practicouse a proba proposta e admitida, documental por reproducida, indagación patrimonial e interrogatorio do demandante; deuse traslado á parte e ao Ministerio Fiscal para conclusións e quedaron os autos vistos para sentenza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O presente procedemento iníciase con base no disposto no artigo 748.4 da LAC, que establece: “As disposicións do presente título (o primeiro dentro do libro IV, referido aos procesos especiais) serán aplicables aos seguintes procesos: …4º Os que versen exclusivamente sobre a garda e custodia de fillos menores ou sobre alimentos reclamados por un proxenitor contra o outro en nome dos fillos menores”; das disposicións contidas no capítulo IV, sobre procesos matrimoniais e de menores, deberase atender á tramitación do artigo 770 da LAC, que regula os supostos en que estes procedementos son contraditorios.

A parte demandante solicitou no seu escrito a atribución da garda e custodia dos fillos menores, e o exercicio exclusivo da patria potestade; solicitou que non se establecese réxime de visitas a favor da demandada, e pensión de alimentos a favor dos fillos e a cargo da demandada, por importe de 450 euros ao mes, e actualizables anualmente conforme os incrementos do IPC.

A demandada non compareceu e foi declarada en rebeldía.

O Ministerio Fiscal adheriuse ás peticións da demandante.

Segundo. Tanto a demandante como o Ministerio Fiscal interesaron a atribución da garda e custodia dos fillos menores ao demandante e o exercicio exclusivo da patria potestade.

O artigo 156 do CC establece que “A patria potestade será exercida conxuntamente por ambos os proxenitores ou por un só co consentimento expreso ou tácito do outro. Serán válidos os actos que realice un deles conforme o uso social e ás circunstancias ou en situacións de urxente necesidade.

En caso de desacordo, calquera dos dous poderá acudir ao xuíz, quen, despois de oír ambos e o fillo se tiver suficiente xuízo e, en todo caso, se for maior de doce anos, atribuirá a facultade de decidir ao pai ou á nai. Se os desacordos foren reiterados ou concorrer calquera outra causa que entorpeza gravemente o exercicio da patria potestade, poderalla atribuír total ou parcialmente a un dos pais ou distribuír entre eles as súas funcións. Esta medida terá vixencia durante o prazo que se fixe, que non poderá nunca exceder os dous anos.

Nos supostos dos parágrafos anteriores, respecto de terceiros de boa fe, presumirase que cada un dos proxenitores actúa no exercicio ordinario da patria potestade co consentimento do outro.

En defecto ou por ausencia, incapacidade ou imposibilidade dun dos pais, a patria potestade será exercida exclusivamente polo outro.

De os pais viviren separados, a patria potestade será exercida por aquel con quen o fillo conviva. No entanto, o xuíz, por solicitude fundada do outro proxenitor, poderá, en interese do fillo, atribuír ao solicitante a patria potestade para que a exerza conxuntamente co outro proxenitor, ou distribuír entre o pai e a nai as funcións inherentes ao seu exercicio”.

A patria potestade, en canto conxunto de dereitos e obrigas respecto dos fillos non emancipados, incumbe, por regra xeral, a ambos os proxenitores, segundo establecen os artigos 154 e 156 do Código civil.

De aí que calquera decisión de transcendencia para a prole en tal situación de xurídica dependencia deba ser adoptada conxuntamente polos cotitulares da devandita potestade, salvando aqueles supostos en que, ben por ausencia, incapacidade ou imposibilidade dun dos pais, o exercicio da devandita función corresponde exclusivamente ao outro, nos termos determinados no último dos preceptos citados, ou ben se, por resolución xudicial, se privase total ou parcialmente un deles da referida potestade, a causa do incumprimento dos deberes inherentes a esta, segundo o que dispón o artigo 170 do citado corpo legal.

De conformidade co establecido no artigo 154 do Código civil, á luz da súa interpretación xurisprudencial, a patria potestade queda configurada como unha función tutela, cuxa primordial finalidade é a de protexer o interese dos fillos, de tal forma que a devandita institución abrangue un conxunto de dereitos que a lei concede aos pais sobre a persoa e bens do descendente, en canto é menor e non emancipado, para facilitar o cumprimento dos deberes de sostemento e educación que pesan sobre os devanditos pais; e constitúe unha relación central da cal irradian multitude de dereitos e deberes, instituídos todos, non en interese do titular senón do suxeito pasivo, entre os cales o noso Código civil, no artigo 154, sinala os de alimentalo, telo na súa compañía, educalo e instruílo, cada un de cuxos deberes pode sufrir as determinadas limitacións que os tribunais xulguen convenientes en interese do menor e en atención ás especiais circunstancias de cada caso concreto (STS 8 de abril de 1975).

O artigo 156 do Código civil establece como norma xeral que, se os pais viven separados, a patria potestade será exercida por aquel con quen o fillo conviva. E ben que o mesmo precepto permite ao xuíz atribuír, en interese do fillo, tal exercicio conxuntamente a ambos os proxenitores, non é menos certo que igualmente determina que, en casos de ausencia ou imposibilidade dun dos pais, a patria potestade será exercida polo outro.

Sobre tal panorama lexislativo e xurisprudencial, é incontestable que no ámbito do noso ordenamento xurídico, e arrincando dos principios proclamados no artigo 39 da Constitución, os dereitos dos descendentes menores de idade ou incapacitados son obxecto dunha atención especial e, en calquera caso, prioritaria sobre os dos seus proxenitores, e, en concreto, na materia que nos ocupa estes, en circunstancias especiais, deben ser sacrificados ou subordinados, en prol dunha mellor atención das diversas funcións integradas na patria potestade.

No ámbito dos procedementos matrimoniais (nulidade, separación e divorcio), e aínda partindo da conseguinte ruptura de convivencia dos pais, o artigo 92 establece, como pauta xeral da correspondente decisión xudicial, a asignación conxunta tanto da titularidade como do exercicio da función analizada, considerando que o devandito precepto tan só fai referencia a aqueles supostos en que o xuíz pode resolver noutro sentido. Así, o parágrafo terceiro establece que “se acordará a privación da patria potestade cando no proceso se revele causa para iso”, e o parágrafo cuarto considera a posibilidade de que o seu exercicio se atribúa total ou parcialmente a un dos cónxuxes “cando así conveña aos fillos”.

Dentro da regulación xeral que da devandita institución se contén no título VII do libro I do Código civil, o artigo 156, no seu parágrafo quinto, dispón que, se os pais viven separados, a patria potestade será exercida por aquel con quen o fillo conviva. Pero a contradición existente entre o devandito precepto e o artigo 92 revélase máis aparente que real, dado que o 156 liga o exercicio exclusivo da patria potestade por un só dos proxenitores aos supostos de defecto, ausencia, incapacidade ou imposibilidade do outro (vid. parágrafo cuarto).

Sobre a devandita base legal, na súa aplicación a supostos como o que nos ocupa, de ausencia de vínculo matrimonial dos proxenitores, debemos considerar que, en prol de salvagardar o superior interese da menor, procede atribuír o exercicio da patria potestade, en exclusiva, ao pai, dada a situación de ausencia da nai.

No acto da vista declarou Marcelino, que referiu que Dolores abandonara o domicilio familiar no ano 2011, e que desde entón non volveran ter contacto con ela, o que implica unha situación de ausencia que xustifica a atribución en exclusiva do exercicio da patria potestade ao demandante.

Terceiro. A parte demandante interesa, ademais, que non se estableza réxime de visitas a favor da demandada.

As medidas relativas aos fillos menores débense adoptar seguindo o principio do favor filii, é dicir, atendendo, de forma preferente, ao seu interese e beneficio, ao cal queda subordinado o dos seus proxenitores. Este principio, que conforma unha regra áurea nos procesos de familia, encóntrase tamén recoñecido en distintos tratados internacionais subscritos por España e que, por tanto, forman parte do noso ordenamento xurídico, como a Convención do 20 de novembro de 1989, relativa aos dereitos do neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en cuxo artigo 3.1 se establece que “en todas as medidas concernentes aos nenos que tomen as institucións públicas ou privadas de benestar social, os tribunais, as autoridades administrativas ou os órganos lexislativos, unha consideración primordial a que se atenderá será o interese superior do neno”, expresión normativa que se repite ao longo do articulado do tratado. Son outras manifestacións de tal principio no noso dereito positivo as recollidas nos artigos 92, 103, 154, 161, 172 e 176 do CC, e, no ámbito autonómico, na Lei 3/1997, do 9 de xuño, de protección xurídica, económica e social da familia, a infancia e a adolescencia de Galicia, que, no seu artigo 3.3, baixo a epígrafe dos principios reitores, proclama “a primacía do interese do neno e da nena e do adolescente e da adolescente sobre calquera outro interese que inspirase as actuacións públicas ou privadas encargadas da súa protección”.

No mesmo sentido se expresou, con reiteración, a xurisprudencia (STS do 31 de decembro de 1982, 2 de maio de 1983), destacando esta última resolución que: “a discrecional actuación do xuíz en prol dos superiores intereses dos fillos, xa destacada pola lexislación precedente (artigos 68, regras segunda e terceira, e 73), cobra aínda maior relevancia no texto actual, informado para todas as situacións de separación, divorcio e nulidade do matrimonio polo criterio primordial do favor filii. E no mesmo sentido a do 9 de xullo de 2003 cando dispón que “o favor filii é o que ten que presidir as relacións cos pais e, como di a sentenza do 27 de marzo de 2001, é o interese dos fillos o que debe prevalecer, mesmo por riba do dos seus proxenitores”.

O artigo 94 do CC sinala que o proxenitor que non teña consigo os fillos menores ou incapacitados gozará do dereito de visitalos, comunicarse con eles e telos na súa compañía. O xuíz determinará o tempo, modo e lugar do exercicio deste dereito, que poderá limitar ou suspender se se deren graves circunstancias que así o aconsellen ou se incumprisen grave ou reiteradamente os deberes impostos pola resolución xudicial.

Nas presentes actuacións concorren graves circunstancias que aconsellan que non se proceda a establecer un réxime de visitas a favor da demandada. Como se indicou, resultou acreditado, coa declaración de Marcelino, que Dolores abandonou o domicilio familiar no ano 2011 e que durante cinco anos non tivo contacto cos seus fillos menores, incumprindo de modo reiterado as obrigas de velar por eles que establece o Código civil. A demandada encóntrase en situación de rebeldía procesual, o cal non supón recoñecemento da demanda nin admisión de feitos, pero solicitouse o seu interrogatorio, polo que se ten por conforme coa alegación relativa á ausencia. Os menores perderon o contacto coa súa nai durante longo tempo, polo que non resulta conveniente para o seu superior interese, atendidas as circunstancias concretas, establecer un réxime de visitas, nin sequera restritivo. E iso sen prexuízo de que se poida modificar a decisión, se variaren as circunstancias.

Cuarto. Polo que respecta aos alimentos, o artigo 93 do CC alude á obriga do proxenitor non custodio de prestar alimentos aos fillos menores e aos maiores de idade que convivan no domicilio familiar e que non gocen de independencia económica.

Canto aos fillos menores, non hai dúbida da obriga do proxenitor non custodio de satisfacer alimentos; segundo o citado precepto o xuíz, en todo caso, determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos e adoptará as medidas convenientes para asegurar a efectividade e acomodación das prestacións ás circunstancias económicas e necesidades dos fillos en cada momento. A devandita contribución, segundo o teor do disposto artigo 146 do CC, ten de se concretar en proporción ao capital ou medios de quen os dá e ás necesidades de quen os recibe, pero deben comprender, de acordo co artigo 142 do CC, todo o que é indispensable para o sustento, habitación, vestido, asistencia médica, así como educación e instrución, co fin de garantir un mínimo desenvolvemento físico, intelectual e emocional dos fillos.

Canto á pensión de alimentos, como indica a AP de Lugo, trátase dunha obriga máis natural que xurídica, e ademais de carácter irrenunciable. Na sentenza do 2 de xaneiro de 2012 indícase que a obriga de alimentos aos fillos ten un compoñente de orde pública e é unha obriga esencial dos proxenitores cunha natureza moito máis intensa que a puramente xurídica, tendo establecido esta Audiencia con carácter xeral un mínimo vital que non poderá ser rebaixado, sobre 120 euros/mes/fillo. E en sentenza do 28 de xuño de 2010 establecíase un mínimo vital de 125 euros, para supostos de ingresos moi exiguos ou practicamente sen eles.

Nas presentes, a demandada non se opuxo á fixación de alimentos e a demandante solicita que se apliquen as consecuencias establecidas na LAC para caso de non comparecencia, tela por conforme cos pronunciamentos de contido patrimonial. No entanto, á vista do resultado da indagación patrimonial, considera este xulgador que a pensión de alimentos debe fixarse no mínimo vital sinalado pola AP de Lugo, de 120 euros ao mes para cada un dos fillos menores.

Os gastos extraordinarios serán aboados ao 50 % por ambos os proxenitores.

Quinto. Pola especial natureza dos procedementos de familia, non procede a condena en custas de ningunha das partes.

En atención ao exposto

Decido:

Admitir parcialmente a demanda interposta por Marcelino Vargas Salazar, representado pola oficial habilitada Sra. Parapar, en substitución da procuradora Sra. Rodríguez Mera e defendida pola letrada Sra. Martínez Paleo, contra Dolores Pérez Jiménez, non comparecida e declarada en rebeldía, e aprobo as seguintes medidas definitivas:

– Atribución da garda e custodia dos fillos menores ao pai, e o exercicio exclusivo da patria potestade.

– Non procede o establecemento dun réxime de visitas a favor da nai.

– Establecemento dunha pensión alimenticia a favor dos fillos menores e que deberá ser aboada pola nai, de 360 euros mensuais pagadoira dentro dos 5 primeiros días de cada mes na conta que o pai designe, e actualizables anualmente conforme o IPC ou o índice que o substitúa. A primeira actualización será en xaneiro de 2018.

Os gastos extraordinarios serán aboados ao 50 %.

Non procede expresa condena en custas.

Líbrese testemuño da presente, o cal se levará aos autos da súa razón, e fique o orixinal no presente libro.

Contra esta sentenza cabe interpor recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, que se deben interpor ante este xulgado no prazo de vinte días desde a súa notificación. Advírtese á parte que desexe recorrer que debe constituír un depósito de 50 euros na conta do xulgado baixo apercibimento de que, en caso de non o verificar, non se lle dará trámite ao recurso.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza.

Vanessa María Formoso Castro. Carlos Neira Pereira. Asinada. Rubricada».

E para que conste e lle sirva de notificación á demandada Dolores Pérez Jiménez, que se acha en ignorado paradoiro, expido e asino este edicto.

Viveiro, 23 de xuño de 2017

O letrado da Administración de xustiza