Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44580

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 8 de setembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Veciñal de Salgueiro e Caldeliñas a favor dos veciños de Salgueiro e Caldeliñas, na parroquia de Vilamaior do Val (Santiago), no concello de Verín.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 24 de maio de 2017, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Veciñal de Salgueiro e Caldeliñas a favor dos veciños de Salgueiro e Caldeliñas, na parroquia de Vilamaior do Val (Santiago), no concello de Verín (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 10 de abril de 2014 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Rafael López Pérez, no cal solicita a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas Veciñal de Salgueiro e Caldeliñas.

Segundo. Con data do 13 de decembro de 2016, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designa instrutor e realiza as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período de un mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. No prazo concedido para a práctica de alegacións non consta que se presentase ningunha.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Denominación do monte: Veciñal de Salgueiro e Caldeliñas.

Superficie: 21.954 m2 (aprox. 2,2 ha).

Pertenza: veciños de Salgueiro e Caldeliñas.

Parroquia: Vilamaior do Val (Santiago).

Concello: Verín.

1. Parcelas catastrais que conforman o monte e superficies:

Referencia catastral

Lugar

Superficie catastral (m2)

Superficie en clasificación (m2)

32086A035003300000SH

Souto Pecho

16.401

16.401

32086A035003330000SB

Souto Pecho

5.553

5.553

Total

21.954

21.954 m²

2,2 ha

– Parcela 330.

Estremas:

Norte: polígono 34, parcela (9006): camiño da ermida dos Milagres.

Leste: polígono 35, parcelas: 332, 267, 268, 270, 271.

Sur: polígono 35, parcela 9006 (camiño).

Oeste: polígono 35, parcelas: 325, 326, 329.

– Parcela 333.

Estremas:

Norte: polígono 34, parcela (9006): camiño da ermida dos Milagres.

Polígono 35, parcelas: 334, 335, 336, 338, 339, 340.

Leste: polígono 35, parcela 9007 (camiño a fincas).

Sur: polígono 35, parcelas: 268, 267.

Oeste: polígono 35, parcela: 332.

Estes terreos non invaden, non forman parte nin estreman con ningún dos montes veciñais en man común clasificados ata a data nin dos que están en trámite de clasificación.

Na zona non existen montes de utilidade pública nin se atopan zonas afectadas por consorcios ou convenios.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei, «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que veña gozando del ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes, e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Veciñal de Salgueiro e Caldeliñas a favor dos veciños de Salgueiro e Caldeliñas, na parroquia de Vilamaior do Val (Santiago), no concello de Verín (Ourense), de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 8 de setembro de 2017

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense