Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2017 Páx. 38239

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 74/2017, do 29 de xuño, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-174, treito Montrove-As Pedreiras (p.q. 2+440-3+600) e na AC-190, treito O Carballo-As Pedreiras (p.q. 0+200-0+620), de clave AC/16/092.06, no concello de Oleiros.

Antecedentes.

Con data do 3 de abril de 2017 aprobouse provisionalmente, por resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-174, treito Montrove-As Pedreiras (p.q. 2+440-3+600) e na AC-190, treito O Carballo-As Pedreiras (p.q. 0+200-0+620), de clave AC/16/092.06.

Con data do 26 de abril de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 80 do anuncio do 4 de abril de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-174, treito Montrove-As Pedreiras (p.q. 2+440-3+600) e na AC-190, treito O Carballo-As Pedreiras (p.q. 0+200-0+620), de clave AC/16/092.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Posteriormente, e despois da análise dos informes e certificacións presentadas, o 22 de xuño de 2017 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-174, treito Montrove-As Pedreiras (p.q. 2+440-3+600) e na AC-190, treito O Carballo-As Pedreiras (p.q. 0+200-0+620), de clave AC/16/092.06.

Este proxecto ten por obxecto a creación dunha senda peonil en dous treitos no concello de Oleiros:

– AC-174: treito Montrove-As Pedreiras p.q. 2+440-3+600.

O itinerario estará conformado, en xeral, por unha senda de 2 metros de largo e unha lonxitude total de aproximadamente 1.160 m; separada da estrada mediante un separador verde de 50 cm de largo mínimo e un bordo de formigón. Esta senda executarase en formigón coloreado, pola marxe esquerda da estrada AC-174.

– AC-190: treito O Carballo-As Pedreiras p.q. 0+200-0+620.

Igual que no caso anterior, o itinerario estará conformado, en xeral, por unha senda de 2 metros de largo e unha lonxitude aproximada de 1.580 m; separada da estrada mediante un separador verde de 50 cm de largo mínimo e un bordo de formigón. Neste caso, ao executarse a senda nunha zona en que se atravesa solo rústico de protección forestal (marxe dereita da estrada AC-190), a senda constituirase en solo estabilizado.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de xuño de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-174, treito Montrove-As Pedreiras (p.q. 2+440-3+600) e na AC-190, treito O Carballo-As Pedreiras (p.q. 0+200-0+620), de clave AC/16/092.06.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda