Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2017 Páx. 41370

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 11 de xullo de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, no ámbito do POL Coruxo-I, excluíndo as parcelas que remataron o proceso de cesión e urbanización.

O Concello de Oleiros remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Logo de analizar a documentación remitida, redactada por Oficina de Planeamento, S.A., en relación coas observacións do informe da SXOTU do 3.6.2016; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polas ordes da CPTOPT do 11.3.2009 e do 11.12.2014.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 3.6.2016, informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 9.6.2016, no cal se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas, constan informes:

a) Da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do 16.3.2016, no cal se indica o non impacto da actuación sobre as súas competencias.

b) Do Instituto de Estudos do Territorio do 15.3.2016, no cal se indica que a modificación non xerará efectos significativos na paisaxe.

c) Do Servizo de Montes da Coruña da Consellería do Medio Rural do 4.2.2016, no que non se fan obxeccións.

4. Consta informe do arquitecto municipal do 19.8.2016, favorable; informe da coordinadora dos servizos urbanísticos do 29.8.2016; e outro da secretaria do concello do 20.9.2016, favorables á aprobación inicial (artigo 60.6 da LSG).

5. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 29.9.2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 11 de outubro de 2016 e Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro), e non foron presentadas alegacións.

6. No que afecta os informes sectoriais autonómicos (artigo 60.7 da LSG) resulta:

a) Foron emitidos todos os informes sectoriais autonómicos preceptivos:

• A Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil o 23.12.2016, no cal se indica que non é necesario someter a modificación a informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• A Axencia Galega de Infraestruturas o 30.1.2017, favorable.

• O Instituto de Estudos do Territorio o 20.1.2017, sen obxección.

• A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia informe do 8.3.2017, favorable condicionado ás prescricións sinaladas.

• A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 7.2.2017, favorable condicionado.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Responderon os concellos de Cambre (informe do arquitecto municipal do 15.11.2016, sen obxeccións) e A Coruña (informe do Departamento de Planeamento do 25.11.2016, sen obxeccións).

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, consta informe favorable da Dirección Xeral de Aviación Civil, con data do 19.10.2016.

8. Constan informes do arquitecto municipal do 16.2.2017 e do 10.3.2017, sobre o cumprimento das condicións de patrimonio cultural; e informe da coordinadora dos servizos urbanísticos do 10.3.2017, favorable á aprobación provisional.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 30.3.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual afecta o polígono de solo urbano non consolidado Coruxo I, do vixente plan xeral, situado nas proximidades de Santa Cruz, cunha superficie de 10.604 m2, edificabilidade de 0,6 m2/m2 e cunha ordenación detallada que prevé un vial lonxitudinal, sen reservas de solo para dotacións urbanísticas.

2. No ámbito existen tres parcelas catastrais 3292609NH5939S, 3292628NH5939S e 3292629NH5939S, das cales constan de licenzas de parcelación e edificación dos anos 1998 e 1999, estando na actualidade urbanizada a súa fronte.

3. A modificación parte da consideración destas tres parcelas como solo urbano consolidado, polo que propón a súa exclusión do polígono, cualificándoas como solo urbano consolidado coa ordenanza 2B de extensión de vivenda unifamiliar, cunha edificabilidade máxima de 0,5 m2/m2. O polígono Coruxo I queda reducido a 7.582 m2, coa mesma ordenanza e edificabilidade que no plan vixente. Así mesmo, proponse unha lixeira alteración do trazado da vía do polígono.

III. Análise e consideracións.

1. Réxime legal aplicable á modificación.

O regulamento da LSG aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG) non é de aplicación á modificación, ao ter sido aprobada inicialmente esta antes da entrada en vigor deste (disposición transitoria primeira do RLSG).

A competencia para a aprobación definitiva corresponde a esta consellería (artigos 61.2 e 83.5 da LSG).

O Plan de ordenación do litoral (POL) aprobado polo Decreto 20/2011 non resulta de aplicación por tratarse de solos que adquiren a categoría de solo urbano consolidado en virtude dun expediente de modificación do planeamento xeral vixente (artigo 3.2 da normativa do POL).

2. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG).

Os fins expostos na memoria, canto a atribuír aos terreos a categoría que lles corresponde legalmente conforme o seu estado xurídico e físico, poden entenderse compatibles co interese público para os efectos da formulación da modificación do plan xeral (punto III.1 do informe da SXOTU do 3.6.2016).

En canto ao trazado da vía, ao tratarse dunha alteración de pequena entidade da ordenación do solo urbano, enténdese que a valoración da súa oportunidade e conveniencia, desde o punto de vista urbanístico, corresponde ao Concello de Oleiros (punto III.1 do informe).

3. Contido da modificación.

O proxecto de modificación aprobado provisionalmente correspóndese co borrador informado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 3.6.2016 sen obxeccións en canto ao contido. Só se introduciron os cambios precisos para as mencións á tramitación posterior, a adaptación formal á LSG e ao contido do informe emitido en materia de patrimonio cultural, sobre a valoración dun hórreo existente no ámbito e a necesidade de someter a informe nesa materia as actuacións de desenvolvemento do polígono.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á CMAOT, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3 e as disposicións adicional décima e transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros (A Coruña) no ámbito do POL Coruxo-I.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio