Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36751

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello do Grove

ANUNCIO polo que se fai público o expediente de modificación de uso de equipamento en Monte da Vila.

O Pleno do Concello do Grove, en sesión extraordinaria realizada o 14 de xuño de 2017, adoptou entre outros o seguinte acordo, con 11 votos a favor (PSOE; PGD; EU) e 6 abstencións (PP, BNG):

Asunto: expediente de modificación de uso de equipamento en Monte da Vila. Expediente número 1411/2017.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, indica no seu artigo 42.5 que «O Concello en pleno, por maioría absoluta e sen necesidade de seguir o procedemento de modificación do plan, poderá acordar o cambio de uso dos terreos reservados para equipamentos públicos por outro uso dotacional público distinto, sempre que se manteña a titularidade pública ou se destine a incrementar as zonas verdes e os espazos libres públicos».

Por todo iso, e atendendo á referencia normativa mencionada, debe someterse ao Pleno do Concello do Grove a modificación do uso da parcela referida para pasar a cualificala como equipamento dotacional, e permitir así a construción dun auditorio-escola de música que cubra as necesidades propostas nas epígrafes anteriores.

Detalle final do predio

O proxecto proposto para este espazo é un edificio multiusos que albergará, dentro do posible, distintos tipos de actividade. Tense deseñado un edificio de dous andares, cunha sala multiusos para diversas configuracións na planta baixa e unha escola de música na planta alta. Xustifícase a proposta multi-configuración para concellos (como o do Grove) que non poden ter edificios específicos para distintos tipos de actividades culturais, como concertos, conferencias, teatro, bailes, etc. A solución presentada no proxecto técnico salva o enorme custo dos mecanismos habituais dos escenarios multi-configuración electromecánicos e pon á disposición do concello diversos usos cun custo máis reducido e un sistema de configuración de montaxe sinxelo con 2 operarios non especializados.

No proxecto intégrase unha escola de música na planta primeira, que pode reforzar o equipamento de camerinos durante as representacións teatrais aproveitando a non coincidencia de ensaios con actuacións. O conxunto ocupa 1.636,35 m2 da parcela en planta rectangular e o número de butacas pode variar en función da configuración elixida, con 500 para escenario teatral clásico, 686 para un escenario de circo-area e ata 700 nun escenario de conferencia ou cine.

Así mesmo, trasládase informe da Secretaría Municipal do 8 de xuño en relación co procedemento que se debe seguir e demais aspectos relacionados, así como informe do enxeñeiro municipal en que se deixa constancia das previsións fixadas nas NNSS de 1996 e da súa modificación:

Por isto, este Pleno, conforme ao disposto no artigo 42.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e artigo 65.7 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, acorda:

Primeiro. Modificar o uso de equipamento deportivo para o predio situado na rúa Monte da Vila, previsto nas NNSS de 1996 do Concello do Grove, polo uso de equipamento cultural, para destinalo á construción dun auditorio municipal.

Segundo. Publicar este acordo no BOP de Pontevedra e no DOG, para os efectos oportunos.

Terceiro. Comunicar este acordo á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

O Grove, 26 de xuño de 2017

José Antonio Cacabelos Rico
Alcalde

missing image file
missing image file
missing image file