Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 2 de outubro de 2017 Páx. 44672

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 26 de xullo de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, na aliñación da parcela situada na rúa Doctor Fleming, número 7.

O Concello de Oleiros remite a modificación puntual referida, redactada polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira, en solicitude da súa aprobación definitiva ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG), e do artigo 144.16 do seu regulamento (en diante, RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Logo de analizar a documentación remitida, en relación coas observacións formuladas no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27 de maio de 2016, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polas ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11 de marzo de 2009 e do 11 de decembro de 2014.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 27 de maio de 2016 informe no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 9 de xuño de 2016, resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Nese proceso de consultas previas, contestaron, ademais da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo:

a) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: 25.4.2016, con observacións.

b) Consellería de Economía e Industria: 14.3.2016.

c) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: 12.5.2016, en que se indica o non impacto da actuación sobre as súas competencias.

d) Instituto de Estudos do Territorio: 23.5.2016, sen efectos significativos na paisaxe.

4. Constan informes municipais favorables á aprobación inicial (artigo 60.6 da LSG) de: arquitecto, do 1 de xullo de 2016, favorable; coordinadora dos servizos urbanísticos, do 11 de agosto de 2016; e Secretaría, do 20 de setembro de 2016.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 29 de setembro de 2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 11 de outubro de 2016 e Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro de 2016), e non se presentaron alegacións.

6. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), o Concello remitiu a esta consellería a documentación pertinente mediante escrito recibido o 26 de outubro de 2016. O resultado do trámite foi:

a) Foron emitidos todos os informes sectoriais autonómicos preceptivos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: 22.12.2016, indicando que non é necesario informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Axencia Galega de Infraestruturas: 30.1.2017, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio: 20.1.2017, sen obxeccións.

• Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: 8.3.2017, favorable condicionado ás prescricións sinaladas.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: 26.1.2017, favorable condicionado á inclusión de certos elementos no catálogo. O 5 de abril de 2017, por pedimento do Concello, foi emitido un novo informe favorable, sen condicións.

b) Déuselles audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Responderon os concellos de Cambre (informe do 15 de novembro de 2016, sen obxeccións) e A Coruña (informe do 22 de novembro de 2016, sen obxeccións).

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, o expediente remitido contén o informe favorable da Dirección Xeral de Aviación Civil do 11 de outubro de 2016.

8. Constan informes do arquitecto municipal sobre o resultado do trámite de información pública, do 16 de febreiro de 2017 e do 19 de abril de 2017, e o informe da coordinadora dos servizos urbanísticos do 19 de abril de 2017, favorable á aprobación provisional.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 24 de abril de 2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual afecta a fronte de parcelas onde se sitúa o predio número 7 da rúa Doctor Fleming de Mera. A vía forma parte da rede que dá accesibilidade á zona norte do núcleo urbano de Mera, como se sinala no punto 2.1.2 do borrador.

2. A modificación vén motivada pola Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 22 de xaneiro de 2015, sobre o procedemento ordinario 4347/2009, que estima a petición do recorrente anulando a aliñación contida no PXOM de Oleiros para repoñer a establecida na parcela polo Plan xeral de 1995.

3. A proposta fai coincidir a aliñación co muro de peche existente nas parcelas nº 7 (pola sentenza) e 9 (pola suxestión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural), e altera as aliñacións nas parcelas lindeiras para enlazalas co resto da rúa. Como resultado prodúcese unha redución do largo previsto para a vía de 12 m a un mínimo de 8,5 m.

III. Análise e consideracións.

1. Réxime legal aplicable á modificación: o Regulamento da LSG aprobado polo Decreto 143/2016 (en diante, RLSG), non é de aplicación á modificación ao ter sido aprobada inicialmente antes da súa entrada en vigor (disposición transitoria primeira do RLSG).

O Plan de ordenación do litoral (POL), aprobado polo el Decreto 20/2011, non resulta de aplicación ao tratarse de solo urbano consolidado (artigo 3.2 da normativa do POL).

2. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG): o cumprimento dunha sentenza xudicial firme pode ser conceptuado como de interese público para os efectos da formulación dunha modificación do plan xeral.

3. Contido da modificación: o proxecto de modificación aprobado provisionalmente correspóndese co borrador sometido a informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 27 de maio de 2016 sen obxeccións en canto ao contido, no cal se introduciron os cambios precisos para as mencións á tramitación posterior, a adaptación formal á LSG e ao contido dos informes emitidos. Daquela, redúcese o largo viario no número 9 da rúa Doctor Fleming por suxestión do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18 de maio de 2016, co fin de respectar un peche e unhas construcións anexas á vivenda tradicional.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e no artigo 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co artigo 3 e as disposicións adicional décima e transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 6 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, na aliñación da parcela situada na rúa Dr. Fleming, nº 7.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio