Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2017 Páx. 41375

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se veda o couto de pesca intensiva A Ulloa, no río Ulla, concellos de Antas de Ulla e Monterroso.

Antecedentes:

Con data do 22 de agosto de 2017 detectouse unha importante mortaldade de troitas na canle de aclimatación correspondente ao couto de pesca intensiva A Ulloa, situada no tramo do río Ulla habilitado para tal fin e localizado entre os concellos de Antas de Ulla e Monterroso (Lugo), debido a unha baixada no nivel de auga subministrada á dita canle, por motivos que están a ser investigados.

De acordo coa proposta da Asociación Deportiva de Pescadores da Ulloa, que ten asinado un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a xestión do dito tramo acoutado, e ante a imposibilidade técnica de garantir o seu normal funcionamento, con data do 23 de agosto de 2017 o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo propón a veda do tramo do río Ulla correspondente ao couto de pesca intensiva A Ulloa como medida excepcional polos motivos anteriormente expostos.

Consideracións legais:

O artigo 9 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial (Restricións temporais) establece que a consellería competente en materia de pesca fluvial poderá prohibir temporalmente o emprego de calquera arte ou modalidade de pesca, en todas ou en parte das augas continentais da Comunidade Autónoma, cando existan razóns hidrobiolóxicas que o aconsellen, e que tal prohibición deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia con expresión da súa motivación e duración.

Por outra banda, o artigo 48 (Medidas excepcionais) do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), incide en que, cando existan razóns hidrobiolóxicas ou ambientais que así o aconsellen, se poderán adoptar medidas excepcionais de urxencia para a protección da fauna piscícola e do seu medio, que poderán incluír a prohibición temporal do emprego de calquera arte ou modalidade de pesca, ou mesmo prohibir todo tipo de pesca nunha determinada masa de auga, e que corresponderá á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial a adopción destas medidas, que deberán ser publicadas, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e segundo o establecido no artigo 48 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Resolución:

De conformidade co anteriormente exposto, resolvo vedar a pesca no couto de pesca intensiva A Ulloa, no río Ulla, concellos de Antas de Ulla e Monterroso, segundo o seguinte:

• Límite superior: presa de Parteme (Antas de Ulla e Monterroso; x=594.929; y=4.736.923).

• Límite inferior: A Pontepedriña, na estrada N-640 (Antas de Ulla e Monterroso; x=593.523; y=4.738.142).

• Lonxitude do tramo: 2,6 km.

A veda entrará en vigor o día seguinte ao da publicación desta resolución e manterase ata a data de entrada en vigor da normativa de pesca fluvial correspondente á tempada de pesca 2018.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural