Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2017 Páx. 38241

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 75/2017, do 6 de xullo, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na PO-340 Gondomar-A Ramallosa p.q. 17+650-21+360, de clave PO/16/055.06, nos concellos de Nigrán e Gondomar.

Antecedentes.

O 18 de novembro de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 221 o anuncio de 26 de outubro polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na PO-340 Gondomar-A Ramallosa p.q. 17+650-21+360, de clave PO/16/055.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Posteriormente, e despois da análise das alegacións, informes e certificacións presentadas, o 21 de xuño de 2017 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na PO-340 Gondomar-A Ramallosa p.q. 17+650-21+360, de clave PO/16/055.06.

Este proxecto construtivo ten por obxecto a realización das obras precisas para a construción dunha senda mixta destinada ao tráfico peonil e ciclista, ao longo da marxe esquerda da PO-340, que permita comunicar os núcleos de Gondomar e A Ramallosa. A sección característica da senda dispón de 2,7 metros de largo, cun separador vexetal de 0,5 metros e bordo de formigón de 0,22 metros de largo; executada en formigón coloreado e sobreelevada 3 centímetros respecto da cota da estrada.

As obras previstas comprenden tamén, de xeito complementario e coa finalidade de garantir a funcionalidade e operatividade da actuación principal (senda peonil e ciclista), as seguintes actuacións:

– Mellora da intersección do p.q. 18+880, mediante a ampliación da calzada pola marxe esquerda, a construción dun carril central de xiro e a disposición dunha semirrotonda.

– Mellora da intersección do p.q. 20+580, mediante a ampliación das cuñas e reordenación dos illotes.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xullo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na PO-340 Gondomar-A Ramallosa p.q. 17+650-21+360, de clave PO/16/055.06.

Santiago de Compostela, seis de xullo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda