Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48031

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 10 de outubro de 2017 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal enfermeiro que presta servizos como perfusionista no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O persoal enfermeiro que presta servizos como perfusionista no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá entre as 8.00 horas do luns 16 de outubro e as 15.00 horas do venres 20 de outubro.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se dispoñen nesta orde, os cales resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía.

Para a fixación dos servizos mínimos atendeuse ao seguinte criterio reitor de carácter xeral: persoal necesario para a cobertura do 100 % da actividade urxente e intervencións cirúrxicas inaprazables.

Con base nese criterio, o número mínimo de efectivos que deberá prestar servizos nos días da folga será o seguinte: 1 profesional das 8.00 ás 15.00 horas; 1 profesional, localizable, das 15.00 ás 8.00 horas.

A súa xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal afectado, e quedará constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar eses efectivos mínimos.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios, polo menos con 48 horas de antelación.

A designación nominal como servizo mínimo, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será realizada pola xerencia e notificada ás persoas designadas.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación pola doutro/a profesional que, voluntariamente, acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade