Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2017 Páx. 46899

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, de delegación de competencias nos servizos de infraestruturas agrarias.

Polo Decreto 146/2016, do 13 de novembro, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e mediante o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, fíxase a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

O antedito Decreto 177/2016, do 15 de decembro, no seu artigo 9 establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural cunha Secretaría Xeral Técnica e tres dirección xerais, e concretamente no apartado cuarto da súa letra a) recolle a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

A actividade administrativa relativa aos procesos de concentración e reestruturación parcelaria, competencia da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, leva consigo unha acumulación de funcións na súa persoa titular que, polo seu volume, facilita a indesexable ralentización dos citados procedementos, o que fai aconsellable que naqueles asuntos que non exixan a súa atención directa e persoal, se recorra á delegación de competencias, sempre no marco do debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que redunde en beneficio tanto da propia Administración como dos administrados.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis riguroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O artigo 9.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no seu número primeiro, recolle a posibilidade de delegación de competencias, indicando que os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, aínda cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou en organismos públicos ou entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas.

Nese mesmo sentido, o número 1 do artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispón que o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica poderá ser delegado noutros órganos da propia Administración autonómica ou dalgunha entidade integrante do sector público autonómico.

Vistas a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e demais disposicións de aplicación ao caso.

Esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Delegar nos servizos de Infraestruturas Agrarias das xefaturas territoriais desta Consellería do Medio Rural, as facultades que a seguir se indican, en materia de reordenación parcelaria, tanto concentración como reestruturación parcelaria:

• Resolución respecto dos expedientes de recoñecemento de titularidade de parcelas de achega tanto nos procesos de concentración como reestruturación parcelaria, ata a declaración de firmeza das bases.

• Resolución das solicitudes de cambio de titularidade respecto das parcelas de achega.

• Emenda de erros materiais detectados por instancia de parte ou de oficio, na documentación integrante das bases, sempre e cando non sexan consecuencia de materias propias de recurso de alzada.

2. Ordenar que a presente resolución se publique no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral de Desenvolvemento Rural